Venres 19 Abril 2024

Coello como animal de compañía: as probabilidades de condutas problemáticas

Un estudo liderado polo Rof Codina de Lugo advirte de comportamentos inapropiados e fai fincapé na nesidade de garantir a súa calidade de vida

Cada vez é máis frecuente nos fogares galegos atopar coellos como animais de compañía, por detrás de cans e gatos. Non obstante, que a convivencia con estes mamíferos da familia dos lepóridos se fixera máis habitual, non está sendo proporcional aos coidados que necesitan para gozar dunha boa calidade de vida dentro das casas. A maiores, un estudo sobre epidemioloxía do comportamento dos coellos que viven en vivendas, liderado Ángela González Martínez, do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo,  sinala que moitos deles presentan condutas problemáticas. A investigación foi publicada no Journal of Veterinary Behavior.

Eliminación inapropiada —fóra da bandexa indicada para ese fin— de urina e heces, comportamentos destrutivos e compulsivos ou medo ambiental, son as condutas conflitivas que manifestaron algúns dos 423 coellos participantes na investigación. A veterinaria González Martínez, especialista en comportamento animal, adianta que “a maioría dos comportamentos poden ser corrixidos ou polo menos mellorar moito coa visita a unha clínica veterinaria especializada en medicina de coellos”.

Publicidade

As femias, máis temperamentais

Algo chamativo no estudo é que estes comportamentos problemáticos eran máis habituais nas femias. Aínda que se requiere máis información neste eido para poder darlle unha explicación científica, Martínez sinala que pode ter que ver por un lado, co ciclo de ovulación das coellas, que é diferente ao de outras especies e lévaas a comportamentos máis temperamentais. E por outro, pola forma de relacionarse na natureza para poder manter ás súas crías lonxe do perigo.

Os coellos son animais que viven en mandas e que se soterran para poder refuxiarse dos depredadores. Con esa finalidade, escavan túneles que moitas veces rematan en habitacións cegas, onde fan os niños para poder criar a súa descendencia. As habitacións máis próximas á entrada da tobeira son as que están máis expostas ás ameazas externas e, por tanto, as coellas disputan entre elas para conseguir as lugares máis resgardados: o smáis distantes da entrada. Este fenómeno podería explicar por que as femias son máis agresivas.

Inconvenientes das tendas de animais

O estudo indica que os coellos das tendas de animais tenden a ter máis problemas de comportamento. “Isto é algo interesante porque está moi estudado en cans, que tamén tenden a ter máis problemas de conduta se proveñen deses espazos”, sinala Martínez, e engade: “Nas tendas non se garantiza o benestar animal, e máis, soe carecer absolutamente del. E aínda por riba, nunha idade na que o cerebro está aínda formándose, polo que o animal é moi sensible ao ambiente”

Os coellos das tendas de animais tenden a ter máis problemas de comportamento

A especialista en comportamento animal é categórica: “Os coellos non deberían estar en tendas de animais nin criadeiros”. O motivo é a exposición que sofren estes animais, nunha situación moi antinatural sen poder esconderse ante os estímulos que lle producen medo e vendo persoas descoñecidas cada pouco tempo. Iso sin contar que están encerrados en gaiolas, que non deixan de ser espazos moi pequenos sen posibilidade para correr ou subirse a diferentes alturas, ademais de carecer do enriquecemento ambiental apropiado.

Outro factor que influía moito nos problemas de comportamento era a idade na que se acollían os coellos nos fogares. “O que ocorre moitas veces é que chegan ás tendas, e logo as vivendas, en idades moi temperás, e iso inflúe na probabilidade de desenvolver condutas conflitivas”, comenta Martínez, algo que tamén se observa en cans e gatos. A especialista sinala que o ideal é que as crías pasen tempo coa súa nai e os seus irmáns para que o seu cerebro se forme ben e logo poidan xestionar mellor o estrés.

Corrección dos comportamentos

A maioría das condutas mencionadas no estudo poden ser correxidas, ou polo menos mellorar notablemente, coa visita a unha clínica veterinaria que dispoña de especialización en medicina do comportamento dos coellos. O máis complexo de abordar son os medos ambientais, por exemplo a ruídos ou obxectos novos, xa que non se pode esquecer que a condición de presa dos coellos marca a súa reacción ante determinados estímulos. Polo tanto, segundo Martínez, “habería que estudar cada caso para saber se é algo normal e propio da especie ou se xa se volveu unha fobia”.

En todo caso, a especialista fai fincapé en acudir á consulta veterinaria ante calquera dúbida ou problema. E recorda a importancia de que “as persoas que conviven cos coellos nunca lles peguen ou castiguen, senón que mostren sempre unha actitude positiva e agarimosa con eles”. Respecto a isto, Martínez sinala que aínda fai falta moita concienciación, é unha proba disto é a cantidade de coellos que foron abandonados despois do Nadal, segundo notifica a Asociación Galega de Adopción de Exóticos (AGAE).

O coidado nos fogares

“Os coellos poden ter unha boa calidade de vida nas casas pero hai que ter moi presente cal é o seu comportamento como especie e as súas necesidades físicas e psíquicas”, indica a autora do estudo. Para garantir o seu benestar, é indispensable proporcionarlles unha serie de condicións básicas: Dieta adecuada, coidados veterinarios, agarimos por parte das persoas coas que convive, ter a compañía doutro coello e non estar encerrados nunha gaiola.

Para garantir o benestar do animal é indispensable que conviva con outro compañeiro e que non estea encerrado nunha gaiola

Outro factor indispensable é o enriquecemento ambiental: é dicir, que o coello poida vivir pola casa ou ter grandes espazos para el, para poder facer exercicio e explorar. Para a súa seguridade, hai que evitar que haxa cables ou obxectos que o poidan mancar. A maiores, é importante que poida subirse a distintas alturas e que teña sitios seguron onde poder esconderse, para sentirse confortable e a salvo. “Non hai que esquecer tampouco as zonas onde poida rascar, como cartóns ou alfombras, aínda que o ideal sería un areeiro, e cousas para roer, como heno ou xoguetes interactivos”, conclúe a veterinaria.

O corpo de investigación que participa neste estudo xunto con Ángela González Martínez está integrado por: Sandra Castro e Fco J.Diéguez, da Facultade de Veterinaria de Lugo, Fernando Camino, do IES Valle del Oja de La Rioja, Belén Rosado e Isabel Luño-Muniesa da Facultade de Veterinaria de Zaragoza.


Referencia: Epidemiology of behavioural problems in pet rabbits: An owners’ survey  (Publicado no Journal of Veterinary Behavior).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Lugo vincula a hiperactividade en cans a baixos niveis de serotonina e dopamina

Investigadoras do Rof Codina publican un estudo pioneiro no que tamén analizan a falta de atención, a agresividade e a impulsividade

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s