Sábado 20 Abril 2024

Crowdfunding para investigar a artrose, a psoríase, o melanoma e o cancro de mama en Galicia

A ciencia, ademais de metódica, ten que ser tamén creativa, aberta, accesible e próxima nun novo tempo, o da Sociedade Rede, e nun novo contexto de axustes económicos. Hoxe, xa non é estraño ver como os científicos abren as portas dos seus laboratorios en espazos, comunidades e redes até hai ben pouco alleos para eles, para manter un contacto directo cos cidadáns, interactuar con estes, ofrecerlles información de primeira man sobre as súas investigacións e conciencialos da importancia da súa labor, mesmo para facelos partícipes dos seus progresos. Nesta nova cultura participativa e colaborativa, plataformas en liña de micromecenado (ou crowdfunding) emerxeron para procurar novas fontes de financiamento para a ciencia. A máis recente, Precipita, unha iniciativa da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) para proxectos de investigación carácter público que ten como obxectivo “abrir outra porta ó financiamento privado da ciencia”. Segundo a propia secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, “hai que favorecer a captación de fondos privados a través de doazóns e mecenado, como ocorre noutros países como Estados Unidos, Reino Unido ou Italia”.
O primeiro proxecto galego xa está en marcha nesta plataforma da man da investigadora María D. Mayán Santos, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), en representación do grupo de Investigación Traslacional en Comunicación e Señalización Celular (CellCOM).

“Buscamos novas dianas terapéuticas que sirvan para o desenvolvemento de terapias efectivas para o tratamento destas enfermidades”

O obxectivo é conseguir os fondos necesarios para estudar e entender os mecanismos de comunicación celular e a súa implicación no desenvolvemento de enfermidades tales como artrose, psoríase, melanoma ou cancros como o de mama; unha labor crucial para finalmente desenvolver novas terapias eficaces para o tratamento destas e outras patoloxías relacionadas con alteracións na comunicación célula-célula e célula-matriz extracelular. O obxectivo é acadar 25.000 euros.
“Tentamos buscar novas dianas terapéuticas que sirvan de base para o desenvolvemento de terapias efectivas para o tratamento destas enfermidades. Así mesmo, esperamos que os resultados obtidos poidan servir para personalizar os tratamentos e mellorar as técnicas de diagnóstico e prognóstico das enfermidades a estudar e outras relacionadas”, explican os responsables deste proxecto, que xa abriron varias liñas de investigación dentro do Servizo de Dermatoloxía e da Unidade de Cirurxía de Mama do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC – XXIAC).
Os resultados obtidos deste proxecto supoñerían unha mellora na calidade de vida e aforro de gasto sanitario para o tratamento dos pacientes que padecen artrose, psoríase, melanoma, carcinoma basocelular ou cancro de mama. “Non existe tratamento eficaz para ningunha destas enfermidades e, debido á súa prevalencia e severidade, supoñen un gasto sanitario importante a nivel internacional”, aclaran os investigadores. Por iso, consideran que “o desenvolvemento de novas liñas de investigación co obxectivo de estudar novos mecanismos potenciais implicados no desenvolvemento dalgunha destas enfermidades supoñerá o achado de novas dianas terapéuticas e, polo tanto, o desenvolvemento de posibles terapias eficaces para o tratamento da enfermidade”.
A idea é que os resultados obtidos deste estudo tamén sirvan como ferramentas e base de coñecemento para o estudo doutras moitas patoloxías que poidan estar relacionadas con alteracións nas funcións das conexinas ou panexinas.

Publicidade

Destino dos cartos

A cifra óptima para acadar o obxectivo estimouse en 25.000 euros, dos cales unha parte se destinaría a custear os reactivos e materiais necesarios para o desenvolvemento de experimentos de bioloxía molecular, celular e electrofisioloxía para o estudo dos mecanismos implicados no desenvolvemento das enfermidades seleccionadas. Pero eses 25.000 euros non son un teito. De superarse esa cantidade, parte do financiamento obtido destinaríase ao cofinanciamento de contratos de investigadores predoutorais e postdoutorais. “O cofinanciamento dos contratos de I+D+i supón un gasto aproximado de 7.000 euros ao ano por investigador contratado”, expoñen os autores da investigación.
No caso de non superar a cifra óptima, os investigadores propoñen unha axuda mínima de 3.000 euros que sería benvida para a compra de reactivos básicos.
“Necesitamos o compromiso da sociedade para poder investigar, poder curar enfermidades que nos afectan a todos e das que actualmente non existe un tratamento eficaz. A nosa causa é facer realidade a túa”, comentan, apelando á conciencia e compromiso dos cidadáns.

Un proxecto singular e único

O grupo de investigación está formado por membros do INIBIC e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e investigadores da Universidade da Coruña (UDC). Todos eles conforman un equipo singular no mundo e é, xa que logo, un grupo de referencia internacional no estudo das funcións das conexinas. “O descubrimento e estudo destas proteínas é un campo de investigación moi especializado e recente. De feito, existen poucos equipos a nivel nacional e internacional concentrados neste campo de investigación”, comentan.
No seu traballo, utilizan técnicas de bioloxía molecular, celular e técnicas de electrofisioloxía. “Traballamos con liñas celulares, modelos animais e células (cultivo primario) e tecidos de doadores sans e pacientes”, concretan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor