Xoves 28 Marzo 2024

Sete datos curiosos sobre o atlas da mortalidade en Galicia

Poucas mortes por Alzheimer e fracturas por osteoporose, gran incidencia dos cancros de estómago e esófago... A que se debe isto?

De que morremos en Galicia? A publicación do Atlas Nacional de Mortalidade, a maior radiografía realizada en España sobre os riscos relativos de falecemento dos cidadáns en todo o territorio estatal, puxo sobre a mesa aspectos concretos e salientables sobre as particularidades do caso galego. Varios municipios, sobre todo no norte do país, encabezan as cifras de mortalidade debido a accidentes de tráfico e suicidios. Pero hai outros detalles sobre os que cómpre deterse: os altos indicadores relativos ao cancro de estómago no litoral das Rías Baixas, as últimas pegadas da epidemia da sida e as sobredoses de drogas, ou a posición de varios municipios galegos á cola dos falecementos atribuídos ao Alzheimer, tal e como presenta o traballo do grupo de investigación Bayensians da Fundación Fisabio e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Generalitat Valenciana.

“É un traballo moi interesante e valioso polo seu alcance estatal, e durante un período amplo, tendo en conta un gran número de falecementos”, apunta Alberto Ruano, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela. O investigador destaca, do mesmo xeito, que a posibilidade de debullar tamén os resultados “trienio a trienio” entre 1989 e 2014 permite detectar as diferenzas ao longo do tempo. Con todo, explica Ruano que o estudo non debe servir para describir por si mesmo posibles causas. “Está moi ben como punto de partida, amosando detalles interesantes, pero para relacionar e constatar os datos que amosa este Atlas de Mortalidade coas causas que están detrás serían precisos estudos concretos; non se pode atribuír a un determinado factor sen un estudo que o sustente”, engade.

Publicidade

Porén, aínda limitándose á descrición, hai determinadas claves e números que cómpre salientar. Estes son sete deles:

1. Por que tan pouco risco de Alzheimer?

Mortalidade por Alzheimer 2012-2014. Fonte: ANDEES.
Mortalidade por Alzheimer 2012-2014. Fonte: ANDEES.

A situación demográfica de Galicia, cunha das poboacións de maior idade no conxunto estatal, é un tema do que se fala case todos os días. Neste contexto, é canto menos sorprendente que, cun importante intervalo de confianza, o risco segundo o indicador da Razón de Mortalidade Estandarizada suavizada (RMEs) de municipios galegos sexa o menor de toda España. Na Costa da Morte, sur de Ourense e Terra Chá, as cifras só se poden comparar ás da provincia de Salamanca, na zona máis próxima a Portugal.

Neste punto, Alberto Ruano matiza: “Hai que pensar en como se fan os rexistros de defunción, o que determina o médico como causa última da morte: é posible que unha persoa padeza Alzheimer desde hai anos, pero que acaba morrendo por unha gripe ou unha pneumonía nun inverno; a causa última é a que queda nas estatísticas”.

2. Caídas e osteoporose

Como acontece coas doenzas neurodexenerativas, hai outros casos nos que se poden difuminar as estatísticas. “Nalgunhas categorías, como os suicidios ou os accidentes, hai pouco lugar á dúbida, pero noutras, hai diferenzas que hai que ter conta”, conta o profesor da USC. Un dos casos máis evidentes son as mortes por caídas accidentais ou ben por osteoporoses e fracturas patolóxicas. É sabido que máis dunha cuarta parte das persoas que sofren fracturas de cadeira por osteoporose morre no ano seguinte.  Un cambio na clasificación dos falecementos (como se pode ver baixo estas liñas en Cataluña a partir de 2009), ou mesmo a indicación dunha causa secundaria na morte, pode alterar neste caso as estatísticas. Así foi a evolución entre 1989 e 2014 no tocante á mortalidade por osteoporose.

En Galicia e Cantabria, por exemplo, sorprende a relación inversa entre as mortes por caídas accidentais (que se incrementaron sobre todo en 2012-2014) e o baixo índice de mortes atribuídas a fracturas derivadas da osteoporose que apuntan os mesmos datos do Atlas. A RMEs neste factor é especialmente baixa na provincia de Pontevedra, onde a gran maioría dos concellos da provincia teñen as cifras máis baixas de España.

3. A lacra dos accidentes

A inclusión da variable temporal no Atlas é importante á hora de entender listaxes como a dos accidentes de tráfico. Dos 50 municipios españois con maior risco de falecer nun sinistro con vehículos a motor, 30 están en Galicia. É por todo o mundo coñecido que as cifras de mortalidade nas estradas baixaron moito nos últimos vinte anos. Porén, as mortes nos anos 70, 80 e 90 do século eran tantas que deixaron pegada no atlas.

As cifras dos primeiros trienios (1991-1993) nalgúns concellos galegos son estarrecedoras. En vilas dun tamaño medio, onde a marxe de erro estatístico se reduce respecto aos máis pequenos, como Vilalba, Arteixo, A Laracha ou Sarria, a RMEs apuntaba a unha probabilidade un 300% maior de morrer respecto ás cifras medias noutros municipios españois.

4. Cancro de estómago e esófago nas Rías Baixas

Bueu, Cangas, A Guarda, Moaña, Vilaboa, Marín, O Grove, Porto do Son… Xunto aos municipios da provincia de Burgos, as Rías Baixas lideran ao longo do tempo o risco de mortalidade asociado aos tumores da cavidade gástrica, sobre todo de estómago e esófago. “Desde logo que chaman á atención estas cifras”, expón Alberto Ruano. Sendo uns tumores que non está entre os máis frecuentes, algo acontece nestes concellos da costa galega, e tamén no resto do litoral cantábrico. Os tumores gástricos asociáronse habitualmente ás dietas ricas en salgaduras, como é habitual nos portos de mar, e nas zonas do interior onde se consumen produtos curados (de aí as cifras de Burgos).

A relación deste tipo de cancros, moito máis habituais nos homes, tamén se pode vincular ao consumo excesivo de alcol e tabaco, que adoita tamén ser maior nas zonas litorais.

5. A sida e as sobredoses

A epidemia da drogadicción dos anos 80 e 90 deixa tamén pegada nas cifras de mortalidade. En cinco das sete cidades (Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra) o risco de morrer por sida, (a maior parte das veces por contaxio a través do sangue por consumo de droga inxectada, era notablemente maior. E as cifras eran bastante máis altas en municipios como O Grove ou Vilagarcía de Arousa.

Algo semellante acontece cos certificados de defunción que aluden ao envelenamento por psicofármacos e drogas de abuso. Ademais do País Vasco e Asturias, concellos como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Narón, Ferrol, Cangas ou Vilagarcía aparecen nos 100 primeiros postos.

Envelenamento por fármacos e drogas de abuso (1989-2014). Fonte: ANDEES.
Envelenamento por fármacos e drogas de abuso (1989-2014). Fonte: ANDEES.

Nestas dúas causas hai outro concello que aparece, tamén destacado. É A Lama, onde está o centro penitenciario que acolleu a moitas das persoas que cumprían penas por delitos relacionados co consumo de drogas.

6. O cancro de pulmón en mulleres

Nun contexto xeral  de descenso de case todos os indicadores de mortalidade, debido ao aumento da esperanza de vida, hai algunhas consecuencias do cambio social que agroman en forma de maior risco. Un dos casos é o aumento do cancro de pulmón en mulleres. Nalgúns casos, segundo apunta Ruano, “podería deberse ao maior número de mulleres fumadoras”.

Pero hai que considerar outros posibles factores. Un deles, é ben coñecido en Galicia: o gas radon, e pode estar detrás da diferente distribución das RMEs no caso dos tumores pulmonares en homes e mulleres. Municipios do Baixo Miño, como Salceda de Caselas, As Neves, O Porriño, Salvaterra do Miño, e mesmo Vigo, están entre os 60 de maior risco de España para as mulleres en canto a cancro de pulmón. Porén, no caso dos homes, estes mesmos concellos caen sensiblemente na listaxe en detrimento de rexións con altos niveis de tabaquismo, como Extremadura e Andalucía.

Comproba neste mapa os niveis de radon no teu concello

7. O suicidio

“Son datos que non deixan de ser chamativos, pero non son novos”, expón Alberto Ruano sobre o alto risco de suicidio no norte de Galicia, só equiparable ao de rexións de Andalucía. “Sábese que está asociado a persoas maiores de 50 anos, e a un entorno máis rural, e aquí estes dous factores contan”, engade. Porén, máis alá das especulacións e as crenzas sen base sólida, é imposible atopar explicacións claras a este fenómeno.


Metodoloxía

O indicador que se adoita usar para cuantificar o risco de morte é o de Razón de Mortalidade Estandarizada suavizada (RMEs), que afina os datos da coñecida como Razón de Mortalidade Estandarizada (RME), xa que o cálculo que se realiza produciría valores extremos nos municipios máis pequenos. Para isto úsanse modelos estatísticos que eliminan estas distorsións nos datos. A fórmula poderíase representar como
na que se estima a relación entre o número de casos observados en cada municipio e o número de casos esperados. O propio estudo explica no seu apartado de Metodoloxía con máis detalles técnicos como se realiza este cálculo.

Alén do tamaño do municipio, o método salienta outro aspecto que inflúe no número de defuncións: a idade dos habitantes de cada concello; tendo en conta que a poboación máis avellentada, máis defuncións. Por iso, a RMEs controla o factor idade para non distorsionar os resultados entre as áreas máis ‘novas’ e máis ‘vellas’.

A RMEs calcúlase en base 100. É dicir, se un valor é superior, indica que o número de defuncións observadas é maior do agardado, e viceversa. Con todo, a pesar de todos os métodos de control, as diferenzas seguen sendo salientables estatísticamente en función do tamaño dos municipios. Os autores recomendan facer unha interpretación conxunta da RMEs e o mapa de probabilidades de exceso de risco, dato que amosa aqueles lugares no que os investigadores están “moi seguros” de que a estimación da RMEs conleva un exceso de risco realmente concluínte. Os datos do Atlas expoñen tamén un intervalo de confianza do 95%.

De que morremos? Así é o Atlas da mortalidade en Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T