Venres 29 Marzo 2024

Primeiro caso rexistrado de alerxia ao seme debido á amoxicilina

Médicos de Alicante atenderon a unha moza que acudiu a urxencias con alerxia despois de practicar sexo co seu compañeiro

Un equipo de profesionais médicos do Hospital Universitario de Alicante acaba de publicar na revista BMJ Reports o que é o primeiro caso rexistrado de reacción anafiláctica por amoxicilina despois de ter practicado sexo oral. O asunto comezou cando unha muller de 31 anos chegou a urxencias con vómitos, dificultades para respirar e proído por todo o corpo. Os doutores diagnosticáronlle rapidamente unha alerxia, aínda que nun primeiro momento non puideron atopar as causas.

A única pista que tiñan é que a reacción se producira xusto despois de practicar sexo co seu compañeiro, que incluíu tamén exaculación oral, segundo recolleu o informe médico. Por tanto, foi neste punto onde se centraron as pesquisas.

Publicidade

É coñecida a alerxia dalgunhas persoas ao seme, unha patoloxía coñecida como hipersensibilidade ao plasma seminal, debido á presenza dalgunhas proteínas que poden xerar este tipo de reaccións no sistema inmunitario. O problema pode manifestarse na vaxina, na pel ou na boca, pero tamén no conxunto do corpo.

Non en tanto, o problema detectado en Alicante tiña outra orixe. Os médicos descartaron outras causas, como a alimentación, as picaduras dalgún insecto ou o consumo de medicamentos. E aquí atoparon a clave: o compañeiro da moza tomara ibuprofeno e Augmentin, un medicamento que leva amoxicilina, un antibiótico co que tratou unha infección no oído. A última dose tomouna, segundo os médicos, catro horas antes do encontro sexual.

“Polo que sabemos, este é o primeiro caso rexistrado por posible reacción alérxica inducida pola amoxicilina despois do sexo oral cunha persoa que tomara o medicamento”, expón o equipo médico alicantino.

Afortunadamente, a muller foi atendida a tempo e recuperouse completamente. Os doutores decidiron entón publicar o informe ao caer na conta de que era un caso único. A recomendación nestes casos é usar preservativo se a persoa coa que se mantén relacións está tomando un medicamento que pode causar alerxia. “Cremos que é importante advertir destes feitos para informar e previr posibles problemas nos pacientes”, conclúen.

Referencia: Anaphylaxis probably induced by transfer of amoxicillin via oral sex (Publicado en BMJ Case Reports o 8 de marzo de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Isto é todo o que sabemos sobre o papel da microbiota na fertilidade masculina

Un traballo publicado en 'Nature' mostra diferenzas entre a microbiota seminal das persoas sas e a dos individuos con anomalías na mobilidade e concentración do esperma

Alerxias ao sol: que as provoca e como actuar

O sol non sempre é beneficioso, sobre todo cando a nosa pel xa non está acostumbrada a expoñerse a el

Reaccións máis graves e novos alérxicos: así está sendo a tempada das gramíneas

A investigadora da UVigo María Fernández asegura que a concentración das partículas é maior do habitual e aumentará nos próximos días

As alerxias alimentarias asócianse a un menor risco de infección por SARS-CoV-2

Un estudo realizado polos Institutos Nacionais de Saúde dos Estados Unidos demostra que teñen un risco 50% menor de contraer o coronavirus