Cando Wenceslao Fernández Flórez se inspirou na fraga de Cecebre para escribir El bosque animado, o lugar era moi distinto ao de hoxe. Non existía o encoro, nin estaba rodeado polas dúas grandes vías de comunicación de Galicia: a A-6 e a AP-9. Porén, aínda que os humanos deixaron a súa pegada na contorna, a zona segue preservando un alto valor natural, como espazo protexido e moi acaído para gozar do turismo ornitolóxico e dunha gran variedade de hábitats.
O encoro construíuse a mediados dos anos 70, no marco do rápido crecemento da cidade da Coruña e, por tanto, das súas necesidades de abastecemento de auga. Aproveitáronse as bacías dos ríos Mero e Barcés, que conflúen xusto neste punto, entre os municipios de Abegondo e Cambre. As augas teñen unha profundidade media de máis de 5 metros. O espazo protexido, de case 530 hectáreas, chega tamén aos concellos de Betanzos, Carral e Oza dos Ríos.
Así, que aínda que a construción da presa alterou a paisaxe, a zona non perdeu a súa importancia ecolóxica. Así, máis da súa cuarta parte, sobre todo na parte alta do encoro, conta cun valor de conservación “moi alto”. Hoxe está protexida por varias figuras, como o Lugar de Interese Comunitario (LIC), Zona de Especial Conservación (ZEC) e forma parte tamén da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Rede Natura.
As aves
Cecebre destaca, sobre todo, pola gran variedade ornitolóxica que se pode observar. Hai rexistros de máis dun cento de especies de todo tipo, desde propiamente acuáticas ata outras máis habituais nos bosques de ribeira. Sobre todo nas épocas de migración, abonda con pararse nos puntos habilitados, como o observatorio de aves de Crendes, para contemplar unha romaría de paxaros sen fin.
Millafres negros, mergullóns cristados, pardais monteses, azores comúns, garzotas grandes, paspallás, paporroibos, lavandeiras reais, cercetas, ou aguias pescadoras móvense buscando alimento e protección nas augas, as veigas e os campos da volta.
E algunhas outras, como o fumarel común (Chlidonias niger), a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) ou a aguia peixeira (Pandion haliaetus) están en perigo de extinción ou nunha situación vulnerable.
Hábitats protexidos e especies en perigo
Na área do encoro de Cecebre poden verse tamén hábitats protexidos, entre os que sobresaen os queirogais secos, bosques aluviais de amieiros e freixos e as carballeiras. Nestas zonas aparecen tamén outras especies vulnerables de mamíferos e anfibios, como o morcego rateiro ou o morcego grande de ferradura, a toupa de río ou a salamántiga rabilonga.
Ademais, algunhas especies exóticas invasoras, como o caranguexo de río americano, o visón americano, a perca e a carpa comprometen a supervivencia dalgúns taxóns que levan moito tempo habitando a zona.
Se cadra estaba ben dar un paseo arredor e mencionar que por toda a contorna, en diversos puntos, están tallando fincas e destrozando carreiros para plantar eucalipto ata a beira mesma do encoro, sen que ningunha administración pareza estar facendo nada para protexer o espazo