Xoves 28 Marzo 2024

Unha empresa coruñesa, nun estudo pioneiro sobre o ADN das raíces

AllGenetics participa nun traballo coa Universidad Rey Juan Carlos, a Complutense e o Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias

A maior parte das investigacións no eido da ecoloxía de comunidades de plantas céntrase na superficie, sobre o solo. Porén, non son tantos os traballos que afondan na clave destes vexetais: as raíces, e o que acontece baixo terra. Coñecer a abundancia e distribución das raíces desde o punto de vista xenético é clave para comprender mellor estas comunidades vexetais. E ese é o camiño que abre un estudo pioneiro no que participa a empresa coruñesa AllGenetics, referencia na técnica coñecida como DNA metabarcoding, xunto ás universidades Rey Juan Carlos e Complutense de Madrid e o Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias (INIA).

No traballo, que acaba de ser publicado pola revista Molecular Ecology Resources, ábrese unha porta a novas investigacións “que permitirán facer comparacións entre os patróns de distribución e os procesos ecolóxicos, que non se observan a primeira vista, con aqueles que ocorren na superficie”, segundo informa os autores.

Publicidade

O obxectivo desta investigación, que asinan os investigadores de AllGenetics Neus Marí-Mena e Antón Vizcaíno, foi analizar que datos achegan estas partes ocultas das plantas para poder avanzar no coñecemento da diversidade e a súa estrutura. Para iso, os investigadores valéronse da técnica DNA metabarcoding, coa que traballa AllGenetics. Segundo explica Silvia Matesanz, autora principal do estudo e investigadora da URJC, “esta metodoloxía permite a identificación simultánea de moitas especies en mostras compostas por distintos tecidos, como raíces no noso caso”, engade. Mediante o emprego desta técnica, o investigadores lograron cuantificar a abundancia subterránea das raíces de cinco especies de plantas dun tipo de matogueira que crece na conca mediterránea (Bupleurum fruticescens, Helianthemum cinereum, Linum suffruticosum, Stipa pennata e Thymus vulgaris).

Os resultados ofrecerán novas oportunidades neste ámbito. “Por exemplo, esta mesma técnica podería aplicarse en mesturas complexas compostas por outros organismos como invertebrados do solo”, apunta a investigadora da URJC.

Unha “radiografía” completa das raíces

Para levar a cabo este estudo, os investigadores crearon mesturas de raíces das cinco especies en distintas proporcións. Ademais, aplicaron distintos métodos pos-secuenciación, como creacións de índices de corrección entre a cantidade de raíces engadida de cada especie en cada mostra e o ADN cuantificado en cada unha delas para obter estimacións da identidade e da abundancia das plantas. “Os nosos resultados mostran que o uso destes índices de corrección permite cuantificar non só a presenza senón tamén a abundancia das raíces das plantas en mesturas compostas por múltiples especies”, explica Silvia Matesanz.

Os resultados obtidos supoñen un avance significativo en Ecoloxía, debido a que permitirán investigar non só a distribución das raíces das especies senón tamén as súas abundancias reais no solo. En futuras investigacións poderanse facer comparacións entre os patróns de distribución e procesos ecolóxicos, que non se observan a primeira vista, con aqueles procesos que ocorren en superficie e que tradicionalmente foron fáciles de analizar.

Referencia: Estimating belowground plant abundance with DNA metabarcoding (Publicado en Molecular Ecology Resources).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

E se cortar a herba da Pampa non servise para nada?

O biólogo e investigador da UDC Alejandro Martínez aporta un novo enfoque sobre unha especie invasora en Galicia: "imponse só cando non lle fan sombra"

A galega Mar Sobral, nova editora xefa dunha das revistas máis influíntes sobre ecoloxía

A investigadora da USC será unha das persoas que lidere 'Ecological Monographs', un proxecto editorial da Asociación Americana de Ecoloxía

WISE: un congreso para impulsar a igualdade e diversidade na Ecoloxía

Un equipo de investigadoras galegas impulsa o encontro, que se celebrará de forma virtual entre os días 4 e 6 de novembro

A análise xenética dos excrementos revela a dieta das lontras de Cecebre

A colaboración entre investigadores da UDC e a spin-off AllGenetics usa unha novidosa técnica e detecta a presenza de troita arco da vella no encoro