Explicación: Preto do equinoccio do 20 de marzo, o ceo claro e frío sobre Longyearbyen (Noruega) ofreceu unha vista cativadora: unha eclipse total de Sol. Nesta composición time-lapse do evento xeocéntrico a silueta da Lúa nova en etapas xusto antes e despois da fase total de tres minutos de duración parece aflorar uns diamantes e unhas perlas resplandecentes. Os últimos e os primeiros indicios do disco solar co limbo lunar rodeado polo resplandor da coroa interior do Sol dan a impresión dun anel de diamantes no ceo. Nos límites da totalidade, a luz do Sol que entraba polos vales do terreo irregular que hai ao longo do bordo da Lúa produce un efecto coñecido como perlas de Baily, chamadas así polo astrónomo inglés Francis Baily, que en 1836 propuxo unha explicación do fenómeno. Esta nítida composición tamén mostra unha serie de protuberancias solares rosáceas que emerxen sobre o bordo do Sol eclipsado.