Venres 29 Marzo 2024

Alerta pola borrasca Alex, o primeiro temporal do outono

A meirande parte de Galicia estará desde a noite do xoves baixo avisos por mor de fortes chuvias e refachos de vento, tanto en terra como no litoral

A borrasca Alex, primeiro temporal importante desde o comezo do outono, deixará pegada en Galicia desde a noite do xoves e durante toda a fin de semana. Aínda que o centro se atopa preto da Bretaña francesa, e deste xeito afectará en maior medida á costa cantábrica, Alex notarase tamén no noroeste da Península Ibérica. Tanto a Axencia Estatal de Meteoroloxía como MeteoGalicia anticiparon avisos de nivel laranxa e amarelo por precipitación, fortes refachos e vento no mar.

Segundo avanzan os modelos de predición e algúns expertos, a borrasca Alex, que ten a súa orixe nunha cicloxénese explosiva, provocará un notable descenso de temperaturas e un aumento da inestabilidade atmosférica, que probablemente se prolongue ata comezos da semana que vén.

Publicidade

Moita chuvia, vento e pode que neve

Desde a primeira hora da tarde do xoves, MeteoGalicia establece un aviso de nivel laranxa entre Laxe e Ribadeo por vento do suroeste no mar que pode acadar a forza 8. E desde as 21 horas, o aviso esténdese a terra, nas comarcas litorais do norte da Coruña e Lugo, así como no oriente da provincia lucense, por refachos que superarán os 80 quilómetros por hora.

Para o venres, as provincias de Pontevedra e A Coruña estarán en aviso de nivel amarelo desde a medianoite ata o mediodía do venres, ao estimar que se poden superar os 40 litros por metro cadrado en 12 horas. E en bo parte da provincia de Ourense e o leste de Lugo os refachos serán superiores a 80 km/h.

No mar, manterase o aviso laranxa durante todo o venres por mar combinada con vento de forza 8 e ondas de máis de cinco metros.

Ademais dos fenómenos adversos que van activar os avisos meteorolóxicos, é probable que nos puntos máis altos de Galicia poidan chegarse a ver as primeiras folerpas de neve do outono debido á baixada de temperaturas.

Borrasca Alex, primeiro nome do ano

Como veñen facendo desde hai anos, os servizos meteorolóxicos nacionais de Portugal, Francia, Bélxica e España acordaron establecer unha lista de nomes para as borrascas de gran impacto na temporada de outono e inverno. A borrasca Alex é a primeira dunha lista que continuará con Barbara, Clement, Dora, Ernest ou Filomena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Nelson activa a alerta en Galicia por chuvias, vento e temporal marítimo

A Semana Santa comeza con aviso laranxa por ondas de 7 metros en todo o litoral e amarelo por acumulación de chuvia de ata 40l/m2 en tan só 12 horas

Un río atmosférico empapa Semana Santa: Galicia poderá superar os 100 l/m² 

A situación de inestabilidade continuará durante a fin de semana, cando podería producirse unha cicloxénese explosiva no oeste da península

Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade