O CiTIUS da USC convoca, por terceiro ano consecutivo, o seu programa de bolsas de verán, con 10 axudas de inicio á investigación dirixidas a estudantes de grao que desexen comezar a súa actividade científica no centro. As estadías, que se desenvolverán durante o mes de xullo, están dotadas con 700 euros e inclúen unha axuda económica destinada a gastos de viaxe para as persoas non residentes en Compostela.
Os estudantes seleccionados integraranse nun proxecto de investigación desenvolvido no marco dalgún dos Programas Científicos do centro, a través do que poderán aproximarse ás últimas tecnoloxías relacionadas con Big Data, visión artificial ou os avances máis recentes no campo da robótica. Ademais, terán a posibilidade de participar en distintas actividades organizadas polo CiTIUS, como conferencias impartidas por investigadores de prestixio ou ciclos formativos.
As persoas candidatas deberán ter finalizado o terceiro curso do grao en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, ou ben ter superado 140 créditos cunha nota media igual ou superior a 8,0.
A documentación necesaria, que se pode consultar neste arquivo, terá que remitirse antes do 2 de maio a citius.idi@usc.es indicando no asunto ‘Bolsas de verán’.