Xoves 18 Abril 2024

Antonia Ferrín, a astrónoma que descubriu varias estrelas dobres

Antonia Ferrín Moreiras foi a primeira astrónoma galega. Tamén, a primeira muller que leu unha tese doutoral en España sobre astronomía. E fixo interesantes achegas ao estudo das estrelas dobres. Falecida en 2009, na súa vida abriu camiños a pesar de padecer a discriminación como muller (e tamén por vir dunha familia de significación republicana) durante toda a súa carreira.

Ferrín naceu en Ourense o 13 de maio de 1914. O seu pai era profesor de Matemáticas e quixo que as súas catro fillas tivesen estudos superiores, algo moi pouco habitual a comezos do século XX. Tras se trasladar coa súa familia a Compostela, a nena ingresa no instituto con só 9 anos e cursa o bacharelato de Ciencias. En 1930, entra na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, onde cursa a especialidade de Química. Consegue rematar estes estudos grazas ás bolsas, xa que o seu pai era profesor na facultade de Farmacia, pero o seu soldo era moi baixo, moi axustado para manter unha casa con catro fillas. Ferrín comezou a traballar en canto rematou a carreira, pero sen percibir un salario.

Publicidade

Antonia Ferrín Moreiras xunto a Ramón María Aller.
Antonia Ferrín Moreiras xunto a Ramón María Aller.

De 1934 a 1936 foi profesora axudante en prácticas en materias de Física e Matemáticas da Facultade de Ciencias. Ao tempo, estudaba a carreira de Farmacia e realizaba cursos de ciencias exactas. Como tamén tiña o título de mestra nacional, de 1937 a 1948 empregouse como profesora de matemáticas na escola de nenas orfas Nosa Señora dos Remedios. O seu paso ao ensino primario tivo que ver coa represión. En 1937, foille aberto un expediente de “depuración” tras recibirse unha denuncia anónima sobre a súa ideoloxía política. A consecuencia deste proceso, foi sancionada e apartada da docencia universitaria, xunto a outros 45 profesores da Universidade de Santiago, entre os que se contaban figuras como Fernando Calvet, Francisco Fernández del Riego ou Isidro Parga Pondal.

En 1940, conseguiu que se reabrise a súa causa e foi cancelada a súa pena. Volveu dar clases na Facultade de Ciencias. Por esta época, viviu un encontro crave na súa traxectoria, ao coñecer ao astrónomo Ramón María Aller, fundador do Observatorio Astronómico da USC. Alí comezou as súas observacións, con estudos sobre pasos de estrela, ocultacións de estrelas pola Lúa ou estrelas dobres.

Ferrín Moreiras foi tamén a primeira profesora na facultade de Matemáticas da USC

En 1950, con 36 anos, compaxina a investigación coa aprendizaxe. Dunha parte, consegue unha bolsa do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para realizar varios proxectos no Observatorio Astronómico de Santiago. Doutra banda, licénciase en Matemáticas na Universidade Central de Madrid, aínda que estudando como alumna libre nos tres últimos cursos de carreira. En 1953, xa a piques de cumprir 40 anos, consegue o seu primeiro emprego estable, ao aprobar as oposicións a profesora titular de Matemáticas na Escola Normal de Maxisterio de Santander, dende a que se trasladou en 1955 á escola para nenas Isabel A Católica en Santiago. Máis tarde, converteríase na primeira muller profesora na licenciatura de Matemáticas da USC, creada en 1957. E seguiu investigando con Ramón María Aller, quen dirixiu a súa tese doutoral, que defendeu en 1963 e que se convertería na primeira en España realizada por unha muller sobre Astronomía.

Pero Antonia Ferrín seguiu padecendo a discriminación de xénero. Cando Ramón María Aller enfermou en 1964, buscaron un substituto para a súa cátedra de Astronomía. E a profesora foi excluída da oposición e tivo que presentar unha queixa para ser admitida, aínda que finalmente se declarou deserto o concurso.

A partir de aquí, Antonia Ferrín Moreiras destaca como astrónoma, impartindo clases de Mecánica Celeste, participando en tribunais de oposición e nos primeiros encontros internacionais que sobre esta disciplina foron organizados en España. Xubilada en 1984, Antonia Ferrín Moreiras faleceu en 2009. A súa vida profesional abriu camiños para a muller. Hoxe un premio de igualdade de xénero leva o seu nome na Universidade de Vigo. Aínda que a súa traxectoria probablemente merece un maior recoñecemento. A súa vida profesional abriu camiños para a muller, a pesar de ser discriminada ao longo da súa carreira.

E aquí podes ler a nosa reportaxe
sobre Ramón María Aller

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023