Sábado 20 Abril 2024

Un estudo vincula o Alzheimer cunha bacteria bucal

Chámase Porphyromonas gingivalis, e segundo un estudo que acaba de ser publicado na revista Science Advances, parece gardar relación coa aparición do Alzheimer. Esta é unha bacteria chave na periodontite crónica, unha doenza que causa dor nas enxivas, e foi identificada no cerebro de afectados por esta doenza neurodexenerativa. Na liña de investigacións como a que dirixe a galega Sonia Villapol, que contemplan a posibilidade de que a microbiota do aparello dixestivo teña relación con estas enfermidades, o equipo liderado por Jan Potempa, da universidade de Louisville, os experimentos feitos en ratos expoñen que a infección oral por P. gingivalis derivou na presenza desta bacteria no cerebro, xunto a un aumento na produción de Beta amiloide, unha proteína relacionada co Alzheimer.

O equipo, que traballou en colaboración coa start-up farmacéutica Cortexyme, aclara que esta non é a evidencia definitiva para descubrir a causa do Alzheimer, pero é un resultado esperanzador. E lanza de novo unha posibilidade xa adiantada por algunhas liñas de investigación sobre esta doenza, que nas vindeiras décadas se convertirá nun problema de saúde pública: podería tratarse dunha infección. Ata o de agora, alén de leves evidencias hereditarias, a orixe de máis do 90% dos casos é descoñecida.

Publicidade

Atopouse correlación entre a presenza de Porphyromonas gingivalis e o avance das evidencias de Alzheimer no cerebro

Na investigación patrocinada por Cortexyme participaron laboratorios de varios países e continentes. En concreto, os autores sosteñen que “en máis do 90% das 50 mostras cerebrais atopáronse encimas tóxicas producidas pola bacteria que produce a periodontite”. Ademais, atopouse unha correlación entre os altos niveis de proteínas tau e ubiquitina e a periodontite crónica nas mostras de cerebros estudadas.

Para explorar se as bacterias estaban causando a doenza, o equipo limpou as enxivas de ratos sans cada dous días durante seis semanas, para despois establecer unha infección. Máis tarde atoparon a bacteria nos cerebros dos animais, coas neuronas deterioradas e niveis máis altos de Beta amiloide. E ao administrar aos ratos un fármaco que actúa sobre a periodontite, eliminouse do cerebro a bacteria que a causa mellor ca un antibiótico común, e reduciu a dexeneración resultante da produción de Beta amiloide.

A revista Science faise eco deste artigo na súa web, onde sinala tamén que “o estudo atopou en ratos que a bacteria induce cambios cerebrais típicos do Alzheimer”. Os resultados están xerando unha vaga de reaccións na comunidade científica, Robert Moir, un neurobiólogo de Harvard que atopou na súa investigación o impacto da proteína Beta amiloide na doenza, dixo a Science: “Estou dacordo coa idea de que esta bacteria poida ser un factor que contribúa ao Alzheimer, pero estou moitos menos convencido de que sexa a causante da enfermidade”.

A maior lonxevidade acarrea un aumento no impacto das doenzas cognitivas.
A maior lonxevidade acarrea un aumento no impacto das doenzas cognitivas.

Outros investigadores, como James Noble, da universidade de Columbia, que ten estudada a conexión entre a periodontite e o Alzheimer, recoñecen que é “claramente unha aproximación moi ampla” e que “son ideas que poden resultar estrañas, pero que parecen ter unha base”.

Isto non quere dicir, segundo adianta Noble, que toda a xente que padece periodontite (un 50% dos adultos, no caso dos Estados Unidos) estea en risco de ter Alzheimer. Porén, subliña que non estaría mal, como precaución, coidar a hixiene dental.

Science tamén recolle as palabras de Howard Fillit, director científico da organización Alzheimer’s Drug Discovery Foundation: “Fixeron moitos experimentos diferentes para propoñer que as dores de enxivas poden ser un obxectivo farmacolóxico na enfermidade; creo que paga a pena afondar, e estou contento de que se vaian facer ensaios clínicos”.

Ensaios en humanos

O equipo xa realizou probas previas con voluntarios humanos, e atopou que un medicamento semellante parecía seguro e amosaba sinais de mellorar a cognición en nove afectados de Alzheimer. Este ano comezará un ensaio de maior tamaño para comprobar estes avances.

Referencia: Porphyromonas gingivalis in Alzheimer’s disease brains: Evidence for disease causation and treatment with small-molecule inhibitors, publicado en Science Advances o 23 de xaneiro de 2019.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Moitos adultos sofren TDAH sen sabelo: como detectalo e facerlle fronte

Os estudos apuntan a que a frecuencia do trastorno roldaría o 3%, aínda que a maioría da poboación permanece sen diagnóstico