Venres 19 Abril 2024

Ana Freire: “O noso algoritmo para detectar o suicidio ten un 85% de precisión”

A enxeñeira informática recibe o Premio Ada Byron por un proxecto sobre a identificación de tendencias suicidas en redes a través de intelixencia artificial

“Foi unha casualidade”, di Ana Freire. Unha tarde, revisando o muro de Facebook, algo chamou a súa atención. Unha rapaza, enxeñeira informática igual ca ela, informaba de que se ía suicidar. E así aconteceu. Aí, nunha tarde dun día calquera, naceu algo: o Proxecto STOP. Unha iniciativa ideada e encabezada pola galega Ana Freire, tamén docente na Universitat Pompeu Fabra.

Xunto ao seu equipo deseñou un algoritmo capaz de detectar condutas suicidas en Twitter. O seu principal obxectivo: reducir as cifras. E están un paso máis cerca de logralo. Grazas a esta ferramenta automática, Ana Freire recibirá este venres o Premio Ada Byron, que concede o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG). Ela non pode conter a emoción. Non hai premio máis especial que o que outorga a terra.

Publicidade

—Que significa recibir o Premio Ada Byron? 

—Este premio é moi especial. Xa me deron un premio Ada Byron, pero da Universidade de Deusto. O que fai único este galardón é que é o primeiro en Galicia. Obviamente é o máis especial para min, porque cando te valoran na túa terra é unha alegría. Sobre todo cando estás fóra, porque é duro traballar lonxe da casa e dos teus. Tamén me fai moita ilusión porque algunhas  galardoadas en edicións anteriores son amigas miñas e outras incluso foron as miñas profesoras na universidade. Sempre é bonito compartilo con elas.

—É dicir, recibe dous premios co mesmo nome: o de Ada Byron, outra gran científica. 

—Si, de feito está considerada a primeira persoa en escibir un algoritmo xa no século XIX. É unha muller que nos representa a todas as informáticas e é todo un honor recibir un premio que leve o seu nome.

—Vostede recibirá este galardón polo deseño dun algoritmo que trata de detectar condutas suicidas a través do Twitter. Como funciona este proxecto?

—É un proxecto multidisciplinar no que traballamos enxeñeiros, psicólogos, psiquiatras e terapeutas. Xa levo traballando nel cinco anos. Comeceino soa pero pouco a pouco fun conseguindo financiamento e colaboracións e agora xa estamos implicados sete centros a nivel internacional. O obxectivo fundamental deste proxecto é reducir as cifras de suicidio en España. De feito, no noso país hai máis do dobre de mortes por suicidio que por accidentes de tráfico. Isto é algo que non ten demasiada visibilidade nos medios. Hai moitas campañas, por exemplo, para reducir os accidentes pero practicamente ningunha para mellorar a saúde mental. Entón pensei: “Como enxeñeira, podo facer algo neste eido, no da saúde mental? Hai algún punto de unión entre estas dúas disciplinas que parecen tan afastadas?” E efectivamente si: as redes sociais.

“No noso país hai máis do dobre de mortes por suicidio que por accidentes de tráfico”

Nas redes sociais, talvez por ese anonimato que a veces che dan, a xente expresa as súas emocións, como se sente e, ás veces, a súa intención de suicidarse. E non había nada en castelán feito neste eido. O que facemos é aplicar a intelixencia artificial á análise de texto, de imaxes, de comportamento e de actividade dos usuarios en redes sociais para entender como se expresan tanto as tendencias suicidas, como a depresión e os trastornos da conduta alimentaria. O obxectivo último é extraer patróns de comportamento. Por exemplo, nos da conduta alimentaria vimos que os usuarios con alto risco eran maioritariamente mulleres, de menos de 19 anos, con interese en dietas veganas e vexetarianas, perda de calorías, exercicios moi extremos, etcétera. Fixemos un perfil común a todos os usuarios en risco. E con todo iso lanzamos unha campaña.

—En que consistiu esa campaña?

—Lanzámola en colaboración coa Fundación Axuda e Esperanza. É dicir, lanzamos anuncios co teléfono da esperanza ou o teléfono de prevención do suicidio. Dirixímola a usuarios anónimos que encaixaban no perfil de risco dalgunha destas situacións: anorexia, depresión ou tendencias suicidas. Lanzámola durante 24 días e chegou a máis de 660.000 persoas. É máis, incrementouse o número de chamadas ao teléfono da esperanza que viñan de redes sociais nun 60%. Co cal, vimos que se se dá axuda neste medios, a axuda aprovéitase. A xente está reclamando ese tipo de apoio emocional. Trátase dun teléfono 24 horas, atendido por voluntarios asesorados por psicólogos ou psiquiatras e a verdade é que foi todo un éxito. O ideal sería extender esta campaña non só 24 días, senón durante todo o ano.

