Xoves 25 Abril 2024

Unha ‘app’ creada na UVigo mellora a inclusión das persoas con autismo

Dotar ás persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) na contorna laboral, dunha aplicación que lles permita practicar e autoavaliar a súa fala e escritura mediante pictogramas, grazas a un sistema de xeración de linguaxe natural, é o obxectivo de TalkAACtive, unha ‘app’ deseñada polo Grupo de Tecnoloxías da Información do Centro de investigación AtlantTIC da Universidade de Vigo, seleccionada na II Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de Tecnoloxías Accesibles, lanzada pola empresa Indra e a Fundación Universia. Xunto a TalkAACtive, outros dos proxectos das universidades de Málaga e Salamanca, foron elixidos na convocatoria, á que concorreron máis de 70 grupos de investigación de universidades públicas e privadas españolas, e que ten como obxectivo impulsar e apoiar economicamente o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas punteiras que se traduzan en melloras tanxibles para persoas con discapacidade, como é o caso do autismo.

Os investigadores desenvolverán o proxecto coa colaboracións de asociacións de afectados

“Aproveitamos o coñecemento que temos en comunicación con pictogramas e o que temos en xeración de linguaxe natural, xuntámolos e aplicámolo a persoas con discapacidade no ámbito laboral. A idea é, dadas as diferentes contornas laborais, crear un conxunto de pictogramas que sexan as frases usuais que os usuarios van empregar nesa contorna. Con isto crearían as frases e os usuarios poderían dicir e escribir esas frases para que a súa integración sexa moito máis sinxela”, detalla Enrique Costa, investigador do Grupo de Tecnoloxías da Información. Costa, xunto aos tamén membros do grupo, Milagros Fernández, Silvia García e Jonathan Juncal e o director do mesmo, Javier González Castaño, son os autores desta ferramenta, que permitirá comparar a voz recoñecida das e dos usuarios coa xerada pola aplicación a partir dos pictogramas, e a súa escritura co texto xerado.

Publicidade

TalkAACtive, ao igual que os dous outros proxectos seleccionados na convocatoria, recibirá 24.000 euros, “o que nos permitirá seguir traballando e desenvolver esta liña, para a que normalmente é difícil acadar financiamento”, sinala Costa, que tamén destaca a importancia, que para o recoñecemento do traballo que fai o grupo, ten este galardón. Para o desenvolvemento do proxecto, o Grupo de Tecnoloxías da Información contará coa colaboración das asociacións Teavi e Autismo Ourense, con cuxos usuarias e usuarias probará a aplicación. “Primeiro falaremos coas asociacións para ver a que ámbito laboral orientan ás persoas con autismo e así ver cales son as necesidades de comunicación nese ámbito. Logo, crearíase a aplicación móbil para esas persoas, adaptándoas a ese ámbito e axudándolle a practicar a comunicación, para que cando se incorporen ao traballo saiban as frases usuais”, explican Milagros Fernández e Enrique Costa.

O xurado destacou o proxecto pola súa innovación, a excelencia tecnolóxica e a viabilidade

O xurado da II Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de Tecnoloxías Accesibles, lanzada por Indra e a Fundación Universia, destacou dos tres proxectos seleccionados a súa innovación e a excelencia tecnolóxica da solución formulada, así como a viabilidade para converterse nun produto ou servizo real que aínda non existe no mercado. A súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral, o alcance do seu impacto e a súa gratuidade ou baixo custo para as e os usuarios finais, foron outras cuestións valoradas polos integrantes do xurado, que destacou a elevada calidade dos máis de 70 proxectos que concorreron á convocatoria.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos