Venres 29 Marzo 2024

O ecoloxismo galego denuncia “abandono” e “desidia” da Xunta na conservación da natureza

Oito entidades conservacionistas subscriben as protestas ante o debate da nova Lei de Patrimonio Natural no Parlamento de Galicia

Este luns, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, presidiu en Sanxenxo o acto de entrega das bandeiras azuis ás 156 praias nas que locerá este ano o distintivo, outorgado por unha entidade privada que perdeu hai anos o sustento da Unión Europea. As bandeiras azuis reciben críticas de numerosas entidades ecoloxistas, e nalgunhas zonas, como o País Vasco, concellos e outras administracións centran os seus esforzos noutras certificacións ambientais que consideran máis rigorosas e obxectivas. Así, existen casos como o de Barrañán, en Arteixo, excluída do censo de zonas de baño pola presenza de bacterias fecais na auga, pero que fica na lista de bandeiras azuis. En Galicia, segundo recolleu recentemente Praza, hai concellos que xa comezan a renunciar a elas. E este martes celebrarase no Parlamento de Galicia o debate ás emendas á totalidade da nova Lei de Patrimonio Natural, que substituirá á Lei de Conservación da Natureza do ano 2001. Coincidindo co debate, oito entidades ecoloxistas asinan un comunicado co que denuncian o “abandono” e a “desidia” da Xunta de Galicia arredor da conservación da natureza.

Así, apuntan que a nova lei “vai pouco máis alá de basearse no anterior, actualizando o texto co indicado na normativa estatal de obrigado cumprimento e algúns convenios internacionais subscritos polo Estado”. Estas entidades argumentan ademais que a lei do 2001 “non se chegou a aplicar en toda a súa extensión, e nunca contou coa correspondente norma regulamentaria que a desenvolvera”.

Publicidade

Especies ameazadas e invasoras, Rede Natura ou parques naturais

Como exemplo, as entidades ecoloxistas poñen os plans de recuperación e conservación das especies ameazadas. “En 12 anos se teñen aprobado soamente 3, cando a lei establece a obriga de facelos para as 200 especies catalogadas oficialmente como “en perigo de extinción” ou en situación “vulnerable”. Así, a nova lei establece o prazo máximo para desenvolver os plans en tres anos no caso das especies en perigo de extinción, e de cinco no caso das especies vulnerables. Pero, segundo denuncian os colectivos, os únicos tres plans aprobados “non están a ser aplicados”, o que ten “levado ao agravamento da situación das especies ameazadas”.

O 98,5% das especies ameazadas en Galicia aínda non conta con plan de protección

Sobre a Rede Natura, as entidades subliñan que “non se ten cumprido coa obriga establecida pola Unión Europea de ampliala, correndo o risco de que os espazos propostos oficialmente hai dez anos para a súa incorporación se deterioren gravemente e que a Unión Europea impoña severas sancións económicas por este incumprimento”, ademais do “estado xeral de abandono destes espazos protexidos”.

Nunha liña semellante, critican a política respecto dos parques naturais. “A diferenza do resto das comunidades autonómicas, a lei establece unha superficie mínima para os parques naturais”, polo que agás da Baixa Limia e Serra do Xurés, ningún parque natural galego tería sido declarado con esta lei, por non acadar a cifra de 10.000 hectáreas”. Esixen tamén a figura de director de parque natural, imprescindible para a súa boa xestión”. E respecto aos humidais, moitos deles “desaparecidos ou degradados”, esixen tamén unha maior protección, xa que “a nova lei non establece a actualización do inventario e medidas adicionais de protección (coa única excepción dos cinco que están protexidos por convenios internacionais)”.

As entidades esixen máis plans de protección para especies ameazadas, un catálogo de especies invasoras e unha ampliación da Rede Natura, entre outras medidas

Alén destes puntos, as entidades piden actuacións de maior calado contra as especies exóticas invasoras, coa creación do “imprescindible” catálogo galego, unha maior atención ás entidades de custodia do territorio e un maior control sobre o uso das municións de chumbo e sobre o réxime sancionar. “Incumprir a lei compensa”, critican os redactores do escrito.

Ante esta situación, as entidades amósanse “moi preocupadas” pola aprobación da lei, que ao seu xuízo “non garante a preservación da nosa flora, fauna, xea, paisaxe e servizos ecosistémicos”.

Asinan o comunicado Asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Ecoloxistas en Acción, Foro de Redes y Entidades de Custodia del Territorio, Grupo Naturalista Hábitat, Rede Galega de Entidades de Custodia do Territorio, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A riqueza de Cabo Ortegal, a tan só un paso de converterse en Xeoparque

A Deputación da Coruña, en colaboración con sete concellos, promoveron a iniciativa, que se pode certificar esta mesma primavera

Fragas do Eume, un modelo de “turismo consciente” baseado no ecoloxismo

Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Coruña impulsan unha alianza co patrimonio natural e cultural

A cara máis descoñecida de Rosalía: cando a poeta se opuxo á tala da carballeira de Conxo

A autora galega foi unha das primeiras en España en lanzar proclamas en defensa da natureza e do medio ambiente

A balea azul en Galicia: así foi o impacto das capturas no Atlántico sur de Europa

Un estudo analiza a caza baleeira en España e sinala que "a maior presenza desta especie na costa galega é o resultado de anos de protección"