Así explicaba dona Angelita o funcionamento da súa enciclopedia mecánica

“Aliviar o ensino. Co mínimo esforzo, conseguir os máximos coñecementos”. Así explicaba Ángela Ruiz Robles, dona Angelita, a mestra ferrolá que en 1949 patentou un libro de texto para os estudantes que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión, ao que se podían engadir diferentes carretes correspondentes ás distintas materias, e ao que deu o nome de Enciclopedia Mecánica.

Nun vídeo publicado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), faise un percorrido polo invento desenvolvido por Dona Angelita. Tal e como sinalaba a patente, o aparato levaba “unhas bobinas onde se colocan os libros que se desexe ler en calquera idioma. Por un movemento destas van pasando todos os temas, facendo as paradas que se queira,”. O despregamento das bobinas facíase de xeito mecánico, cun sistema que despregaba os carretes.

Publicidade

O obxectivo de dona Angelita era “reducir o peso dos libros” que os nenos debían levar nas súas carteiras e “facer o ensino máis atractivo para os alumnos“, explica o seu neto, que engade que outra das súas preocupacións eran “os nenos con algunha dificultade, por exemplo na vista, para os que ideou a posibilidade de graduar a lámina transparente baixo a cal se deslizaban os carretes”.

Desgraciadamente, a Enciclopedia Mecánica nunca se chegou a comercializar. Mais non foi o único invento de dona Angelita. Desenvolveu tamén un Atlas Científico gramatical, unha especie de hipertexto con enlaces no que elixindo unha cidade ou vila de España, puidese consultarse sobre a súa información gastronómica, cultural, xeográfica, política e social; e un método taquimecanográfico que pretendía axudar a escribir de forma máis rápida e doada de aprender e recordar, propoñendo unha nova agrupación das teclas na máquina e mesmo novas abreviaturas.

Tamén podes ler:

Doña Angelita, a ferrolá que inventou o libro electrónico

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.