Xoves 25 Abril 2024

Novos biomarcadores permitirán tratar de forma eficaz os cancros máis graves

Un equipo internacional con participación española desenvolve un método para descifrar o caos xenético dos tumores máis mortais

Un novo estudo, publicado esta semana na revista Nature, proporciona unha serie de biomarcadores que poderían facer posible elixir de forma moito máis personalizada a terapia óptima para os tumores con maior taxa de mortalidade.

O método que describe o artigo facilita a detección de “pegadas” no xenoma dos tumores que permiten coñecer o mecanismo mutacional que causa o seu desenvolvemento e, grazas a iso, posibilita identificar a vulnerabilidade destes tumores contra a que dirixir o tratamento.

Publicidade

Coñecer a identidade xenómica dos cancros máis agresivos facultará, primeiro, diagnósticos máis precisos e, segundo, unha elección do tratamento máis óptimo para cada paciente, algo que ata o de agora era moi difícil para estes tipos de cancro.

A investigación foi codirixida por Geoff Macintyre, xefe do grupo de Oncoloxía Computacional do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), e Florian Markowetz, investigador senior do Cancer Research UK Cambridge Institute (Reino Unido), e nel participou tamén a científica do centro español, Bárbara Hernando, ademais de investigadores doutros centros británicos, canadenses, belgas e alemáns.

A inestabilidade cromosómica

O traballo céntrase en descifrar a chamada inestabilidade cromosómica, un dos sinais de identidade dos cancros máis agresivos. En condicións normais, as células do corpo, ao dividirse, asegúranse de que as células fillas teñan o número correcto de cromosomas. Con todo, unha célula tumoral adoita presentar perdas ou ganancias de fragmentos cromosómicos ou cromosomas enteiros, e por tanto os seus xenomas non teñen a cantidade de material xenético adecuado.

A investigación caracteriza as causas, a diversidade e o alcance da inestabilidade cromosómica asociada aos tumores máis graves

Este caos xenético, causado por un mecanismo coñecido como inestabilidade xenómica, detéctase en maior medida en cancros máis graves, aqueles que teñen as cifras máis altas de mortalidade. Por tanto, maiores niveis de inestabilidade xenómica están asociados con estadios máis avanzados do cancro, peores prognósticos de curación, metástase e resistencia ás terapias comunmente utilizadas en clínica contra estes tumores agresivos.

A inestabilidade cromosómica é un fenómeno biolóxico moi complexo porque ten causas variadas e ocasiona múltiples consecuencias. Debido a iso, ata o de agora, cando se detecta un tumor, o diagnóstico clínico limítase a sinalar se este ten alta ou baixa inestabilidade cromosómica pero non entra a analizar nin o alcance nin as causas desa inestabilidade xenómica. E iso é precisamente o que, a partir de agora, permite facer o traballo realizado polos investigadores do CNIO.

A investigación caracterizou as causas, a diversidade e o alcance da inestabilidade cromosómica asociada aos tumores máis graves. Pero o traballo vai moito máis alá porque relaciona cada tipo diferente de inestabilidade cromosómica coas características que presenta a enfermidade nos pacientes oncolóxicos. Coñecer en profundidade cada tumor concreto posibilitará que tanto o diagnóstico como o tratamento elixido sexan moito máis precisos.

Poder usar a medicina de precisión

Na actualidade, o tratamento máis avanzado para o cancro baséase na chamada medicina de precisión que permite elixir a terapia de forma axustada ás características xenéticas e moleculares do tumor de cada paciente. O problema cos tumores con alta inestabilidade cromosómica é que non permitían utilizar este tipo de medicina de forma eficaz porque neles non hai un só xene ‘defectuoso’ senón moitos.

Os patróns de inestabilidade cromosómica identificados servirán de biomarcadores oncolóxicos para o diagnóstico dos tumores máis agresivos

O traballo dos autores acaba con esta imposibilidade porque establece un catálogo de patróns de inestabilidade cromosómica que poderán identificarse ao facer o diagnóstico.

Cada un deses patróns ten asociada información sobre a súa posible resposta ante os medicamentos habitualmente utilizados fronte aos diferentes tipos de tumores e identificación doutros posibles obxectivos farmacolóxicos. O que quere dicir que estes patróns servirán de biomarcadores oncolóxicos de enorme utilidade para o diagnóstico dos tumores máis agresivos e, sobre todo, á hora de elixir a terapia máis adecuada para combatelos.

7.880 mostras de tumores de 33 tipos de cancro

Ccomo explica Geoff Macyntire, codirector da investigación: “Os nosos biomarcadores poden prever a eficacia que van ter as terapias sobre un tumor concreto. Para obter estes patróns dos diferentes caos xenómicos, analizamos a inestabilidade cromosómica de 7.880 mostras de tumores de 33 tipos de cancro diferentes”.

O grupo que realizou esta investigación puxo en marcha unha empresa spin off chamada Tailor Bio, radicada en Reino Unido e que licenciou unha patente sobre o método descrito no artigo de Nature, ademais doutra patente obtida sobre un traballo previo que o equipo desenvolveu na mesma liña de traballo. A intención dos investigadores con estes pasos é que este avance comece a ser utilizado na práctica clínica canto antes.


Referencia: A pan-cancer compendium of chromosomal instability (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades