Xoves 28 Marzo 2024

Comezan a escavar o campamento romano da Ciadella, en Sobrado

Xunta e Universidade de Vigo colaborarán durante seis meses no estudo do asentamento, datado arredor do século II d.C.

A intervención arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia no campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, xa está en marcha. Desde o luns 2 de marzo e durante seis meses un equipo de arqueoloxía e restauración da Universidade de Vigo afondará no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo. “A intervención forma parte dun proxecto moi amplo e abranguinte onde se conxuga investigación, novas escavacións e tarefas de conservación-restauro cunha duración total de dez meses”, explica Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros, é froito da consecución por parte do equipo da Universidade de Vigo do concurso de licitación do traballo promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A escavación desenvolverase durante tres meses, desde marzo ata maio, e nela participan doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, contando o proxecto coa participación dos membros do GEAAT e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e Ladislao Castro.

Publicidade

Traballos de escavación. Foto: Duvi.
Traballos de escavación. Foto: Duvi.

“Estes primeiros traballos consistirán na escavación de novas áreas, designadas como edificios 1 e 2, e a limpeza e reescavación de zonas anteriormente intervidas co obxectivo de realizar un levantamento fotogramétrico 3D e un rexistro pormenorizado de todas as estruturas antigas conservadas”, comenta Adolfo Fernández. O xacemento, detalla, “é moi complexo xa que presenta unha ocupación prolongada desde a construción inicial do campamento militar, probablemente a inicios do século II despois de Cristo, coa chegada e instalación da Cohors I Celtiberorum, ata o século XIII, cunha importante ocupación tardo-antiga que se estende por riba do forte militar romano asociado a unha primitiva igrexa alto medieval, que no século XIII foi trasladada a poucos metros fóra do xacemento”. Esta unidade militar mixta (de infantería e cabalería) dependía directamente da Lexio VII Gémina, establecida en León, sendo a súa función principal a de garantir as comunicacións entre Lucus Augusti (Lugo), unha das capitais romanas do Noroeste, e o porto de Brigantium (A Coruña), amais de controlar as explotacións mineiras da zona e dar soporte á administración para o cobro de impostos.

Áreas de traballo

Unha vez rematados os traballos de escavación e rexistro, explican os seus responsables, “será o momento de executar un intenso proxecto de conservación-restauro de todos estes elementos”, que será levado a cabo por parte doutro equipo especializado baixo a dirección da conservadora-restauradora Marta Lago, membro do GEAAT. En paralelo a todos estes traballos, engaden os seus responsables, vanse realizar estudos multidisciplinares que inclúen datacións radiocarbónicas; estudos de caracterización de morteiros e datacións dos mesmos por OSL; estudos arqueobotánicos, arqueozoolóxicos e cerámicos de todos os restos recuperados; prospeccións xeofísicas non destrutivas, levantamento con drone, etc. Para estes traballos, o proxecto conta coa colaboración científica de especialistas de varias institucións, como as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, León e Porto, ademais doutros investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo. O obxectivo é aumentar o coñecemento sobre a funcionalidade dos diferentes edificios escavados do campamento e das fases de ocupación para una futura musealización deste importante elemento do patrimonio cultural galego.

Por último, o proxecto, indican os seus promotores, tamén inclúe un “programa de promoción e divulgación en redes e tamén coa sociedade local mediante charlas, conferencias e obradoiros con nenas e nenos e coa veciñanza”, que serán  xestionados por Xeitura e deseñados por Begoña Garrido, membro do GEAAT. A primeira destas charlas será o día 27 de marzo, ás 17,00 h, en Sobrado e servirá de presentación dos traballos aos veciños e veciñas dos concellos próximos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro

O segredo da illa de Sálvora: unha fábrica de salgadura de peixe da época romana

Un equipo da UVigo publica un estudo sobre o xacemento de Areal dos Bois, datado no século I a.C.

Un equipo da UVigo estuda a capacidade de planificación e anticipación do ‘Homo erectus’

Os arqueólogos Eduardo Méndez e Andrea Serodio participan nun proxecto internacional no xacemento de Simbiro III, en Etiopía

Un equipo da UVigo descobre un “importante xacemento romano” en Sálvora

Os investigadores realizan a primeira escavación arqueolóxica na illa e cren que o achado é unha factoría de salgadura de peixe da época