Venres 19 Abril 2024

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

A atmosfera de toda Europa volveuse notablemente máis seca nas últimas décadas en comparación coa época preindustrial. Esta é a conclusión dunha investigación recente publicada en Nature Geoscience liderada pola investigadora Kerstin Treydte do Instituto Federal Suízo de Investigación sobre Bosques, Neve e Paisaxe (WSL) e na cal participaron as investigadoras da Universidade de Barcelona Elisabet Martínez-Sancho e Emilia Gutiérrez e tamén a investigadora ICREA do CREAF Laia Andreu Hayles, entre outros.

O estudo tamén sinala que o motivo detrás deste desecamento é a actividade humana, en concreto, as emisións de gases de efecto invernadoiro. Os autores advirten que estes resultados son realmente preocupantes, xa que unha atmosfera máis seca pode agravar as secas hidrolóxicas e agrícolas ou aumentar aínda máis o risco de incendios forestais, entre outras cousas.

Publicidade

Os resultados tamén apuntan a diferenzas na secura do aire en diversos puntos xeográficos. Por exemplo, no norte de Europa non aumentou tanto en comparación con outras rexións europeas. En cambio, nas terras baixas centroeuropeas e nos Alpes e Pireneos, a situación é máis grave, con valores máximos nos anos de seca 2003 e 2015.

Para descubrilo, levouse a cabo unha ampla análise dos aneis das árbores con datos que se remontan ao ano 1600. “Grazas aos aneis puidemos trazar a memoria destas árbores e saber como de seco era o aire nos últimos 400 anos, algo que aínda non se mapeara”, explica Andreu Hayles.

En concreto, o equipo, conformado por case 70 investigadores e investigadoras internacionais, reconstruíu o déficit de presión de vapor (VPD), que describe a diferenza entre o contido real e o máximo posible de auga do aire, é dicir, a “sede de auga” do aire. O aire sedento -cando a VPD é alta- extrae máis auga dos chans e as plantas, reduce o crecemento da vexetación e pode mesmo provocar a morte das árbores.

“Ademais, sabemos que canto máis cálido é o clima, máis aumenta o VPD. Así que frear o aumento de temperatura debería ser unha prioridade”, engade Andreu Hayles.

Consecuencias para bosques e agricultura

De acordo aos autores, esta crecente secura no ambiente supón unha ameaza a longo prazo para moitas funcións vitais dos ecosistemas. Por exemplo, é especialmente importante para a agricultura porque canto máis seco é o aire, maior é a demanda de auga dos cultivos. É necesario regar máis e o rendemento dos cultivos diminúe.

Doutra banda, tamén ten un impacto nos bosques, por exemplo, a súa función como reguladores do clima e o almacenamento de carbono poderían verse gravemente afectados. Elisabet Martínez-Sancho e Emilia Gutierrez, explican que, “esta investigación axudará a refinar as simulacións de futuros escenarios climáticos e a avaliar a ameaza do desecamento do aire para os ecosistemas, a economía e a sociedade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

O 48% da poboación adulta española e o 25% da infantil carecen dun sono de calidade

Os trastornos relacionados afectan a un 22-30% da poboación e máis de catro millóns de persoas padecen algún tipo de afección crónica