Venres 29 Marzo 2024

Briones: ‘Poderían existir millóns de planetas con formas de vida’

O investigador burgalés Carlos Briones presentou esta semana en Galicia o libro “Orígenes. El universo, la vida, los humanos”, no que xunto a Alberto Fernández Soto e José María Bermúdez de Castro fai un percorrido pola orixe da vida e as claves da evolución humana, dende un enfoque multidisciplinar. Briones, bioquímico e investigador do Laboratorio de Evolución Molecular do Centro de Astrobioloxía, un organismo do CSIC e do INTA asociado á NASA, traballa xunto a un equipo formado por investigadores de ramas moi diversas e procura respostas ás grandes preguntas que a Ciencia ten pendentes de respostar e que xa formularan Siniestro Total nunha célebre canción: quen somos?, de onde vimos?, onde imos?, atopámonos sós na galaxia ou acompañados?

-Cal é o obxectivo do libro e que diferenzas poden atoparse con outros de temática similar?

Publicidade

-O obxectivo do libro é invitar ao lector a unha viaxe fascinante de 13.800 millóns de anos, dende o Big Bang ata o momento actual. Centrámonos en tres puntos fundamentais: a propia orixe do universo; a orixe da vida e, finalmente, o momento en que algúns animais adquiren a capacidade de preguntarse pola orixe da vida. Son tres saltos importantes e queríamos contalos nun único libro. A particularidade é que está escrito por tres especialistas en cada un dos campos e facemos un esforzo divulgativo para que especialistas diversos podan ler sobre outras disciplinas, por exemplo un físico pode atopar aquí contidos sobre antropoloxía, ou un bioquímico lerá sobre evolución humana. Hai partes máis técnicas pero intentamos explicar o máis posible todos os conceptos para achegarnos a un público amplo.

Carlos Briones, presentado por Manuel Vicente.
Carlos Briones, presentado por Manuel Vicente.

-Vostede traballa no campo da Astrobioloxía, unha ciencia que apenas ten 20 anos. Pode explicarnos en que consiste exactamente e cales foron os fitos máis importantes na súa curta existencia?

-É unha ciencia nova aínda que algúns prefiren cualificala coma unha suma de ciencias. Caracterízase por intentar responder ás grandes preguntas coma cal foi a orixe da vida, como se desenvolveu a evolución e se pode existir vida fóra do noso planeta. Estas preguntas deben responderse cunha aproximación interdisciplinar, co traballo conxunto de químicos, enxeñeiros, matemáticos, biólogos, etc. Os meus compañeiros no Centro de Astrobioloxía proceden de diversas disciplinas e isto non é moi habitual na ciencia, tanto en España coma fóra. A filosofía do noso centro é ter un pouco de todo para ver de atopar respostas ás grandes preguntas. Os logros acadados pola Astrobioloxía son, por exemplo, os avances na explicación da orixe da vida e os estudos sobre microorganismos en condicións extremas, que permiten achegarnos as características que podería ter a vida fóra da terra. Tamén avanzouse moito no campo da robótica e cada vez son máis precisas as naves que investigan noutros planetas e os sensores que teñen os robots de exploración.

Un dos temas máis apaixonantes son as posibilidades de vida fóra do noso planeta. Está avanzando a ciencia neste campo e en que liñas se está a investigar?

Avánzase na caracterización das entornas que hai fóra da Terra. Por exemplo, sabemos que pode existir vida en Marte porque coñecemos moi ben o río Tinto en Huelva e ten unhas características físicoquímicas semellantes ás que poden atoparse nese planeta. Cada vez sabemos máis sobre como é a auga que hai no satélite Europa por debaixo da capa de xeo que ten. Tamén empezamos a saber cousas sobre as atmosferas de planetas fóra do sistema solar, aínda que só podemos observalos por telescopios. Sabemos, por exemplo, que a superficie de Venus non é habitable pero o subsolo de Marte si o sería. O seguinte paso será desenvolver biosensores para levalos a eses lugares e que podan dicirnos se hai vida ou non neles. Hai moitas posibilidades de que haxa vida porque hai miles de millóns de planetas no Universo. So coñecemos un planeta no que existe vida pero podería haber millóns de planetas habitados, non de humanos, pero si de formas de vida. De feito hai autores que din que ata que non atopemos vida fóra da terra non poderemos definir o que é a vida. Definir a vida suporía ter polo menos dous exemplos para sinalar as características comúns e, de momento, só temos un. Na Terra na vida é coma é pero quizais un día atopemos outra vida radicalmente distinta mergullando no océano do satélite Europa, por exemplo.

‘Non podemos definir o que é a vida ata que non a atopemos fóra da Terra’

É certo que a biodiversidade xorde por un erro?

Si, a base da evolución é que cando se replica unha molécula, de ADN por exemplo, sempre se producen erros. Non existen fotocopias idénticas na Natureza e polo tanto se unha molécula se replica cen veces teremos cen copias diferentes entre si. En función de como sexa a presión do ambiente, a temperatura, etc, as moléculas darán lugar a células distintas e seguirán evolucionando. A fonte da biodiversidade é que dende o principio as células comezaron a replicarse acumulando erros.

É vostede optimista en canto ás posibilidades da ciencia española nos vindeiros anos?

En canto a capacidade creativa e de traballo dos científicos españois non hai dúbida. Tense demostrado moitas veces. O que se necesita é un apoio por parte dos Gobernos que non existiu nos últimos sete anos. Na última lexislatura a financiamento da Ciencia caeu un 40% en España e iso é tremendo porque impide que moitos proxectos se podan levar a cabo, fai que moitos investigadores mozos teñan que emigrar para non volver, etc. Se non se aposta polo investimento en Ciencia imos seguir acumulando retraso sobre aqueles que son tamén os nosos competidores. O 95% dos reactivos que compro para as miñas investigacións proceden de países estranxeiros que, no seu momento, apostaron pola investigación e xeraron empresas tecnolóxicas que agora nos venden a nós. Se os políticos foran capaces de interiorizar isto e de apostar pola I+D+I España sería un país punteiro neste campo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Estrelas galegas da Ciencia’, o libro que percorre os grandes avances científicos en Galicia

Un proxecto de Observer achega a nenos e adultos a historia da ciencia en Galicia e a de persoeiros relevantes entre os séculos XVII e XX

Por que ficou esquecida a fotógrafa Ruth Matilda Anderson?

A investigadora Alba Rodríguez Saavedra, da UVigo, estudou os motivos polos que as traducións da autora foron excluídas durante máis de 80 anos en Galicia

Isto é o que saben ata agora os virólogos do SARS-CoV-2

Os autores do artigo, expertos no estudo de virus, analizan as características máis salientables do axente causante da pandemia mundial

A orixe do coronavirus SARS-CoV-2, á luz da evolución

O estudo dos coronavirus descritos desde hai decenios, así como coñecer os postulados da evolución, axudan a entender como poden aparecer estes patóxenos