Xoves 18 Abril 2024

O alcolismo pode inducir cambios xenéticos que aumentan a adicción

Un estudo atopa relación entre o consumo excesivo de alcol e alteracións en xenes implicados na tendencia a beber aínda máis

Unha investigación que acaba de publicarse na revista Alcoholism: Clinical & Experimental Research suxire que o alcolismo podería alterar a expresión dos xenes implicados neste hábito e inducir unha maior adicción no futuro. Os científicos da universidade de Rutgers asociaron os cambios químicos en dous xenes relacionados co abuso do alcol, unha das drogas (aínda que legal) que xera máis adicción.

Os estudos previos xa apuntaban cara a unha certa influencia xenética na forma pola cal o cerebro respondía ao consumo do alcol. E este traballo analizou a hipermetilación do xene PER2, implicado nos ritmos circadianos e algunhas funcións cerebrais, e a molécula POMC nas mostras de sangue de 47 voluntarios que participaban no marco dun experimento máis amplo sobre hábitos de bebida. No grupo había bebedores de cerveza non fumadores que confesaban ser consumidores moderados e excesivos.

Publicidade

Durante tres días o grupo foi estudado nun hospital, onde pasou breves períodos de tempo observando imaxes deseñadas para incrementar o estrés, imaxes neutrais ou escenas relacionadas co alcohol, e despois participaban nunha especie de cata de cervexa. O que descoñecían os suxeitos era que realmente se estaba medindo o apetito que tiñan por beber.

Nesta ‘cata’ detectouse que en comparación cos que afirmaban ser consumidores moderados, os bebedores excesivos pedían máis tipos de cervexa para probar, e mesmo quedou rexistrada a súa intención de coller máis vasos. En relación ás imaxes proxectadas, o estudo di que non causaron un impacto real: os que bebían en exceso tendían a tomar máis cervexa, alén do que viran nas imaxes.

Porén, os resultados máis interesantes apareceron na análise xenética, xa que a mostra era demasiado pequena para ter en consideración os hábitos descritos. As mostras de sangue revelaron unha maior tendencia á metilación do xene PER2 nos bebedores excesivos. Alterábase, por tanto, a expresión deste xene.

Os investigadores apuntan que o estudo non demostra per se unha causa-efecto. Nestes cambios epixenéticos tamén poden influír factores ambientais alén do alcol, pero sosteñen que é un aspecto a ter en conta.

Con todo, o traballo apóiase en estudos previos sobre a influencia do alcolismo no PER2, que levan a pensar que “as persoas que beben moito poden estar cambiando o seu ADN de forma que desexan beber aínda máis”, di o endocrinólogo Dipak K. Sarkar, un dos autores do artigo.

Neste senso, expón que “isto pode explicar por que o alcolismo é unha adicción tan poderosa” e tamén achega datos sobre “novos xeitos de tratar o alcolismo e previr novos casos de adicción”.

Referencias: Hypermethylation of Proopiomelanocortin and Period 2 Genes in Blood Are Associated with Greater Subjective and Behavioral Motivation for Alcohol in Humans (Alcoholism: Clinical & Experimental Research, decembro de 2018).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Isto é o que lle ocorre ao teu fígado cando deixa o alcol

Este órgano ten asombrosos poderes autocurativos pero ten límites, así que máis vale non abusar del bebendo en exceso

Un esperanzador fármaco podería reducir as ganas de beber alcol

Achan unha proteína que diminúe a motivación por conseguir esta substancia en contextos asociados ao seu consumo

Máis de 5.000 menores galegos teñen un trastorno por uso de videoxogos

O proxecto de lei da Xunta sobre a prevención de adiccións tamén regulará o consumo de bebidas enerxéticas, alcol e 'vapers'

Como previr o consumo de drogas na adolescencia

Os mozos e mozas que non toman alcol ou cánnabis presentan un mellor funcionamento familiar e maior apoio social