Xoves 18 Abril 2024

Castro Candaz, a fortaleza medieval mergullada no río Miño que rexorde coas secas

Nas terras de Chantada atópanse restos dun poboado prerromano reconvertido nunha fortificación da Idade Media que sobrevive nas augas do encoro de Belesar

No río Miño hai un tesouro mergullado. Á altura de Chantada, xusto onde coinciden as desembocaduras do río da Lama e o río Enviande está Castro Candaz. Alí conviven os restos dun poboado prerromano cos dunha fortaleza medieval. A maior parte do ano a auga tápaos, pero ben sexa nas secas ou ben nos baleirados dos traballos do encoro de Belesar, Casto Candaz rexorde de cando en cando. Como aconteceu tantas veces na historia recente de Galicia, o aproveitamento hidroeléctrico dos ríos impulsado no século XX provocou a evacuación e a destrución de aldeas enteiras e tamén de castros e outros espazos de alto interese patrimonial. Portomarín, Baños de Bande, Barcela, Aceredo, O Marquesado, Alberguería… A lista é longa de máis.

Castro Candaz presenta unha fortaleza medieval que se desputaron durante xeracións as familias nobres desta rexión. O outeiro no que se ergue esta fortaleza, rodeada de vivendas e socalcos que evidencian un aproveitamento vitícola do lugar, emerxe cando as augas baixan, e, en contadas ocasións, cando o nivel de Belesar descende máis, hai un pequeno paso de terra desde o cal se pode acceder ao asentamento. O treito do Miño no que está Castro Candaz sepultou outras aldeas como Abideira, Porto, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Ponte Fortes, Portomeñe, A Hermida ou Ribó, recollidas no documental Asolagados.

Publicidade

Segundo a historiografía galega, este antigo poboado fortificado foi fundado polo cónsul romano Lucio Cambero, se se retirou alí tras a súa derrota contra dúas lexións romanas mandadas polo emperador Traxano. A súa estratéxica situación, moi afastada doutros poboados e cun único acceso por terra, aproveitaba as condicións naturais para proporcionar aos seus habitantes unha estancia segura neste lugar.

Foto: Adrián Estévez / CC BY-SA 4.0.
Fortaleza de Castro Candaz | Foto: Adrián Estévez / CC BY-SA 4.0.

“Durante a Idade Media, o castro tivo unha evolución similar á doutros contemporáneos, xa que sobre os seus restos construíuse unha fortaleza que aproveitaría as boas condicións xeográficas que motivaran no seu momento a construción do castro con fins defensivas”, apúntase no libro De la nobleza de la casa de Camba y sus principios, y fundación del castillo de Castrocandaz, solar de Cambas y Taboadas de Galicia. Segundo o historiador arzuán Formoso Lamas, durante a segunda vaga de invasións no. Tras arrasaren coa vila, os viquingos seguiron avanzando e os nobres da vila refuxiáronse en Castro Candaz, custodiado pola familia dos Erice onde recibiron a axuda das tropas do rei Ramiro I de Asturias.

Derrubada durante as Revoltas Irmandiñas no século XV e reconstruída posteriormente pola familia Taboada, actualmente consérvanse parte dos alicerces e muros da súa estrutura, aínda que os seus materiais probablemente foron reaproveitados para a construción dos bancais de vides que acaparan a península e se superpóñen aos restos anteriores, como acontece noutros espazos patrimoniais do país.

Coa popularización das imaxes nas redes sociais durante as secas estivais, Candaz converteuse nun dos lugares de visita obrigada na Ribeira Sacra debido ao atractivo que supón o feito de que parte do ano se atope cuberto polas augas do Miño. A día de hoxe, se o nivel da auga o permite, o acceso ao castro faise a pé, seguindo un percorrido de aproximadamente un quilómetro desde o lugar de Xillán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos