Xoves 18 Abril 2024

Arte e divulgación danse a man no primeiro herbario expresionista de Galicia

A pintora Paula Lago e a filóloga Dores Pereira xuntan creatividade, tradición e ciencia nunha guía de campo sobre as herbas de San Xoán sen precedentes

Divulgar cultura, tradición e ciencia dun xeito creativo é posible. A artista plástica Paula Lago e a filóloga Dores Pereira veñen de demostralo coa publicación dun libro sen precedentes na cultura galega. Leva por título Herbas da noite e trátase dun herbario expresionista que está ubicado no nexo de unión entre arte, tradición e ciencia e que ten a pretensión de ser unha sorte de guía de campo sobre as herbas de San Xoán, pero fóra do canon académico. “Queriamos facer algo diferente. Decatámosnos de que si que existen un montón de guías sobre plantas, mais non unha na que se lle dea espazo tamén á cultura que hai creada arredor delas”, explica a arquitecta e pintora Paula Lago. Non só iso. Como fuxiron premeditadamente da estrutura estritamente científica, as ilustracións que acompañan a cada unha das vinte e sete saen fóra do común.

A idea xurdiu por un texto que Dores Pereira -nai de Paula- tiña na casa dende facía quince anos: “Ao longo dos anos, miña nai foi recompilando fotografías, testemuños da tradición oral, cantigas, propiedades e usos tradicionais das herbas de San Xoán que se apañaban na nosa zona“. A súa zona é Atios, no Concello do Porriño e Lago fai ese matiz porque dependendo da zona de Galicia -ás veces, incluso da parroquia- o número de herbas empregadas na noite pagana por antonomasia vai mudando: “No proceso, nós descubrimos que hai zonas nas que se recollen máis e noutras menos”.

Publicidade

Así que dende o texto manuscrito de súa nai, Lago comezou un traballo creativo para tratar de representar de xeito visual e innovador. “Quería darlle un enfoque máis pictórico”, argumenta. Para documentarse mergullouse na biblioteca de herbarios antigos que, ata o século XIX, ían acompañados de debuxos. Aínda agora, a ilustración segue a ser unha disciplina artístico-científica que consegue en moitos casos sintetizar e representar información para que sexa interpretada por un determinado público máis amplo. Trátase, en definitva, dunha aproximación visual a un concepto científico. Pero, neste caso, a perspectiva artística colleu máis peso do que acotío soe ter na divulgación.

Outra das referencias das que a pintora gosta tamén é o Herbario de Emily Dickinson. Unha codiciada guía manuscrita que a escritora estadounidense rematou en 1845 sendo apenas unha adolescente e que, aínda agora, segue a ser unha fonte documental de primeiro nivel para investigadores e investigadoras do mundo da botánica. Nesas páxinas, Dickinson prensou e clasificou 424 especies de flores e plantas que ela mesma apañou en zonas silvestres. A apariencia visual é diferente a de outras guías convencionais. Nesa estética é clave o volume que xeran as flores o estaren esmagadas entre as páxinas do libro. “Con esa referencia, escollín empregar unha técnica pictórica moi concreta: o dripping”, lembra Lago. O dripping é unha técnica pictórica característica das modalidades de pintura abstracta moi vencellada ao expresionismo. Nela, as pinturas déixanse gotear sobre unha tea estendida no chan desde un colector furado ou espárcese con salpicaduras, directamente coas mans ou co uso de pinceis.

Unha boa acollida

A proposta artística e divulgativa de Lago e Pereira ten un mérito engadido e é que autoeditaron a obra grazas a unha campaña de micromecenado na que sobrepasaron, con creces, os mínimos que pedían para poder facer unha primeira tirada da obra de arredor de mil exemplares. Lago recoñece que dende a súa publicación hai uns meses “está a ter unha boa acollida”. Parte do éxito de Herbas da noite débese tamén ao seu labor de difusión presentándoo en centros sociais, librarías e outros espazos culturais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas