Venres 19 Abril 2024

Compostela rupestre, un vídeo para defender un tesouro

A Deputación da Coruña presenta un audiovisual para promocionar o patrimonio arqueolóxico de Ames, Santiago de Compostela, Brión, Teo e Val do Dubra

‘Compostela rupestre’, un audiovisual para promocionar a riqueza arqueolóxica dos concellos de Ames, Santiago de Compostela, Brión, Teo e Val do Dubra. Un relato narrativo impulsado por Turismo da Deputación da Coruña que enlaza a forza patrimonial cos catro elementos naturais e coa conexión coa súa longa historia. O vídeo, que foi presentado nas xornadas técnicas do Xeoparque das terras de Compostela, “conecta coas raíces, co que somos, e forma parte dun xeito de ser e estar que se deu na Europa Atlántica, cunha grande concentración no noso territorio”, afirmou p director do proxecto audiovisual, Aser Álvarez, de Arraianos Producións.

O vídeo, que conta con versión en galego, castelán e inglés, destaca o interese dos máis de cento cincuenta xacementos que están contabilizados no territorio e Compostela Rupestre, un patrimonio que recoñece como “o Pórtico da Gloria da nosa prehistoria que continúa entusiasmando a moitísima xente”.

Publicidade

Plan director en marcha

O plan director do xeoparque, que ten seis meses como prazo de execución e foi adxudicado por concurso á empresa Trivium, ten como obxectivos investigar o patrimonio rupestre dos municipios que integran o proxecto; protexer, manter e conservar a riqueza arqueolóxica e o seu ámbito físico, divulgar e comunicar e deseñar o modelo de xestión de cara a actuacións futuras.

“Toca agora avanzar neste sentido e na difusión do tesouro que temos nas nosas mans para que a poboación coñeza o valor do noso patrimonio para o que é preciso deseñar unha estratexia de aproveitamento do investimento que estamos a realizar co fin de situar este territorio como destino de visitantes ao que se lle pode ofrecer un produto diversificado, con puntos de interese ademais dos Camiños e a Catedral”, destacou o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Un momento da presentación na Deputación da Coruña de Compostela Rupestre.

O plan recollerá as estacións rupestres que forman parte do parque e que están incluídas actualmente na web www.compostelarupestre.gal. Entre outros petróglifos, estudaranse os do Vilar, Nave de Mourigade, Monte das Pedras, Oca e Peneda Negra no concello de Ames; Monte Pumariño en Brión; Correxíns, O Rexio, Rula 1 e 2, Os Cortellos 3 ou Pedra a Loba, Castriño de Conxo e A Pedra que Fala en Santiago de Compostela; Río Angueira 1 e 1, Outeiro do Corno e Pedra Bicuda do Loureiro en Teo e Pedra do Home en Val do Dubra. A análise xeral do espazo físico do futuro parque incluíndo a información ecolóxica pertinente para a súa xestión (topografía, vexetación, augas, erosión, etc) forma parte dos traballos do plan no que tamén se compilará, estudará e valorará a información dos petróglifos, avaliarase o seu estado de conservación e o seu medio.

Un plan de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización constitúen os tres eixes do programa de actuacións do Plan Director. O consello asesor do proxecto, está integrado por representantes técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, Deputación da Coruña (arquitecto), Universidade de Santiago de Compostela (USC), Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), Asociación A Rula e tres arqueólogos municipais.

1 comentario

  1. GALIZA TÉN MOITOS TESOUROS ESQUECIDOS .
    CANTIDADE DE MOSTEIROS DEIXADOS DA MAN DAS AUTORIDADES E DOS MESMOS POLÍTICOS , INCLUSO DA OPOSICIÓN , NADA QUE VER CON OUTRAS ZONAS DE ESPAÑA …
    EXEMPLOS COMO MONTEDERRAMO OU DAS FRAGAS DO EUME etc .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

A Vía Verde de Compostela recupera o pasado das estacións ferroviariais

A Deputación de Coruña impulsa a recuperación do patrimonio industrial espallado ao longo da ruta a través da realidade virtual

Os taboleiros barrocos de Santiago: únicos en Europa, pero sen protección

Son máis de 200 e están repartidos por diversos puntos da cidade, algúns foron cimentados ou substituídos por outras pedras