Sábado 20 Abril 2024

30 anos do “Cason”: 23 mortos, histeria e confusión

Non foi a primeira nin a última vez que a xente do mar de Galicia viviu nas súas carnes a desinformación e o caos cunha polvoreira ardendo a poucos metros da costa. Antes, na Coruña, fora o Urquiola, e cinco anos despois do Cason, tamén a comezos de decembro, o Mar Exeo tinguiu de negro o ceo da cidade. E 15 anos despois, na Costa da Morte chegou o Prestige.

Traslado dun dos corpos dos 23 falecidos no accidente do "Cason", chegando ao porto de Fisterra. Imaxe: TVG.
Traslado dun dos corpos dos 23 falecidos no accidente do “Cason”, chegando ao porto de Fisterra. Imaxe: TVG.

Con todo, a crise que desencadeou o embarrancamento do cargueiro Cason, de bandeira panameñanas costas de Fisterra, o 5 de decembro de 1987, hai agora 30 anos, foi a máis notable desde o senso estrictamente humano. 23 dos 31 tripulantes perderon a vida no accidente, e arredor de 15.000 persoas dos concellos de Fisterra, Cee, Corcubión ou Muxía fuxiron das súas vilas, no medio de informacións contraditorias sobre a carga e o risco dunha nube tóxica.

Publicidade

Estas son varias das claves dos feitos daqueles días:

Como se produciu o accidente do Cason?

O primeiro aviso chegou ás 6.10 horas da madrugada do 5 de decembro de 1987. O Cason lanzaba un SOS porque se declarara un incendio a bordo. Ao parecer, o forte temporal provocou o corremento de parte de carga, que comezara a arder. Durante o día chegan á zona varios barcos de salvamento e remolcadores. No medio de negociacións entre armadores, autoridades españolas e demais partes, o barco acaba embarrancando, ou sendo embarrancado, na zona da punta do Castelo, preto da praia do Rostro. Neste momento, xa foran rescatados numerosos cadáveres de tripulantes do barco.

Como morreron os 23 tripulantes?

O pánico colectivo na zona eclipsou a traxedia humana que se produciu a bordo do cargueiro. 23 dos 31 tripulantes, todos chineses, morreron durante o accidente. Especulouse con que as mortes se deberan aos vapores tóxicos que se desprendían do incendio da carga. Mais algunhas das persoas que os rescataron, como Leoncio Domínguez, patrón da lancha de Cruz Vermella que acudiu ao lugar, e algún dos médicos que recoñeceu os cadáveres, sostiñan que estaban descalugados. Ao parecer, ao saltar desde a cuberta do cargueiro ao mar, a unha altura de máis de 10 metros, cos chalecos salvavidas postos, non protexeron debidamente a caluga, e o forte impacto coa auga produciu o fatal desenlace. Explícao ben no documental Cason 1987, dirixido por Xabier R. Blanco e Luis Montenegro:

Que carga levaba o “Cason”?

Foi a maior controversia arredor do sucedido. Houbo teorías da conspiración, denuncias de ocultación de información e datos contraditorios. O manifesto de carga coñeceuse bastantes horas despois, cando o pánico xa estaba estendido pola comarca, sobre todo en Fisterra, a vila máis próxima ao lugar do embarrancamento. Segundo os datos do Goberno Civil da Coruña, había no “Cason” unhas 1.000 toneladas de mercancías perigosas (inflamables, tóxicas e corrosivas) como sodio metálico, aceite de anilina, ortocresol, ácido fosfórico ou formaldehido. Alguén, nalgún momento, lanzou ao aire a posibilidade de que houbera material radiactivo a bordo, mais nunca se puido aportar ningunha evidencia.

Por que ardeu e estourou o barco?

A TVG retransmitiu en directo as explosións producidas polo contacto entre o sodio metálico e a auga do mar. Imaxe: TVG.
A TVG retransmitiu en directo as explosións producidas polo contacto entre o sodio metálico e a auga do mar. Imaxe: TVG.

