Venres 29 Marzo 2024

A constelación de Elon Musk xa dificulta a observación de meteoros

Os satélites de Starlink 'taparon' a observación da choiva de estrelas das Alfa-Monocerótidas, segundo constataron telescopios de varios países

En maio deste ano, o ambicioso proxecto espacial de SpaceX, propiedade do multimillonario Elon Musk, daba un importante paso coa posta en órbita de Starlink, unha rede que, se ninguén o impide, despregará durante os vindeiros anos unha constelación de decenas de miles de satélites arredor da Terra. Naquel momento, a Unión Astronómica Internacional amosou a súa preocupación polas consecuencias de que decenas de miles de obxectos, coa luz do Sol reflectida neles, poderían ter sobre a calidade do ceo nocturno debido á contaminación luminosa, e sobre a capacidade de observación dos telescopios espallados por todo o planeta.

E nestes meses xa se produciron as primeiras evidencias que confirman os motivos desta preocupación. A chuvia das Alfa-monocerótidas, que tivo lugar estes últimos días, fixo medrar de novo as críticas cara a constelación Starlink. As imaxes captadas por observatorios de varios países amosaron como a rede de SpaceX lixaba as traxectorias destes meteoros. Desde a illa de La Palma, nas Canarias, un dos telescopios da Rede Global de Meteoros (GMN) evidenciou o impacto de Starlink. Pode verse neste vídeo a partir do minuto 2:10.

Publicidade

“Foi unha auténtica revelación, abriunos os ollos”, declarou a Space Weather Bill Cooke, director da Oficina de Medio Ambiente de Meteoros da NASA. “Este tipo de feitos poderían obrigarnos a cambiar o xeito no que desenvolvemos o software para detectar meteoros”, engadiu Cooke.

Tal e como se pode ver na imaxe, decenas de satélites da constelación crúzanse no campo de observación do telescopio mentres pasan os meteoros das Alfa-monocerótidas, chegando a verse en niveis semellantes, a un ritmo de 90 estrelas fugaces por 50 satélites de Starlink.

Ademais do vídeo, o impacto da constelación vese nas agregacións de imaxes tomadas por observatorios como o de Farra, en Italia.

Agregación de imaxes tomadas desde Farra (Italia). Fonte: Global Meteor Network.
Agregación de imaxes tomadas desde Farra (Italia). Fonte: Global Meteor Network.

O trazo da rede de SpaceX deixouse notar en observatorios de todo o mundo, e mesmo deu lugar a chanzas nas redes sociais, recreando o que podería ter pasado se Van Gogh vira a constelación ao pintar a súa noite estrelada.

Na liña da advertencia realizada en xuño pola Unión Astronómica Internacional, diversos astrónomos avisaron das futuras consecuencias se a rede de SpaceX segue medrando. “Isto podería impedirnos completamente realizar observacións ópticas de meteoros en 2024”, advertiu Denis Vida, da Universidade de Ontario Occidental, en Canadá, nun post da Global Meteor Network.

A Unión Astronómica Internacional, “preocupada” coas constelacións de satélites

Con todo, o propio Elon Musk manifestou a súa vontade de que, no deseño dos futuros satélites, a luz do Sol se reflicta con menos intensidade. Ademais, os trens de Starlink aínda non acadaron a súa altitude final, polo que se agarda que no futuro a súa estela sexa menos impactante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo estable e a fase escura da Lúa permitirán ver as Xemínidas nunha ocasión única en Galicia

É un dos fenómenos astronómicos máis esperados do ano. O seu máximo esplendor terá lugar na madrugada do 14 ao 15 de decembro

O galego aos mandos da dinámica orbital da NASA: “O espazo parecíame ciencia ficción”

Andrés Dono entrou na administración espacial americana con 24 anos para facer unhas prácticas. Unha década despois lidera o equipo que deseña a traxectoria dos satélites

Aumentan os efectos nocivos da contaminación luminosa na astronomía

A luz artificial nocturna, os despregue de constelacións de satélites e as interferencias de radio prexudican as observacións astronómicas

Así se ve a constelación de satélites de Elon Musk

Máis de 4000 obxectos orbitan arredor da Terra para vender unha tarifa de datos que proporciona acceso universal á rede