Sábado 20 Abril 2024

Defensa desclasifica documentos dos avistamentos OVNI en Galicia

Son OVNIs pero non pratos voantes, nin alieníxenas. Todos teñen a súa explicación, aínda que non sexa doado atopala. Por iso tiñan interese para o Ministerio de Defensa, que nos anos 60 do século pasado abriu un arquivo segredo cos avistamentos máis misteriosos de obxectos voadores non identificados. E Galicia destaca como territorio UFO.

Outro dos croquis realizados
Outro dos croquis realizados

Porque o Ministerio de Defensa vén de desclasificar 80 informes con 1.900 páxinas de ‘Expedientes OVNI‘, dos que catro avistamentos en Galicia se contan entre os máis salientables. Estes documentos secretos apuntan ás veces a ilusións ópticas; noutros casos sorprenden pola variedade de testemuñas; e noutros casos, non se atopa unha explicación a estes Obxectos Voadores Non Identificados.

Publicidade

Nestes documentos, de “avistamentos de fenómenos estraños”, segundo explica a Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa, inclúense un informe datado en Ferrol en 1966, outro entre Becerreá e Lugo, en 1969, e outros dous en Noia.

En 1991 iniciouse un proceso de desclasificación destes ‘Expedientes OVNI‘ por parte do Ministerio de Defensa. Para facer isto posible, en 1992 foi depositada unha copia física na Biblioteca Central do Exército do Aire. Grazas á súa dixitalización pódense consultar a través de Internet na Biblioteca Virtual de Defensa. Neles, respéctase a identidade dos denunciantes de cada caso. Cada expediente consta de varias páxinas onde figuran diversas consideracións como o lugar do avistamento, a data, o resumo dos feitos, conclusións e a proposta de clasificación ou desclasificación do expediente, así como entrevistas con testemuñas e documentos gráficos no caso de existir.

O expediente 660402 é o primeiro caso do que se ten constancia en territorio galego. Aconteceu en Ferrol o 2 de abril de 1966, cando ás 23.30 horas na estación de radio da Carreira un cabo que se atopaba de garda, un celador e dous mariñeiros “observan no ceo un obxecto voluminoso de luz opaca que varía de forma cada cinco minutos aproximadamente”. No oficio remitido polo Capitán de Corveta Xefe da Estación aparece “un prazo de 45 minutos aparentemente de observación”.

En base aos datos do expediente realizado polo capitán de corveta e xefe da estación radiotelegráfica, as testemuñas aseguran que “o obxecto atopábase á esquerda de Monte Campelo“. O cabo realizou unha fotografía que se adxunta no informe. O soldado ademais describe a súa forma, cor azulada, e que estivo a unha altura duns “200 metros” sobre o chan. Tamén se recolle o testemuño dun mariñeiro que desde Xubia, Narón (A Coruña), observou o mesmo obxecto situado sobre a estación de radio. No seu caso sobre as 23.00 horas do mesmo día.

Expedente do OVNI de Becerreá.
Expedente do OVNI de Becerreá.

En Galicia houbo un segundo avistamento que foi visto entre Becerreá e Lugo, “no quilómetro 476 da estrada Madrid-Ferrol”, por un condutor ás 20.00 horas do 2 de abril de 1969. O home que realizou o avistamento enviou unha carta ese mesmo mes a Madrid ao coronel do Exército do Aire na que aseguraba observar un obxecto “redondo, dun diámetro máis ou menos de dous metros cunha punta terminada en forma de obús e a outra plana”, que “estaba na súa totalidade iluminado por unha luz fantástica, parecía que o seu exterior era de trocitos, coma se fose gresite en múltiples cores”.

O obxecto estaba inmóbil e a unha altura moi próxima ao chan. Pero “a testemuña avanzou un treito co seu automóbil buscando un lugar apropiado para deterse e, cando o fixo e descendeu, xa non puido localizar o obxecto”. Defensa propón, “coas lóxicas reservas“, a posibilidade “dunha ilusión óptica orixinada polo reflexo do sol nunha roca granítica”, debido a que a zona “é rica en rochas” deste tipo, “con forte compoñente de mica e moi erosionadas, o que lles proporciona contornos redondeados de múltiples formas“. Con todo, o dossier non inclúe investigación posterior e “non pode descartarse a posibilidade de que as apreciacións da testemuña fosen obxectivas e exactas”.

Aquí podes consultar
Os expedentes OVNI desclasificados por Defensa

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204