Venres 29 Marzo 2024

Coleccionar Chernóbil: máscaras e medallas dos liquidadores a 20 euros

A catástrofe nuclear de 1986 é hoxe obxecto de coleccionismo e mesmo protagoniza unha historieta de Ibáñez

O desastre de Chernóbil convertido en obxecto de humor ou do coleccionismo máis morboso. Imáns de neveira, postais ou chaveiros están á venda xunto con pezas reais da época, como as medallas concedidas aos bombeiros ‘liquidadores’, por un prezo de menos de 30 euros.  Mentres a serie de HBO amosa a magnitude da traxedia, a realidade volve demostrar a sentenza clásica: traxedia máis tempo é igual a comedia. É a catástrofe en versión Mortadelo e Filemón, que de feito xa existe: foi publicada por Francisco Ibáñez no ano 2011, no 25 aniversario da catástrofe, no álbum “Chernóbil: Que cuchitril!”

Nos portais de coleccionismo é posible atopar hoxe todo tipo de memorabilia relacionada co accidente de 1986. Destacan as medallas concedidas aos ‘liquidadores‘, os máis de 600.000 bombeiros, mineiros, enxeñeiros, científicos ou militares que participaron no selado do reactor nuclear en 1986. En webs como todocoleccion.com atopamos estas condecoracións por prezos entre os 22 e os 33 euros, incluíndo os gastos de envío.

Publicidade

As medallas dos liquidadores, á venda entre 22 de 30 euros.

Tamén están á venda medallas conmemorativas de sobremesa e outras editadas cos sucesivos aniversarios da catástrofe.

Medalla conmemorativa da catástrofe de Chernóbil.

En Ebay, podemos atopar diversos obxectos relacionados co desastre nuclear, que se venden como ‘auténticas pezas de Chernóbil‘. Entre eles hai contadores geiger ou traxes anticontaminación utilizados polos liquidadores para limpar a zona contaminada. Un contador geiger presuntamente datado en 1964 ten un prezo de 60 euros e o traxe coa máscara, por 58, envío non incluído.

Ademais do coleccionismo, Chernóbil tamén ten os seus ‘souvenirs’ para turistas. Que inclúen chaveiros e mesmo imáns de neveira a diversos prezos. Mesmo están á venda camisetas co logotipo de Hard Rock Café e a localización na planta nuclear.

Imán para frigorífico e chaveiro de Chernóbil.

Existe, polo tanto, certa banalización do desastre, que ao longo das décadas foi tamén inspiración para o humor. Concretamente, a través das historietas de Francisco Ibáñez, quen no ano 2011, coincidindo cos 25 anos da catástrofe, publicou o seu álbum ‘Chernóbil: Que cuchitril!”, protagonizado por Mortadelo e Filemón.

Outra versión da historieta publicada no 2011.

Os dous axentes da TIA son enviados polo Súper a Ucrania para investigar un gas que volve saír da central nuclear de Chernóbil. Alí atopan que a xente de Pripiat se volveu moi belixerante e un maligno personaxe quere armala para conquistar o mundo. Mortadelo e Filemón resolven o misterio e, á súa volta a Madrid, serán condecorados polo presidente José Luis Rodríguez Zapatero.

Portada do cómic de Mortadelo e Filemón.

Así que todo demostra o dito: a traxedia máis tempo sempre é igual a farsa. Ou a comedia. Ou a que unha catástrofe como a de Chernóbil poida converterse en obxecto de humor, turismo ou coleccionismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que sabemos dos cortes de enerxía das centrais nucleares en Ucraína?

As forzas rusas ocuparon as infraestruturas de Chernóbil e Zaporiyia, aínda que, de momento, os expertos aseguran que non hai unha ameaza inmediata

Chernóbil, territorio lobo

A zona de exclusión afectada polo accidente nuclear de 1986 mantén hoxe unha das maiores densidades de lobo en Europa

Académico Lomonósov, Chernóbil Ártico mariño?

O biólogo Antonio Figueras analiza nesta bitácora os riscos da central nuclear flotante que entrou en funcionamento en Rusia

Fukushima, como Chernóbil: a fauna invade a zona de exclusión

Un estudo constata o aumento de grandes mamíferos na zona vedada aos humanos desde o accidente causado polo maremoto de 2011