Xoves 25 Abril 2024

A caza, en suspenso en Castilla y León pola falta de estudos científicos que a apoien

O Tribunal Superior estima unha demanda do PACMA contra o novo decreto da Junta debido ás mesmas eivas que se denuncian en Galicia

Un auto do Tribunal Superior de Justicia de Castilla y León (TSJCYL) está a provocar un importante debate político, social e científico na comunidade, nun momento moi sensible debido á proximidade das eleccións xerais, autonómicas e municipais que terán lugar en menos de dous meses. Na súa decisión, o tribunal estimou unha demanda do Partido Animalista contra o Maltrato Animal (PACMA), que pedía a suspensión do decreto sobre as especies cinexéticas aprobado o ano pasado polo goberno autonómico. Por agora, a caza non está prohibida, pero de confirmarse o sentido do auto, contra o que cabe recurso, podería suspenderse unha actividade que conta cunha longa tradición na rexión.

A decisión do TSJCYL está baseada, sobre todo, na desactualización dos estudos científicos que permiten catalogar as especies cinexéticas (é dicir, as autorizadas para ser cazadas). Na súa argumentación, o tribunal lembra que unha sentencia anterior, que provocou a anulación de varios artigos do anterior decreto autonómico, sostiña que a declaración de especies cinexéticas estaba “carente de estudos científicos que avalen a concorrencia dos tres presupostos esixidos: os niveis poboacionais, a distribución xeográfica e o índice de reprodutividade das especies”.

Publicidade

Informes en dúbida

A pesar da sentencia que anulaba varios artigos, a Junta aprobou o decreto grazas á xustificación dun informe co que se afirmaba teren arranxados os defectos. Mais o novo auto do TSJYCL pon en dúbida aqueles informes: “O exame de dito informe pon de manifesto que foi realizado por unha consultora contratada pola propia Administración e que é a mesma que fixo o informe que presentou a Junta no procedemento anterior”.

Mais estes informes, segundo expón o tribunal, beben de fontes “que non son actuais, xa que se toman en consideración datos dos anos 2001 e 2005″. E engade, por outra banda: “Non consta que se utilizaran estudos científicos obxectivos, xa que o chamado ‘Sistema de censo, seguimento e estudo de tendencia das especies cinexéticas en Castilla y León’ nútrese dunha información compilada para outros fins”.

O auto sinala tamén outros defectos administrativos e contrarios a dereito na tramitación do decreto. Cabe subliñar que un dos maxistrados do tribunal presentou un voto particular, no que se amosa contrario á decisión adoptada polos seus compañeiros.

Nun primeiro momento difundiuse a información de que a caza quedaba prohibida en Castilla y León, mais desmentiuse este extremo. A medida xerou un forte rexeitamento entre o colectivo dos cazadores. Así, a Federación de Caza de Castilla y León publicou un duro comunicado no que di que está a estudar posibles accións legais contra a presidenta da Sala do Tribunal por prevaricación; e atribúen a decisión do Tribunal á “sistemática persecución que grupos fanáticos e radicais anticaza exercen sobre a actividade cinexética”, en alusión aos colectivos animalistas.

A situación en Galicia

Ao coñecer o auto favorable, o PACMA adiantou que xa traballa para replicar a demanda noutras comunidades. Podería ser o caso de Galicia, onde diversos colectivos teñen denunciado a carencia de estudos científicos que sustenten o regulamento de caza. É o caso, sosteñen, da recente polémica cos trofeos de batidas de raposo, tal e como denunciou a asociación ecoloxista Adega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea