Venres 19 Abril 2024

Bautizan un crustáceo co nome do ilustrador galego Andrés Meixide

O "Astacilla andresmeixidei" foi atopado na montaña submarina de El Cachucho, fronte a Asturias, e descríbese nun artigo publicado en "Deep sea research"

A montaña submarina de El Cachucho, fronte ás costas de Asturias, é a área mariña protexida máis grande de España. As condicións da zona dan lugar a unha notoria riqueza de flora e fauna, que atrae a numerosos investigadores. E alí foi onde, coa axuda dun robot submarino, un equipo formado por científicos da Universidade de Alcalá, o Museo de Okendo, o Instituto Español de Oceanografía e o Museo de Historia Natural británico acharon exemplares dunha nova especie de crustáceo. Con todo, o relevante do achado é o nome do animal: chámase Astacilla andresmeixidei, na honra do debuxante galego Andrés Meixide.

“A historia empeza hai máis de nove anos”, lembra Meixide. En setembro de 2009 o investigador da Universiade de Alcalá de Henares Juan Junoy atopou nas Illas Cíes o Lineus acutifrons, un gusano marino xigante que se cría extinguido. “Chamoume a atención o tema, e dediqueille unha tira en La Voz de Galicia“, conta o ilustrador. Junoy contactou con el para agradecerllo e de aí xurdiu unha conversa na que, “medio en serio, medio en broma, comprometeuse a darlle o meu nome á seguinte especie que atopara”.

Publicidade

Ano a ano, Meixide seguía con interese o traballo de Junoy, ata que hai tres meses, recibiu unha nova mensaxe do científico. Os exemplares do crustáceo atopado en El Cachucho, que recibirán o nome común de andresitos debido ao seu pequeno tamaño (arredor de 3mm), pertencían a unha especie nunca estudada, segundo contan os investigadores no artigo publicado en Deep Sea Research.

"Astacilla andresmeixidei". A) femia; b) macho. Fonte: Juan Junoy, UAH.
“Astacilla andresmeixidei”. A) femia; b) macho. Fonte: Juan Junoy, UAH.

“Estaría mellor que me deran un tigre ou un león, ou unha especie que medira dous metros; isto é un bechiño de tres milímetros, pero estou moi contento, de todas formas” di con humor Meixide. “É curioso pensar que o meu nome vai seguir aí dentro de 2.000 ou 3.000 anos, se os plásticos non acaban con el antes”, engade.

O ‘bautizo’ do crustáceo cumpriu cos criterios que determina o Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICNZ), con dúas normas esenciais: que a descrición apareza nunha revista científica, e que os exemplares tipo, cos que se describe a especie, sexan depositados nun museo.

Os Astacilla andresmeixidei son crustáceos isópodos adaptados a unha vida arbustiva, cunhas interesantes adaptacións. Nas zonas máis profundas aparecen asociados ás gorgonias, un tipo de corais brandos. Ao contrario dos isópodos, coñecidos como os bechos bóla, teñen un corpo redondo e pouco diferenciado, con sete pares de patas iguais, a nova especie presenta adaptacións á vida sobre estas gorgonias.

Así, o corpo dos andresitos adopta unha forma de L, xa que o seu segmento central medrou de xeito desmesurado. No brazo curto do L hai tres pares de patas robustas que lle permiten amarrarse ás pólas das gorgonias para aguantar as correntes do fondo. As patas anteriores, pola contra, son máis longas e flexibles e teñen longas sedas. Estas patas perderon a súa función locomotora, e son utilizadas a modo de peneira para capturar as partículas alimenticias que arrastran as correntes.

O xénero Astacilla presenta un forte dimorfismo sexual, sendo os machos de menor tamaño. As femias aloxan no seu dilatado segmento central os ovos, creando unha cámara que protexe á súa prole. Presentan unha maior ornamentación, con espiñas e tubérculos, cós machos, moito máis discretos.

O traballo, ademais de describir a nova especie, inclúe un estudo detallado da gorgonia do xénero Placogorgia sobre a que vive a especie dedicada a Meixide. O estudo morfolóxico complétase co estudo de marcadores moleculares tanto da especie de isópodo como da gorgonia. Tamén asinan o artigo, ademais de Junoy, Sergi Taboada, Álvaro Antuña e Francisco Sánchez.

Agora Meixide quere ver en directo un dos exemplares do crustáceo que leva o seu nome. Un deles está no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, onde agarda viaxar este verán para observalo de preto.

ReferenciaA new species of Astacilla (Crustacea: Isopoda: Valvifera) from the Le Danois Bank (N Spain, NE Atlantic), living on Placogorgia sp. (Cnidaria: Octocorallia) with notes on the cnidarian host (Publicado en Deep Sea Research). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un crustáceo do tamaño dun gran de area: un reservorio de microplásticos no océano

Estes organismos poden reter ata un máximo de 200 partículas por metro cúbico de auga mariña e representar un punto de entrada nas redes tróficas

O buque Ángeles Alvariño, a investigar os fondos mariños de Galicia

Científicos do IEO parten nesta campaña na que se empregarán robots que permitirán gravar a profundidades de 800 metros

Demostrado: os peixes de augas cálidas gañan terreo no mar de Galicia

Un estudo realizado polo IEO revela que as especies de augas frías están a migrar cara ao Norte por mor do quecemento global da crise climática

Sanidad recomenda non chupar as cabezas dos lagostinos

A presenza de cadmio nas cabezas dos crustáceos pode conlevar riscos para a saúde a longo prazo