“Grazas ao proxecto, o teléfono da esperanza recibiu un 60% máis de chamadas procedentes das redes”

A miña primeira idea era rastrexar as redes sociais en tempo real e cando vise un perfil de risco mandarlle unha mensaxe a esa persoa. Pero isto non podemos facelo por termos éticos e legais. É dicir, non podemos rastrexar a alguén en redes sociais sen o seu consentimento, aínda que sexa unha publicación aberta. Por iso todos os nosos datos son anónimos, quitamos nome, teléfono, referencias a outros usuarios… E nós só buscamos como se comporta a xente que ten tendencias suicidas. Sacamos eses perfís e logo enviamos campañas ás persoas que encaixan neles. Obviamente, tamén lle pode chegar a unha persoa que encaixe no patrón aínda que non teña ese problema.

—Como xurdiu a idea do Proxecto STOP?

—Foi unha casualidade. Unha vez estaba navegando por Facebook e atopeime coa publicación dunha rapaza americana que tamén era informática. Publicou unha nota de suicidio e dicía que despois de escribila íase suicidar. Vin os comentarios. Os seus contactos estaban escribindo que alguén chamase á policía, se sabían onde vivía a rapaza… E ao final informaban de que a policía chegara tarde. Pero se lías o perfil da rapaza tamén vías que algunhas das publicacións anteriores dicían, por exemplo, “odio o meu corpo, non me gusta o que vexo no espello”. Ela era unha persoa transexual, que iso tamén pode ser un factor de risco. Polo tanto, atopei pistas de que esta muller tiña algún problema de saúde mental.

Entón pregunteime como non había algo autómatico que permita rastrexar este tipo de comportamentos e lanzar axuda. Nós, como persoas, non podemos estar lendo todos os tweets do mundo. Aí foi cando empecei a pensar cales eran as cifras so suicidio e se era un problema realmente importante. Pois decateime de que era un problema moi grave. A Organización Mundial da Saúde reportou que se sucidan 800.000 persoas ao ano. E se contamos intentos, estas cifras multiplícanse por 20.

“Iniciei este proxecto para desenvolver algo automático que identificase os comportamentos suicidas e lanzase axuda”

—Por que escolleron Twitter?

—Porque ten unha plataforma que nos permite, aos investigadores, descargar datos de maneira moi sinxela. Instagram, polo contrario, non. Os nosos algoritmos están adestrados en tweets pero despois a campaña lanzámola en Instagram e en Facebook. Sobre todo en Instagram porque hai máis xente nova que en Twitter. Pero en Instagram é moi complicado porque pasamos moito tempo extraendo datos. Temos que rastrexar o html das páxinas, cámbiancho cada dous por tres e o que che funciona un día non che funciona ao seguinte. Verdadeiramente é un caos. Twitter ten máis texto e podiamos aprender máis en canto a intereses.

—Barallan traballar con algo máis que o suicidio?

A idea inicial era o suicidio pero despois vimos, coa axuda dos nosos psicólogos, que habitualmente detrás do 90% deles hai unha enfermidade mental. E a máis habitual é a depresión. Unha vez que empezamos a analizar os datos, unha comunidade moi frecuente en temas de autolesións e suicidio era a de trastornos da conduta alimentaria, sobre todo da anorexia. É unha comunidade moi cerrada en redes sociais e relaciónanse moito entre eles incluso por medio de hashtags específicos. Chegan a publicar imaxes de autolesións. Por iso introducimos isto na ecuación.

—Máis aínda coa pandemia e as súas consecuencias na saúde mental.

A pandemia tivo un gran efecto sobre a saúde mental. Xa se demostrou co aumento de consultas presenciais neste tipo de clínicas. Tamén aumentaron os trastornos da conduta alimentaria. Co uso intensivo das redes sociais, que a veces dan ideas sobre algúns destes problemas, proxectos como STOP fanse cada vez máis necesarios. Pero o que sería realmente necesario sería unha atención psicolóxica a todos os cidadáns. Accesible para todos. Que se quite este tabú de que a saúde mental significa que estás tolo.

“O que máis necesitamos é unha atención psicolóxica accesible e a ruptura do tabú”

—Proxectos coma este tamén serven para explicarlle á sociedade a utilidade da tecnoloxía e da intelixencia artificial. 

—Completamente. Ás veces os medios de comunicación prestan máis atención á parte negativa. Pénsase que discriminan ás mulleres, que quitarán moitos postos de traballo actuais, etcétera, pero pouco se fala de todos os beneficios que teñen, e non só para a saúde mental, senón para a saúde en xeral.