O maior perigo, segundo destacaba o propio Goberno Civil nos seus informes, eran os 11 contedores de sodio metálico, con 14,5 toneladas cada un deles, que había aínda no barco. Algúns alcaldes da zona, preocupados pola situación, piden asesoramento a Jesús Ruíz, químico da factoría de Ferroatlántica en Cee, e este remíteos á súa vez a Francisco Bermejo, catedrático de Química da USC.

En declaracións á televisión, que recolle o documental sobre o suceso, Bermejo explica que o sodio, en contacto coa auga, “reacciona violentamente e produce sosa cáustica e hidróxeno, que é un gas moi explosivo“. Os embates das ondas acabaron por facer rachar os contedores e xerar esta reacción, que foi retransmitida en directo pola TVG, en medio de grandes estouridos e unha nube de fume e lume que chegou a facer invisible o barco.

Por que se evacuou a tanta xente?

Os ánimos entre os veciños da comarca estaban ao límite. Houbo fortes discusións, incluso pequenas liortas, debido á desinformación sobre os danos que podería causar aquela carga. Mencionar o material radiactivo aumentou a histeria, nunha época na que as consecuencias do accidente nuclear de Chernóbil, acontecido apenas un ano e medio antes, seguían moi presentes nos medios de comunicación.

Extracto do informe do Goberno Civil da Coruña. Fonte: Arquivo do Reino de Galicia.
Extracto do informe do Goberno Civil da Coruña. Fonte: Arquivo do Reino de Galicia.

Aínda que en ningún momento se rexistraron niveis de contaminación que fixeran pensar na existencia dunha nube tóxica, a falta de coordinación entre autoridades locais, rexionais e estatais e varios erros de comunicación chegan a un punto no que a delegación do Goberno acaba dando unha orde de evacuación. Comeza o éxodo dos veciños de Fisterra, Cee, Corcubión, Muxía e incluso Camariñas. Centos de autocares, vehículos particulares e mesmo xente a pé fuxiron destas vilas. Só ficaron algunhas persoas maiores que se negaron a deixar as súas casas e veciños que constituíron patrullas cidadás.

Conflito en Guitiriz e San Cibrao

Parte da carga do Cason foi rescatada do barco. Centenares do bidóns quedaron almacenados no peirao de Brens, en Cee, pero a cidadanía non quería ver preto aqueles recipientes, algúns deles con etiquetas de ‘veleno‘ e unha caveira. O Goberno central decide levalos a Guitiriz, a unhas antigas instalacións militares, pero os veciños cortan a estrada con barricadas e impiden a operación.

Decídese entón levala á factoría de Alúmina en San Cibrao. A oposición dos cidadáns, a dirección da empresa e os traballadores impide de novo a descarga dos bidóns. Os momentos de tensión acaban desembocando nun conflito laboral e unha avaría na factoría que, sumada a unha tensión que xa viña de atrás, acaba provocando o despedimento de máis de 100 traballadores; entre eles os 23 membros do comité de empresa. Casualmente, o mesmo número de persoas que as falecidas no accidente do Cason.

Houbo consecuencias de saúde na zona?

A áncora do "Cason" consérvase xunto ao porto de Fisterra. Foto: Luis Miguel Bugallo Sánches / CC BY-SA 4.0.
A áncora do “Cason” consérvase xunto ao porto de Fisterra. Foto: Luis Miguel Bugallo Sánches / CC BY-SA 4.0.

Parte do pecio do Cason segue hoxe en día a poucos metros de profundidade, na mesma zona onde aconteceu o accidente. É un reclamo para actividades de buceo e pesca submarina. Non se teñen noticias nin datos de problemas medioambientais ou de saúde na comarca. Aínda que existe a crenza entre algúns veciños de que aumentou a incidencia do cancro, nunca se puido demostrar que se debese aos efectos da carga do barco. Como lembranza daqueles días, a áncora do Cason consérvase no porto de Fisterra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non son medusas: estes son os animais que apareceron nas praias da Costa da Morte e do Morrazo

A principal hipótese atribúe o varamento masivo de veleiriños ás correntes e fortes ventos provocados pola borrasca Nelson

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli