Xoves 28 Marzo 2024

A Cemma recolle en seis meses 13.256 fotografías de arroaces

A entidade presenta os primeiros resultados do proxecto de fotoidentificación, co que constrúen un banco de imaxes da especie en Galicia

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) desenvolve desde xaneiro o proxecto TurGaSur (Seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000), unha iniciativa financiada a través das axudas da Fundación Biodiversidad, coa que se traballa na conservación dos arroaces no litoral galego. Unha das liñas de actuación de TurGaSur, co obxectivo de mellorar o coñecemento da poboación destes animais, era a das mostraxes de fotoidentificación na ría de Vigo e augas lindeiras. E estes días, a Cemma fixo públicos os primeiros resultados, case seis meses despois de botar a andar este traballo.

Durante estas primeiras 11 mostraxes puideron desenvolverse máis de 61 horas de observación, ao longo de 583,6 quilómetros de transecto de mostraxe. Nestas saídas conseguiuse un total de 25 avistamientos de arroaces, realizándose rexistros da presenza da especie en todas as mostraxes. A duración total destes avistamentos foi de 16,1 horas. E en conxunto, durante este período de monitorización dos cetáceos, conseguiron facerse un total de 13.256 fotografías.

Publicidade

Voluntarias do proxecto TurGaSur. Fonte: Cemma.
Voluntarias do proxecto TurGaSur. Fonte: Cemma.

Obxectivos de TurGaSur

Alén de mellorar o coñecemento dos arroaces nas costas galegas, TurGaSur incorpora tamén un obxectivo de participación social, unha “ferramenta fundamental para a conservación das áreas protexidas e das especies ameazadas, mediante a participación en mostraxes científicos”, segundo subliña a Cemma.

Nesta liña de participación, reforzada tamén con iniciativas como os embarques participativos abertos á cidadanía, a Cemma destacou a participación nesta actividade dun total de 26 persoas, que recibiron formación técnica específica para participar nestas mostraxes, e que forman parte do equipo de voluntariado do proxecto, formado por 115 persoas.

Fotoidentificación

Outra das accións que se están a executar dentro do proxecto TurGaSur consiste en recompilar, catalogar e revisar o arquivo fotográfico dos arroaces fotografados e fotoidentificados en Galicia pola CEMMA a lo longo dos últimos 20 anos.

Trátase dun arquivo formado por máis de 62.000 fotografías, e máis de 580 aletas dorsais diferentes, que constitúen un elemento de grande importancia para poder obter información sobre diferentes parámetros poboacionais e ecolóxicos dos arroaces: desprazamentos, estrutura social, uso do hábitat, grao de residencia e reprodución.

A gran excursión de Rac e Flash, dous arroaces arredor da costa galega

“A pesares de que aínda queda moito traballo por realizar”, expón a Cemma, “a revisión deste enorme arquivo fotográfico, e a incorporación dos datos obtidos nas mostraxes TurGaSur, así como os procedentes doutras entidades e persoas que están a colaborar co proxecto, permitiu obter información de grande interese referida ás recapturas fotográficas de individuos que tiñan sido rexistrados con anterioridade”.

Entre os casos más interesantes de recaptura de individuos fotoidentificados que foron localizados ata o momento, caben destacar o rexistro de grandes desprazamentos de máis de 1.000 km ao longo da costa galega, a comprobación de que varios exemplares que foron rescatados de varamentos (algúns deles acompañados dos seus cachorros) conseguiron sobrevivir, ou o rexistro de exemplares que son coñecidos dende hai case 20 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.