Toda a personalización que se pode facer en medicina, en parte, é grazas a algoritmos que extraen patróns comúns a persoas con características clínicas similares. Así, pódese personalizar tanto a diagnose como o tratamento. Isto é algo que está revolucionando e vai revolucionar aínda máis o campo da medicina. Tamén se viu durante a pandemia. A intelixencia artificial permite extraer patróns que habitualmente a nós nos resulta difícil de encontrar. En ocasións, están ocultos en grandes cantidades de datos que non somos capaces de procesar rapidamente. Por exemplo, durante a pandemia moitos algoritmos foron utilizados para seleccionar dun conxunto de tratamentos aqueles que serían máis eficaces. Decartando tratamentos que talvez non tiñan unha alta porcentaxe de precisión. Iso axuda tamén á busca de solucións dunha maneira moitísimo máis rápida.

—Entón a tecnoloxía non é negativa en si mesma. Máis ben o uso que se fai dela.

—Si, aínda que tamén hai que ter coidado cando se deseña esa tecnoloxía. Por exemplo, a intelixencia artificial apréndeo todo en función dos exemplos que nós lle pasamos. É dicir, exemplos da nosa sociedade. O problema é que se estes datos teñen algún tipo de nesgo. Por exemplo, se eu adestro o sistema de selección de persoal en datos históricos dunha empresa e practicamente non traballaron mulleres, é posible que ese algoritmo acabe seleccionando sempre homes. Pero o problema non é do algoritmo, senón de quen os deseña. E tamén da falta de diversidade.

“A intelixencia artificial está revolucionando e vai revolucionar aínda máis o campo da medicina”

—Si, das eivas que tamén temos na sociedade. 

—Efectivamente. O problema fundamental está nos datos da nosa sociedade. Esta sociedade reflíctese nos datos, que é no que se basea a intelixencia artificial. Pero nós tamén podemos preprocesar estes datos para non perpetuar este nesgo.

—Cales son os seus próximos proxectos?

Queremos mellorar a precisión do algoritmo porque agora mesmo temos un 85% de precisión e na anorexia sobe un pouquiño máis, case ao 90%, porque son comunidades que utilizan palabras máis características e fáciles de diferenciar. Tamén queriamos traballar con outros problemas como a soidade, que xa sabemos que non só afecta á xente maior, senón tamén aos máis novos, sobre todo despois desta pandemia. Podería ser unha posible liña de futuro.

—Outra das liñas na que está implicada é en espertar as vocacións STEM.

Si, porque case sempre fun minoría, tanto na carreira como despois no doutoramento e nos espazos de traballo nos que estiven. Aínda que algúns espazos tiñan un balance de xénero un pouco mellor, os meus xefes sempre foron homes. Está claro que hai mulleres na informática, pero moitas menos ca homes. Entón isto é un problema a curto e longo prazo porque somos o 50% da poboación e o problema é que a tecnoloxía hoxe en día está a ofrecer unha cantidade de traballo incrible. E a muller non pode quedar fóra destas ofertas de traballo. Senón haberá unha fenda social moi grande.

“As mulleres non podemos quedar fóra das ofertas de traballo que ofrece hoxe a tecnoloxía”

—Como se pode reverter?

Ensinándolles realmente para que serven estas carreiras, en que podes traballar cando acabes. Ás veces pensas que só traballarás como programadora encerrada nun soto sen luz. Hoxe en día a tecnoloxía úsase para aplicacións biomédicas, de finanzas, política, moda… Co cal, se fas unha carreira tecnolóxica podes traballar no eido que ti queiras. E vas ter unha vantaxe enorme con respecto a outras persoas que estudan carreiras que non teñen unha saída laboral tan ampla coma esta.

Debemos cambiar o modo en que contamos o que se estuda. Séguese dicindo que as enxeñarías son moi difíciles e eu aínda non vin ningún alumno que traballando fracasase. E hei de dicir que sendo profesora de enxeñaría, sempre hai unha muller nos números un.

—Ademais de todo isto, é impulsora do Proxecto Wisibilizalas.

—É un concurso internacional que se fundou hai seis anos. De feito, estamos a piques de lanzar a sexta edición. Busca romper estereotipos de xénero nos estudos STEM. O que teñen que facer os equipos, tanto de Primaria como Secundaria, é crear unha páxina web con perfís de mulleres actuais que se dediquen profesionalmente a este eido. Deben ser próximas a eles, non teñen que ser as máis famosas do país. Poden ser exalumnas do seu centro. Así poden entrevistalas e teñen referentes máis próximos.

O éxito é rotundo porque xa participaron máis de 3.700 nenos e nenas de cinco países diferentes e crearon xa máis de 1.200 perfís de mulleres profesionais en STEM. Iso empúxanos cada ano a facer este concurso. Antes de comezar pedímoslle se son capaces de identificar tres mulleres traballando en STEM e practicamente ninguén sabe dicir nomes. Ao final do concurso coñeceron moitas mulleres inspiradoras. Ou incluso algúns din que descubriron profesións novas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo modelo de IA afina o diagnóstico e o tratamento das arritmias cardíacas

Un equipo de Barcelona deseña un método que permite fixar con exactitude o lugar de orixe desta afección do corazón

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas