Venres 29 Marzo 2024

A ‘galega’ Elba axuda a comprender a relación entre cazadores-recolledores e os primeiros agricultores

Cando o ser humano deu o paso desde o nomadismo dos cazadores-recolledores cara a domesticación dos animais e o nacemento da agricultura produciuse un dos principais fitos da historia da nosa especie. Son moitas as teorías, investigacións e interpretacións sobre como se produciu ese feito. Investigadores de varios países, entre os que se atopan científicos da Universidade da Coruña, acaban de publicar na revista Current Biology un estudo que “trata de descifrar as relacións entre os cazadores e recolledores europeos e os novos inmigrantes de Anatolia, cun modo de vida diferente baseado na agricultura e a gandería”, sinala Aurora Grandal D’Anglade, paleontóloga da UDC. Xunto a ela, tamén asinan o artigo os galegos Juan Ramón Vidal Romaní, Gloria González-Fortes e Marcos Vaqueiro. Para resolver este tema, a pastora Elba, que viviu hai 9.300 anos no que hoxe é Galicia, xogou un papel clave. Os seus restos foron estudados, xunto a outros corpos de Asturias, Romanía e Turquía, para atopar o grao de relación entre nómades e sedentarios.

A investigadora galega explica que “dende hai moitos anos existe un debate aberto sobre o proceso de neolitización de Europa”. Por unha parte, arguméntase que se produciu por aculturación, é dicir, que os nómades foron adoptando, de leste a oeste, as estratexias propias dos granxeiros inmigrantes. E por outra banda, existe a teoría de que este proceso se levou a cabo por “difusión démica, segundo a cal os inmigrantes irían penetrando en Europa e substituíndo aos grupos locais de cazadores e recolledores”.

Publicidade

O estudo confirma que nómades e sedentarios se reproduciron entre eles

Para atopar esta relación, os científicos analizaron individuos do val baixo do Danubio, na zona coñecida como Iron Gates, entre Rumanía e Serbia. Observaron que os máis antigos, duns 8.000 anos antes de agora, comparten liñaxe cos mesolíticos tardíos da península Ibérica, mais non con Elba. Non en tanto, varios miles de anos despois, hai uns 5.000 anos, xa presentan un pequeno compoñente xenético dos granxeiros da zona de Anatolia, en Turquía, de onde procedían as primeiras mostras de agricultura e gandería.

“Agardabamos certo nivel de mestizaxe entre estes cazadores-recolledores e agricultores”, sinalou á Axencia Sinc outro dos autores, Michael Hofreiter, da universidade de Potsdam, “pero sorprendéronnos os altos niveis de integración entre as dúas comunidades cando se reconstruíu o ADN antigo”.

Esta relación confírmase con outros indicios arqueolóxicos que amosan un intercambio cultural entre ambas poboacións. Porén, segundo Aurora Grandal, esta neolitización non se debeu á aculturación ou á difusión, senón a “repetidos episodios de mestura xenética entre ambos grupos e outros dos arredores”.

Elba non contribuíu á mestura entre cazadores-recolectores e agricultores

Como principal implicación, a investigación conclúe que “a interacción entre os poboadores ancestrais de Europa e os granxeiros de Anatolia é máis complexa que o que propoñían as dúas hipóteses antes mencionadas”, expón Grandal D’Anglade. Por tanto, esta relación “ten que ser estudada engadindo máis individuos de diferentes localizacións, xa que non foi un proceso homoxéneo en ningún senso: nin no mesmo tempo, nin no mesmo lugar, nin do mesmo xeito”, sostén a investigadora galega.

Polo que respecta a Elba, “vese que a súa liñaxe non se agrupa coa dos poboadores mesolíticos ibéricos, é dicir, que non contribuíu apreciablemente as poboacións posteriores”, di Grandal. Este feito “é un dato que na actualidade está sendo obxecto de un estudo máis detallado, xa centrado na península Ibérica, para estudar a dinámica das poboacións humanas na transición de cazadores-recolledores a agricultores, mais complexa do sospeitado”, conclúe.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta é a primeira imaxe dunha tartaruga xigante cazando un paxaro

Unha secuencia gravada nunha illa das Seychelles achega a primeira evidencia documental deste comportamento dun quelonio fronte a unha ave

O rastro no ADN doutra epidemia de coronavirus con máis de 20.000 anos de antigüidade

Unha análise de xenómica evolutiva atopa sinais de adaptación a un virus semellante ao SARS-CoV-2, principalmente en poboacións do leste de Asia

Un animal microscópico do Ártico volve reproducirse tras 24.000 anos conxelado

A revista "Current Biology" publica unha investigación que describe como un rotífero recuperou a vida no laboratorio tras ser desconxelado do permafrost

Rexistran no Amazonas o trilo máis forte dun paxaro: 125.4 db

O campaneiro branco, "Procnias albus", acadou esta cifra, segundo mediron dous científicos nunha investigación que publica "Current Biology"