Sábado 20 Abril 2024

Por que xa non podo comprar paracetamol sen receita?

*Un artigo de  

Moitos temos acudido ao paracetamol nalgunha ocasión para tratar algunha dor de cabeza, articular, por golpes ou a febre elevada. Este coñecido medicamento pertence ao grupo terapéutico dos paraaminofenois, e caracterízase polos seus efectos analxésicos e antipiréticos, que calman a dor e reducen a febre, respectivamente. A diferenza do tamén moi usado ibuprofeno, non posúe propiedades antiinflamatorias. Isto limita a súa utilidade para o tratamento de doenzas que cursen con inflamación como dor de garganta, escordaduras, e artrites, a pesar das posibles crenzas populares.

Publicidade

Este ano produciuse un gran balbordo sobre a aparente nova necesidade de acudir ao médico para conseguir unha receita que permita comprar paracetamol nunha farmacia. A continuación, descubriremos cales foron as motivacións e en que consisten realmente as novas medidas de control sobre este afamado fármaco.

Que perigos pode conlevar o uso de paracetamol?

Aínda que o paracetamol goce dunha elevada seguridade, avalada polos máis de 30 anos de experiencia desde o inicio da súa aprobación por parte da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, é importante ter en conta os perigos dun consumo superior ás doses recomendadas.

O máis habitual é tomar un comprimido ou sobre (cuxa composición en gramos pode variar) cada 8 horas, que coinciden aproximadamente coas tres comidas principais do día. Con todo, en dores máis intensas pódese incrementar o número de tomas. Precisamente nestes casos debemos cinguirnos ben ao que indique o médico ou farmacéutico, ou ao que reflicta o prospecto.

A dose máxima diaria dentro da marxe de seguridade é de catro gramos

Debido a que o paracetamol se converte no noso organismo noutro composto que pode ser moi daniño para o fígado, é moi importante saber que a dose máxima que se pode inxerir dentro da marxe de seguridade son 4 gramos. Na práctica equivalería a tomar catro comprimidos de 1 gramo de paracetamol ao día. Superada esta cantidade aumentaría de forma significativa a probabilidade dun fallo hepático que podería ter consecuencias fatais.

A importancia da receita

En realidade, non é nada novo que un paciente deba acudir á farmacia con receita para que lle poidan dispensar paracetamol. A necesidade de dispoñer da prescrición do médico depende principalmente da dosificación e do número de comprimidos que conteña a caixa.

As presentacións con comprimidos ou sobres que conteñan 500 ou 650 miligramos de paracetamol ou, de forma xeral, aquelas que conteñan 1 gramo pero cun máximo de 10 comprimidos (salvo algunha excepción concreta), non necesitan receita.

Pola contra, os medicamentos que conteñan máis de 10 comprimidos (habitualmente 20 ou 40) de 1 gramo de paracetamol si a precisan, conforme a unha normativa que entrou en vigor en 2017.

Que motivou as restricións do paracetamol en farmacias?

As cifras recentes indicaban unha venda das presentacións de paracetamol que requiren prescrición médica moi superior ás receitas que se emitiron. Este feito suxería riscos asociados a un uso indebido, especialmente por empregar doses superiores ás que realmente son eficaces (500 ou 650 miligramos) para a maioría de doenzas nas que o paracetamol pode ser de axuda.

Co obxectivo de evitar a aparición de efectos adversos asociados á toma de doses elevadas de  paracetamol, as autoridades sanitarias decidiron incrementar a restrición ao seu acceso. Desta forma, non se esixe ao paciente que a partir de agora achegue a receita (coma se dun novo impedimento se tratase). Só se está asegurando que o faga conforme á normativa que xa estaba vixente desde hai tempo. Este maior control realízase grazas ao novo Sistema Español de Verificación de Medicamentos, a pesar de que o seu obxectivo principal é ben distinto ao que nos atinxe aquí.

Debemos ser racionais co uso dos medicamentos

É necesario recalcar que non sempre a maior dose dun fármaco vai ser a que controle os síntomas de forma máis eficaz e segura. Exemplos como o do paracetamol e o ibuprofeno evidencian a necesidade de facer fincapé en conseguir unha relación beneficio-risco adecuada. E isto que implica? Seleccionar unha pauta óptima. Noutras palabras, unha dose, número de tomas ao día e duración do tratamento que permitan atallar eficazmente a doenza e minimizar os posibles danos colaterais.

A pesar de ser moi evidente, non hai que deixar de insistir na importancia de seguir sempre as recomendacións do médico e farmacéutico para tomar  paracetamol e calquera medicamento ás doses e intervalos de tempo adecuados. Para iso, todos debemos ser coherentes e responsables e facer un uso correcto, independentemente de se é precisa a receita médica ou non.


Francisco Navarrete Rueda é Profesor Axudante Doutor na Universidad Miguel Hernández de Alicante.*Cláusula de divulgación: non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

1 comentario

  1. Como farmacéutico con oficina de farmacia leo sempre con interese as noticias relacionadas cos medicamentos, e máis se teñen un titular chamativo como este: “Por que xa non podo comprar paracetamol sen receita?”, polo que o lein con atención.
    Coido necesario facer algúns comentarios
    1. O titular non é correcto, como se atestigua na corpo da propia noticia, como se indica no segundo parágrafo do epígrafe “a importancia da receita”, no que se indica: «As presentacións con comprimidos ou sobres que conteñan 500 ou 650 miligramos de paracetamol… non necesitan receita»
    2. No 2º parágrafo da noticia fálase “as novas medidas de control”. Que medidas son esas? É curioso que non se indiquen; eu unicamente vexo indicada unha referencia no 2º parágrafo do epígrafe anteriormente citado “a importancia da receita”, no que se indica “unha normativa que entrou en vigor en 2017”, referencia que sorprende pola sua imprecisión.
    3. No cuarto parágrafo da noticia indícase sen rubor “O máis habitual é tomar un comprimido ou sobre (cuxa composición en gramos pode variar) cada 8 horas, que coinciden aproximadamente coas tres comidas principais do día”. Isto cita é un verdadeiro erro, e impropio da rigurosidade dun profesor universitario, que debería suspender a calquer alumno que puxese isto nun exame, e que non ven disculpado polo adverbio “aproximadamente”. Aquí nótase que o autor do artigo está lonxe do contacto co paciente
    Tomar un medicamento cada 8 horas, implica que as doses se tomen con ese periodo de tempo; unha posibilidade sería: 8.00 am, 16.00 e 24.00, que se poderían variar -baixo a propia responsabilidade do paciente ou dos familiares encargados da administración das medicinas- un pouco, pero nada que ver cos horarios das comidas, que podemos entender que serían 9.00 am, 14.00 e 21.00. No caso da última dose, implicaría 3 horas de diferencia coa posoloxía correcta, que implicaría febre, dor, ou calquer outro problema asociado á falta de medicamento no organismo
    4. As restriccións reais da dispensacións do paracetamol a doses altas ou en envases con alto número de unidades, débese a algo que non se cita no artigo (aínda que se alude vagamente noutro lugar): a posta en marcha do Sistema Español de Verificación de Medicamentos (SEVEM) a principios do ano 2019; na actualidade cada envase de medicamento porta un código QR ou bidi, que identifica especificamente a cada envase e non simplemente á e xpecialidade farmacéutica, como ata agora. É dicir, o código QR identifica non ao medicamento “Aspirina 500 mg de 20 comprimidos”, senón ao propio envase que temos na man.
    Daquela, se un inspector do ministerio de Sanidade ou dunha Consellería de Sanidade autonómica entra nunha farmacia, pode comprobar como foron dispensados todos os medicamentos que requerían receita (que son a grande maioría). Se se dispensou algún sen ela, pode dar lugar a unha sanción económica, normalmente elevada, algo que desde a implantación do SEVEM (2019, non desde 20179 todos os boticarios tratan de evitar, esixindo rigurosamente receita nos medicamentos que a requiren.
    Nada que ver con variacións nas condicións de dispensación, como se indica nesta noticia do 1 de xuño de 2019 dando información oficiais de sanidade: “Sanidad y farmacéuticos niegan cambios en la venta del ibuprofeno y paracetamol” https://elpais.com/sociedad/2019/05/31/actualidad/1559305937_854286.html
    5. Aplaudo en todo caso as apelacións do autor do artigo aos problemas de fondo do abuso dos medicamentos e da necesidade de evitar os problemas da sobredosificación do paracetamol

    Por último, indicar que na fotografía coa que se ilustra a noticia o que se mostras son tabletas (ou comprimidos), e non cápsulas, que son formas farmacéuticas diferentes.
    Aplaudo tamén o obxectivo do portal GCiencia de facer ciencia en galego, pero iso non debe impedir rigor elevado nas noticias que difunde; espero que esta achega miña, estas observacións -aínda que longas- sexan tomadas como unha crítica construtiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Parches inspirados en tentáculos de polbo para administrar fármacos no interior da meixela

As pequenas ventosas de goma recheas de medicación demostraron a súa eficacia para facer chegar os compostos ao torrente sanguíneo

Descobren como predicir a eficacia dun dos fármacos máis usados contra o cancro de mama

Identificada unha vía para saber se o medicamento de quimioterapia paclitaxel será recomendable para a paciente oncolóxica

Reutilización: novos usos saudables para medicamentos antigos

Os fármacos que foron aprobados para medicar unha doenza están a aproveitarse para tratar outras, salvando vidas e brindando novas esperanzas

Drogas psicodélicas e terapia: un posible tratamento para doenzas crónicas de saúde mental

Estes fármacos están prohibidos en Europa, pero unha nova investigación suxire que poden ser beneficiosos para algunhas persoas cando se toman con control