Xoves 28 Marzo 2024

Un cruceiro de asintomáticos cara a Antártida: así circulou o SARS-CoV-2 nun barco illado

Científicos australianos analizan a infección masiva que se produciu nun buque no que o 81% dos casos positivos non amosaron sinais da Covid-19

A mediados de marzo, cando a Covid-19 aínda non paralizara boa parte do mundo, un cruceiro partiu do porto de Ushuaia, na Patagonia arxentina, para recrear a expedición do aventureiro Ernest Shackleton entre 1914 e 1917 pola península Antártica. 128 persoas na pasaxe e 95 na tripulación levaban a bordo un polisón: o SARS-CoV-2. A OMS xa declarara daquela a pandemia mundial, así que se tomaron algunhas medidas de precaución: non se permitiu embarcar aos pasaxeiros que estiveran en zona de risco (China, Macao, Hong Kong, Taiwan, Xapón, Corea do Sur ou Irán) nas tres semanas anteriores, e fixéronse medicións de temperatura e revisión de posibles síntomas a todas as persoas e establecéronse medidas de hixiene no buque, sobre todo no comedor. Nada parecía evidenciar que o virus estaba alí. Pero o que pasou despois converteuse nun interesante experimento que acaban de analizar científicos australianos nunha comunicación publicada pola revista Thorax, pertencente ao British Medical Journal.

Día 8, primeiros síntomas

Durante os primeiros días, todo foi normal. O barco percorreu algunhas das paraxes máis abraiantes da península Antártica, pero ao saber do comezo das restricións de fronteiras derivadas da crise, os responsables do cruceiro decidiron regresar a un porto arxentin. Pero o país xa pechara as súas fronteiras e denegara o permiso para desembarcar, e o cruceiro tivo que ir ata Montevideo, capital de Uruguai.

Publicidade

Ruta do barco. Fonte: Thorax/BMJ.
Ruta do barco. Fonte: Thorax/BMJ.

Nese tempo comezou a agromar a Covid-19 a bordo. O día 8 rexístrase o primeiro episodio febril nun pasaxeiro, o que obrigou a reforzar os protocolos de hixiene, e confinouse aos pasaxeiros nos seus camarotes. Repartíronse máscaras de protección e a tripulación, na que había un médico, valeuse de equipos de protección para atender aos pacientes con febre. O día 10, tres tripulantes comezaron con febre; o día 11, outro máis; e o día 12, outros tres pasaxeiros.

Ao chegar a Montevideo, 13 días despois do comezo da viaxe, a situación seguiu complicándose. O día despois outras tres persoas desenvolveron síntomas. Mentres o buque estaba en corentena, ata oito persoas tiveron que ser trasladadas a hospitais da cidade polo seu empeoramento. Finalmente, o 3 de abril, comezáronse a realizar as probas PCR a todas as persoas que ían a bordo. E os resultados sorprenderon.

Das 217 persoas que ían a bordo, 128 deron positivo, pero só 24 manifestaron algún síntoma da doenza

 

Das 217 persoas a bordo, 128 (o 59%) dou positivo nas probas, incluíndo tres que deran negativo nun primeiro momento nas probas rápidas de anticorpos a pesar de teren síntomas. O máis sorprendente para os investigadores que estudaron o caso, e que pon de relevo a necesidade de manter as precaucións ante a pandemia da Covid-19, como xa aconteceu noutros estudos, foi a elevada porcentaxe de infeccións asintomáticas. Só o 12,5% dos positivos (16 persoas), desenvolveron síntomas leves, e 8 (6,2%) tiveron que ser evacuados a hospitais. Deles, 4 (3,1%), requiriron de ventilación mecánica, e unha persoa morreu finalmente. Por tanto, só o 19% dos positivos (24 persoas) tiveron síntomas, fronte ao 81% que non manifestou ningún tipo de evidencia da infección.

Conclusións

A partir desta análise, o estudo de observación tira cinco principais conclusións que poden servir de aprendizaxe ante o risco de propagación do SARS-CoV-2 en espazos pechados. “É probable que se subestime significativamente a prevalencia da Covid-19 nos cruceiros, polo que se precisan estratexias para avaliar e monitorar a todos os pasaxeiros para previr a transmisión comunitaria”. Conclúen tamén as limitacións das probas rápidas en pacientes en fase aguda, e destacan a elevada porcentaxe de casos asintomáticos.

Alén disto, a análise da distribución dos positivos no buque expón que “a presenza de resultados discordantes da Covid-19 en moitos camarotes suxire que pode haber unha taxa significativa de falsos negativos nas probas PCR“, polo que os científicos manteñen o seguimento dalgúns casos para aclarar isto. E engaden, ademais, que a tardanza na aparición dos síntomas nalgúns pasaxeiros (non se manifestaron ata o día 24 nalgúns casos) suxire un “contaxio cruzado” despois do confinamento nos camarotes”.


Referencia: COVID-19: in the footsteps of Ernest Shackleton (Publicado en Thorax).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade