Xoves 25 Abril 2024

Elisa Díaz Riva, pioneira da química en Galicia

A investigadora compostelá foi das primeiras tituladas nesta disciplina, pero tivo que marchar ao exilio tras a Guerra Civil

Elisa Díaz Riva abriu camiños para a muller en Galicia, pois foi unha das primeiras mulleres en acadar a titulación de química, iniciando logo unha prometedora carreira que se viu truncada pola Guerra  Civil, que a levou a tomar o camiño do exilio, como outros milleiros de cidadáns. México foi o seu refuxio obrigado, nun intre da súa vida en que comezaba a despuntar na súa carreira investigadora.

Elisa Susana Agustina Díaz Riva naceu en Compostela o 22 de agosto de 1914, no seo dunha familia que valoraba a educación como unha base irrenunciable para os cidadáns. O seu pai, Nicolás Díaz López, era profesor de instituto, primeiro como catedrático de Latín en Lugo, e dende 1906 trasladado a Santigago. A súa nai, Sabina Riva Moscoso, era natural de Ferrol. Os seus tres irmáns estudaron na universidade compostelá: Manuel e Nicolás Antonio fixeron Medicina, mentres que María Victoria cursou Filosofía e Letras, e foi mestra e inspectora de ensino, ademais dunha notable pedagoga, relacionada coa Residencia de Señoritas que dirixiu María de Maeztu, e becada pola Junta de Ampliación de Estudios (JAE) para realizar estadías de investigación en Francia, Bélxica e Suíza.

Publicidade

Nova co nomeamento de Riva como profesora da USC.

Elisa, pola súa banda, decantouse pola ciencia. Xa no bacharelato oficial no Instituto de Santiago obtivo premio extraordinario. Alí coincide con Natividad Mejuto Larrauri, con quen trabaría amizade, e que sería tamén unha brillante científica, bolseira na facultade de Ciencias en 1932 e unha das primeiras docentes da USC, como profesora axudante de prácticas no Laboratorio de Química Orgánica que dirixía Fernando Calvet.

Elisa Díaz Riva matricúlase en 1930 nos estudos de Química, para obter o título de licenciada no ano 1934, tras o que acadou unha bolsa que lle permitiu traballar como axudante de clases prácticas da materia Física Experimental durante 1934 e 1935 na Facultade de Ciencias. Ademais, foi Axudante de Laboratorio de Bioloxía xunto ao profesor Luís Iglesias (1935) e traballou tamén no Laboratorio de Física (1935 e 1936), baixo a dirección de Mariano Zurimendi.

Tras este período lectivo, a química compostelá pasa á docencia, ao gañar unha praza de Profesora de Física e Química no Instituto de Segunda Ensinanza Pi i Margall de Barcelona, aínda que non chegou a exercer alí senón que pasou ao Instituto de Badalona, onde podía dar as clases en castelán, xa que non dominaba o catalán.

Rexistro de entrada en México de Elisa Díaz Riva, cando marchou ao exilio.

O golpe de estado de 1936 envorcou a súa traxectoria vital. Elisa casou en 1937 co profesor pontevedrés Laureano Poza Juncal, militante de Acción Republicana e de Izquierda Republicana. Fora catedrático interino de Física e Química no Instituto Nacional de Segunda Enseñanza de Vigo, e máis tarde profesor da Escuela de Guerra Número 1 de Barcelona. En Vigo, onde os sublevados teñen o control dende o primeiro momento da Guerra Civil, Poza é depurado do seu posto docente. E a parella conclúe que a súa única opción é xa marchar ao exilio, aparecendo como beneficiarios dunha axuda que outorgaba o centro marsellés dos Comités de Axuda aos intelectuais cataláns. Finalmente, parten no buque Ipanema cara ao porto de Veracruz, en México, onde chegan o 7 de xullo de 1937. Alí pasarían o resto das súas vidas.

Laureano Poza atopa no país americano unha praza como profesor de Ciencias Químicas na Universidade Internacional e no Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón. Pola súa banda, Elisa completa a súa formación estudando Técnica en Laboratorios Clínicos na Universidade Feminina, tras o que pasa a traballar como profesora de Química Xeral, Química inorgánica e orgánica en escolas secundarias de México. Curiosamente, como apunta a investigadora Xoana Pintos, autora dunha monografía sobre as científicas pioneiras na Universidade de Santiago, en México Elisa compaxinou a docencia de ciencias coa  Filosofía Esotérica, formando parte dunha asociación de teosofía, coa que publicaría varios libros.

Elisa Díaz Riva xa non regresaría de América, despois dunha carreira truncada polo exilio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses