Xoves 28 Marzo 2024

A científica Beatriz Pelaz, do CiQUS de Santiago, acada unha bolsa Starting Grant

O Consello Europeo de Investigación financiará con 1,5 millóns o proxecto Spacing, centrado na modificación da superficie de nanomateriais

A científica Beatriz Pelaz, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela recibirá un financiamento de 1,5 millóns de euros para o seu proxecto Spacing por parte do programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (European Research Council–ERC). Xunto a Sara Varela, que se incorporará nos vindeiros meses á UVigo, Pelaz é a terceira científica en Galicia, despois de Elena Ojea (UVigo) e Elena Pazos (UDC), en acadar esta prestixiosa bolsa, de gran prestixio internacional, e un dos indicadores máis relevantes de excelencia científica, financiando proxectos de investigación na fronteira do coñecemento e recoñecendo e impulsando as carreiras profesionais de mozos científicos (entre 2 e 7 anos desde a obtención do título de doutoramento).

Spacing

O proxecto Spacing tratará de desenvolver unha nova tecnoloxía baseada en ADN que permita a modificación da superficie de nanomateriais, en particular nanopartículas. O obxectivo, segundo explica a investigadora Beatriz Pelaz, consiste en “producir impresoras nanométricas para imprimir certos patróns moleculares (ligandos) na superficie de nanopartículas, inspirándonos, por exemplo, nas envolturas proteicas dalgúns virus, críticos para determinar a súa infectividade”. A multifuncionalidade, robustez e precisión desta innovadora tecnoloxía pretende sentar as bases para desenvolver nanomedicinas máis eficientes e entender mellor “como funcionan as interaccións entre os ligandos das nanopartículas con células”, engade.

Publicidade

Beatriz Pelaz licenciouse en Química pola Universidade de Valladolid (2005) e en Bioquímica pola Universidade de Zaragoza (2011). En marzo do 2012, obtivo o seu título de doutoramento con mención Europea pola Universidade de Zaragoza. De Xuño de 2012 a finais de 2016, Beatriz foi membro do grupo do Profesor Wolfgang J. Parak na Philipps- Universität de Marburg, en Alemaña. Primeiro, como investigadora postdoutoral e a posteriori como investigador do programa Humboldt. Desde Xaneiro de 2017, colidera o grupo BionanoTools no CiQUS da USC, primeiro como investigadora principal dun proxecto para mozos investigadores (JIN, MINECO), e desde 2019 como investigadora Ramón y Cajal. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de materiais intelixentes controlables remotamente e o estudo da súa interacción con entidades biolóxicas.

A concesión da axuda pon de manifesto, segundo o CiQUS,  “non só o posicionamento do centro da USC en Europa, senón tamén o seu potencial na captación de talento a través da incorporación ao seu equipo de investigadores de proxección internacional sen vínculo previo con Galicia, como é o caso de Beatriz Pelaz”.

Nos últimos anos, cinco investigadores do CiQUS foron galardoados con axudas do ERC, a través de oito proxectos desenvolvidos no centro (1 Advanced Grant, 1 Consolidator Grant, 3 Starting Grant e 3 Proof of Concept), que suman ao redor de 9,5 millóns de euros de financiamento captado.

A Universidade de Vigo incorpora a dous científicos que acadaron a Starting Grant

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade