Sábado 20 Abril 2024

O cultivo da árnica galega: alternativa á desaparición das poboacións silvestres

As primeiras análises xenómicas constatan o potencial da planta medicinal, cuxo quimiotipo ibérico é menos alerxénico que o centroeuropeo

As novas pescudas en torno á árnica (Árnica montana L.) permitiron constatar que é viable domesticala con éxito, ao tempo que demostraron que os rendementos produtivos da planta cultivada son superiores ás das poboacións silvestres. O estudo, desenvolto por investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), serviu tamén para dar continuidade a estudos previos que xa permitiran identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións de árnica analizadas en Galicia. 

Logo deste primeiro achado e para evitar a perda de poboacións naturais de árnica, os investigadores do Campus Terra puxeron en marcha en 2018 parcelas de cultivo na parroquia de Xermar, en Cospeito. A maiores, este ano analizáronse diferentes poboacións procedentes de Asturias, Castela-León, País Vasco e Cataluña. Os resultados preliminares indican que as poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico, mentres que as poboacións de Castela-León e Cataluña estarían máis ligadas ás poboacións da Serra do Courel, que presentan o quimiotipo Europeo.

Publicidade

Para que serve a árnica

As propiedades da Árnica montana L., unha planta de uso habitual en farmacia, homeopatía e cosmética, débense ao contido de diferentes compostos bioactivos, responsables das actividades medicinais da planta. O abastecemento dos mercados (a demanda anual é ao redor das 50 toneladas de flor seca) faise fundamentalmente a partir de material procedente das poboacións naturais. Esta extracción intensa e continuada xunto cos cambios de uso do territorio, levou a unha diminución de moitas das súas poboacións, ata comprometer a súa supervivencia ou mesmo desaparecer.

Bancais de cultivo

Nos bancais de cultivo de árnica habilitados en Xermar, os investigadores observaron como as flores da planta mantiveron cando non aumentaron o seu peso no terceiro ano de cultivo das plantas, un feito que evidencia a posibilidade de cultivar Árnica montana L. nas condicións edafoclimáticas presentes en Lugo. Isto podería ter un dobre efecto positivo, dunha banda axudar a conservación das poboacións naturais, moi mermadas pola sobreexplotación e o cambio de uso do territorio e, por outra, podería ser unha fonte de ingresos para agricultores locais diversificando as súas producións.

En Galicia, segundo indican os investigadores, non hai ningún tipo de lexislación restritiva á recollida e comercialización desta planta, malia a que presión sobre a súas poboacións en moi intensa, dado que o quimiotipo ibérico ou español é o máis demandado por resultar menos alerxénico que o centroeuropeo. De ahí que o cultivo se antolle como unha alternativa á perda definitiva das poboacións naturais.

Análises xenómicas

O responsable de estudos xenéticos no marco deste proxecto, Manel Vera, completou este ano as primeiras análises xenómicas na especie empregando tecnoloxías de secuenciación de nova xeración (NGS) e xenotipado por secuenciación (GBS), grazas ás que foi posible identificar decenas de miles de polimorfismos nucleotídicos únicos (SNPs) distribuídos ao longo do xenoma. O emprego destes marcadores posibilitará a detección de pechadas de selección que poden ser consecuencia de adaptacións ambientais a niveis locais e ou rexionais.

Alén da xenómica, tamén se están a analizar na atualidade os patróns bioquímicos das novas localidades incluídas neste estudo en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O obxecto destes estudos é corroborar a relación entre os diferentes grupos xenéticos e os quimiotipos existentes debido ao compoñente de lactonas sesquiterpénicas do tipo helenalina (predominante no quimiotipo europeo) e dihidrohelenalina (predominante no quimiotipo ibérico). Os primeiros resultados coñeceranse a comezos de 2022.

Orzamento e grupo investigador

O Campus Terra da USC revela novos segredos sobre a árnica (Árnica montana L.) grazas ás pescudas realizadas ao abeiro do convenio existente entre a USC e a Deputación Provincial de Lugo, que en 2021 destinou 18.000 euros ao estudo desta planta. Esta nova achega orzamentaria permitiu ao equipo de traballo coordinado polos profesores Manel Vera Rodríguez, da Área de Xenética, e Rosa Romero Franco, da Área de Produción Vexetal, dar continuidade a estudos previos e seguir avanzando na investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'