Xoves 25 Abril 2024

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), forma parte desde 2018 do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (EMBRC), unha rede de infraestruturas de investigación pan-europea que ten como obxectivo poñer a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa.

O centro vigués vén de renovar o seu compromiso con esta infraestrutura ata 2027, grazas ao apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o que lle permitirá continuar reforzando a súa estratexia de internacionalización.

Publicidade

Unha nova etapa

Desde a súa entrada no EMBRC, o CIM tivo a oportunidade de implicarse en 11 proxectos europeos, que lle reportaron 1,7 millóns de euros en financiamento competitivo, así como de establecer colaboracións de investigacións internacionais e mellorar as instalacións e prestacións de servizos da Ecimat.

“Nesta nova etapa agardamos ter máis demanda, traballo e mobilidade de persoal investigador, e que as súas estancias sirvan de reclamo para fomentar aínda máis visitas e saídas dos nosos propios investigadores. Ata o momento, o coñecido como nodo español estaba integrado pola Ecimat e pola Estación Mariña de Plentzia, da Universidade do País Vasco. Como novidade, vén de incorporarse o Banco Español de Algas da Universidade das Palmas de Gran Canaria. Con isto, conseguiuse incrementar os lugares de recollida de mostras en ambientes mariños e a biodiversidade que podemos acadar dentro do territorio español”, explica José Manuel García Estévez, director da Ecimat e investigador do CIM.

Este tamén é un momento clave para o EMBRC, que está comezando as actividades do seu segundo programa estratéxico cun novo ciclo orzamentario de cinco anos. As súas prioridades están centradas en representar a bioloxía e ecoloxía mariñas en Europa de cara aos responsables políticos na toma de decisións e en contribuír ás prioridades estratéxicas europeas relacionadas co medio ambiente, a alimentación e a saúde.

“A nivel nacional diría que o obxectivo é adquirir un maior nivel de cohesión e de colaboración dentro do nodo español. Isto ímolo facer a través do proxecto EMBRedES+, que busca contribuír á xestión e coordinación do nodo español mediante a súa consolidación e o fortalecemento das súas actividades a nivel rexional, nacional e internacional. A idea é continuar fortalecendo os mecanismos que xa temos en funcionamento e seguir desenvolvendo o posicionamiento estratéxico do nodo”, sinala María Huete, xestora de proxectos de EMBRC no CIM.

O papel do CIM

Na actualidade, o EMBRC dá acceso a servizos e plataformas tecnolóxicas en 70 estacións mariñas e institutos distribuídos en nove países europeos, de maneira que tanto empresas como persoal investigador poidan dispor dos recursos precisos para o seu labor. Gran parte das actividades de EMBRC, segundo Huete, lévanse a cabo mediante dúas liñas de traballo: “Por unha banda temos os proxectos europeos que están financiados a través da nosa pertenza á rede. A maioría destes están enfocados na mellora e o desenvolvemento de novos servizos para facilitar distintas investigacións dentro do ámbito mariño (sustentabilidade, mitigación do cambio climático e similares). Alén destes tamén están os accesos transnacionais, convocatorias que se abren de maneira periódica e que financian a viaxe, a estancia e parte da investigación por un período curto de investigadores estranxeiros que veñen a colaborar con nós. Neste caso trátase tanto de investigación básica como aplicada”.

Os servizos ofrecidos desde a Ecimat do CIM inclúen laboratorios dedicados á acuicultura e os estudos sobre o cambio global, instalacións de mesocosmos flotantes e en alta mar para experimentos, plataformas tecnolóxicas para a investigación do medio mariño, subministro de recursos biolóxicos mariños e cultivo de organismos modelo, acceso a ecosistemas costeiros a través de pequenas embarcacións e un buque de investigación de 20 metros ata o bordo da plataforma continental, soporte de datos oceanográficos en tempo real e servizos de procesamento e análise de mostras de auga, sedimentos e organismos mariños.

Neste sentido, García Estévez pon en valor estes recursos que permiten a colaboración entre distintas institucións e persoal investigador: “Cada estación está enfocada a certos campos da investigación mariña, polo que non todas contan coas mesmas dotacións. A finalidade destas colaboracións é rendibilizar ao máximo as infraestruturas, xa que teñen un custo importante para os organismos públicos. Os accesos transnacionais dan máis visibilidade ás nosas instalacións, de maneira que outros grupos saben en que estamos traballando, e ese é o xerme para poder pedir grandes proxectos internacionais. Senón, sempre traballarían os mesmos nos mesmos proxectos”. Así, desde a súa entrada no EMBRC, a Ecimat do CIM acolleu arredor de 50 investigadores e investigadoras de países como Italia, Reino Unido, Ucraína e Portugal.

Nos últimos anos, os accesos transnacionais abrangueron temáticas moi variadas, desde o estudo da presenza de especies invasoras de organismos mariños nas costas galegas ata o efecto do cambio climático en organismos como os moluscos ou as microalgas, así como os efectos de contaminantes no desenvolvemento de especies mariñas explotadas comercialmente. Estes proxectos, e os vindeiros, son a oportunidade de que o CIM “estea na vangarda da investigación europea no que respecta aos recursos mariños, de que a Universidade de Vigo sexa un referente na investigación mariña de Europa”, manifesta o director da Ecimat.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos