Venres 29 Marzo 2024

Alcoholismo, arterioesclerose e inflamación intestinal, nos seminarios de Biocaps

O Instituto de Investigación Biomédica (IBI) encara a recta final do proxecto Biocaps intensificando a organización de seminarios científicos para compartir coñecemento sobre doenzas que están a experimentar unha crecente incidencia a nivel global. A arteriosclerose, os trastornos relacionados co consumo abusivo de alcol e as enfermidades derivadas da inflamación intestinal reunirán ao longo das próximas semanas a expertos europeos e americanos, que exporán os últimos avances en diagnóstico, tratamento e avaliación do impacto socioeconómico destes fenómenos. Estes tres seminarios terán lugar no novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e todos eles son de carácter gratuíto.

Biocaps presentou a investigación dos seus 7 científicos sénior.
Biocaps é un proxecto investigador do IBIV.

O primeiro deles, centrado na arteriosclerose, celebrarase o 2 de outubro e diríxese a un grupo limitado a 100 participantes para fomentar o debate. A inscrición está aberta até o 29 de setembro e pode formalizarse mediante un formulario en liña. A arteriosclerose é unha alteración vascular que se caracteriza polo endurecemento, o aumento do grosor e a perda de elasticidade das paredes arteriais. Prodúcese pola acumulación de graxa, colesterol, calcio e outras sustancias e, co tempo, dificulta o fluxo sanguíneo, o que se traduce en risco de afeccións como ataques cardíacos e cerebrais. Segundo datos da Sociedade Española de Arteriosclerose, as enfermidades cardiovasculares causan en España, e na maior parte dos países da súa contorna, entre un 30 e un 40% da mortalidade e son a primeira causa de invalidez, cunha incidencia crecente.
O seminario, organizado polo Departamento de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo co apoio de Biocaps e as empresas Terumo e Amgen, será o punto de encontro para que investigadores de España, Estados Unidos, Francia, Suecia, Portugal e México poñan en común as últimas tendencias científicas neste campo. “O programa é sumamente interesante e enfócase principalmente a analizar as técnicas de imaxe máis actuais para diagnosticar a enfermidade aterosclerótica coronaria nunha etapa temperá, coa finalidade de determinar a poboación con maior risco de presentar un infarto e actuar da maneira oportuna”, explica Víctor A. Jiménez, cardiólogo co-organizador do seminario.

En arterioesclerose, participan científicos de Estados Unidos, Francia, Suecia, Portugal e México

A través de relatorios breves de 20 minutos, o obxectivo é a actualización de coñecementos por parte de médicos internistas, cardiólogos, especialistas en tecnoloxías de imaxe aplicadas ao diagnóstico médico, estudantes, investigadores e profesionais da industria especializada.
O 6 de outubro terá lugar o seminario no que se abordarán os trastornos relacionados co alcol desde unha perspectiva clínica, experimental e económica. A inscrición permanecerá aberta até o 2 de outubro. A dependencia alcohólica é un grave problema de saúde pública en todo o mundo e vai en aumento, xa que, segundo datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), no últimos vinte anos pasou de ser a oitava á quinta causa de morte e discapacidade a nivel global. En Europa, o impacto do abuso no consumo de alcol é especialmente alto, polo que se intensificaron os esforzos de investigación para contribuír a reducir a prevalencia deste trastorno.

Logotipo de Biocaps.
Logotipo de Biocaps.

Na primeira parte do seminario, presentarase o estado actual da investigación básica neste campo, así como os últimos avances sobre as abordaxes médica e psicolóxica desta enfermidade. O enfoque científico e clínico completarase coa análise do importante impacto socioeconómico dos trastornos relacionados co alcolismo, desde os custos asociados aos programas até as políticas públicas dirixidas aos mozos, pasando polo seu impacto sobre a calidade de vida.
O obxectivo do seminario é proporcionar a clínicos, investigadores e outros profesionais interesados información relevante e actualizada sobre os trastornos relacionados co alcolismo. “Este coñecemento pode contribuír a mellorar a práctica clínica desta enfermidade e animar a clínicos e investigadores a cuantificar os efectos das súas intervencións”, explica Jacinto Mosquera, organizador do seminario.

Publicidade

A inflamación intestinal afecta a case 3 millóns de persoas en Europa

A principios de novembro, o día 7, celebrarase o seminario relativo a epidemioloxía en inflamación do intestino, cuxa inscrición estará aberta até o 2 de novembro. A inflamación intestinal afecta a entre 2,5 e 3 millóns de persoas en Europa, cun custo directo para o sistema de saúde de até 5,6 billóns de euros ao ano. Datos epidemiolóxicos recentes sinalan que a incidencia deste trastorno vai en aumento, á vez que a súa abordaxe ha ir cambiando ao longo da última década grazas á aparición dos tratamentos biolóxicos. “Mostraremos como os estudos epidemiolóxicos inflúen na práctica clínica diaria. Habitualmente, ao falar de epidemioloxía os clínicos pensan soamente na frecuencia da enfermidade e consideran que estes aspectos son de pouco interese para a súa práctica habitual. Con todo, a epidemioloxía tamén estuda os factores de risco implicados no desenvolvemento da enfermidade, a historia natural e as posibles complicacións”, sinala Vicent Hernández, organizador do seminario.
Ademais, presentarase unha panorámica da evolución e o tratamento da enfermidade en Europa a través do estudo EpiCom. “Trátase dun ambicioso estudo colaborativo europeo, no que participan o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e o Hospital Povisa, que está realizando un seguimento dos pacientes diagnosticados entre os anos 2010 e 2011”, sinala Hernández. Finalmente, os participantes no seminario distribuiranse en pequenos grupos de traballo para propor estudos epidemiolóxicos que posteriormente serán levados a debate.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os adolescentes galegos comezan a consumir alcol aos 14 anos e de forma excesiva

O novo informe do Ministerio de Sanidade apunta a que a maioría dos que o proban consideran "normal" beber cinco ou máis copas en dúas horas

Alarma sanitaria nos Estados Unidos: a esperanza de vida cae desde 2014

Un novo estudo constata o aumento das taxas de mortalidade na mediana idade debido ás deficiencias do sistema sanitario e os malos hábitos de saúde

O dano do alcol no cerebro mantense ao deixar de beber

Un novo estudo rebate a crenza de que as alteracións cerebrais se normalizan xusto despois de cesar a inxesta destas bebidas

O alcolismo pode inducir cambios xenéticos que aumentan a adicción

Un estudo atopa relación entre o consumo excesivo de alcol e alteracións en xenes implicados na tendencia a beber aínda máis