Sábado 20 Abril 2024

Chícharo bágoa, o caviar que nace da terra

A historia do chícharo bágoa é a historia dunha colaboración a tres bandas entre investigadores, produtores e cociñeiros. Toda unha demostración de que a aposta por innovar e enfocar a agricultura desde un punto de vista integral dá os seus froitos. Hai uns anos, o chícharo bágoa era practicamente un produto descoñecido en Galicia. Esta variedade só se cultivaba no País Vasco, onde era un dos legumes preferidos de prestixiosos cociñeiros como Arzak, Berasategui ou Subijana. O que poucos sabían é que a orixe biolóxica deste manxar estaba en Galicia.

A súa orixe biolóxica está en Galicia, pero tardou en comercializarse aquí

A Misión Biolóxica de Galicia, con sede en Salcedo (Pontevedra), conservaba sementes desta variedade que foran recollidas en varios puntos de Galicia. Un dos seus investigadores, Antonio de Ron, é un dos maiores expertos en legumes de Europa e acumula unha longa experiencia no estudo e mellora das diferentes especies desta planta. Ante o éxito do chícharo noutros lugares do Estado, o agricultor Santiago Pérez e o cociñeiro Javier Olleros acudiron á sede da Misión para  recuperar o cultivo desta especie en Galicia. Desta unión xurdiu un proxecto de investigación  para aproveitar ao máximo as propiedades culinarias do “caviar verde”, como se adoita coñecer a este produto. Despois dun longo traballo de estudos xenéticos e de perfeccionamento do cultivo, o chícharo bágoa galego estaba listo para dar o salto ás mesas dos mellores restauradores do país. O propio Olleros, Pepe Solla, Xosé Cannas ou Iñaki Bretal incorporaron este legume aos seus pratos.

Publicidade

E a que sabe? Quen o probou afirma que o chícharo bágoa e algo así como unha explosión de dozura e frescura dentro da boca. Adoita servirse cru ou moi pouco cocido, e ao mastigarse libera todo o seu xugo. Toda unha experiencia.

Os meses de xullo e xullo son os máis axeitados para a súa degustación. A temporada da colleita é moi breve, de apenas tres semanas. Débese facer a man, de maneira moi coidadosa, e a produción anual é bastante pequena en cantidade. O seu valor gastronómico, os esixentes coidados que debe recibir para poder obter ese valor culinario e a escasa produción fan que o seu prezo sexa inusitadamente elevado: máis de 300 euros por quilo. Así que quen queira, e poida, pode acudir a gozar del.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte