Venres 19 Abril 2024

Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos

A Unesco vén de designar Cabo Ortegal (A Coruña) como Xeoparque Mundial, unha contorna que posúe unha das maiores concentracións de rochas propias do interior e da parte superior do manto terrestre, é dicir, teñen máis de 400 millóns de anos. O seu valor xeolóxico é moi singular, por exemplo, conserva a única praia de area negra de orixe non volcánica coñecida. Con esta designación, a Rede Mundial de Xeoparques suma 195 enclaves de 48 países. A Unesco considera que Cabo Ortegal posúe “algúns dos testemuños máis completos de Europa da colisión que orixinou Pangea, un proceso coñecido como oroxénese varisca”.

A maioría das rochas deste xeoparque saíron á superficie pola colisión de dous continentes, Laurasia e Gondwana, que acabarían uníndose ao supercontinente Pangea fai uns 350 millóns de anos. Cando se produciu a colisión, estas rochas estaban situadas no manto superior da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. O cobre explotado nas minas do xeoparque orixinouse por mor dunha intensa actividade térmica no fondo mariño, onde chemineas volcánicas liberaron gases e minerais a alta temperatura que posteriormente se arrefriaron ao entrar en contacto coa auga.

Publicidade

18 novas designacións

A etiqueta de Xeoparque Mundial da Unesco creouse en 2015 para recoñecer o patrimonio xeolóxico de importancia internacional. Ao combinar a conservación do seu importante patrimonio xeolóxico coa divulgación pública e un enfoque sustentable do desenvolvemento, os xeoparques prestan un servizo ás comunidades locais. Coas 18 novas designacións, a Rede Mundial de Xeoparques da Unesco conta desde agora con 195 xeoparques, que abarcan unha superficie total de 486 709 km2.

Entre os novos espazos incluídos, Filipinas e Nova Zelandia incorpóranse á rede. Inclúense os xeoparques de Caçapava e o de Quarta Colônia, ambos no estado de Río Grande do Sur (Brasil); a illa de Bohol no arquipélago das Bisayas (Filipinas) e Lavreotiki (Grecia). Indonesia suma catro novos xeoparques: Ijén, na provincia de Xava oriental; Maros Pangkep, na illa de Célebes (Indonesia); Merangin Jambi na illa de Sumatra; e Raja Ampat.

A rede incorpora ademais o xeoparque do río Aras, na cordilleira do Cáucaso Menor e o Xeoparque de Tabas, ambos en Irán; o enclave de Hakusan Tedorigawa, no centro de Xapón; Kinabalu (Malaisia); o Xeoparque Waitaki Whitestone, en Nova Zelandia; o Sunnhordland, en Noruega; o Xeoparque da costa oeste de Jeonbuk (República de Corea); Khorat, en Tailandia; e no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, o Xeoparque Mundial de Mourne Gullion Strangford.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España