Martes 19 Marzo 2024

África González: “A única certeza do coronavirus é que chegou para quedar”

A inmunóloga publica 'Inmuno Power', un libro divulgativo sobre o sistema inmunitario no que tamén aborda a pandemia e o proceso de vacinación

Como un Power Ranger. Así debuxaron a inmunóloga África González no CEIP de Laredo, en Redondela, onde a científica impartiu unha charla entre o alumnado de Primaria. “Aquela ilustración levaba por título Inmuno Power”, relata a catedrática da Universidade de Vigo. E aí estaba a semente do seu último proxecto: un libro de divulgación que trata de explicar o funcionamento do sistema inmunitario. Máis de 200 páxinas cheas de gráficos e cores rechamantes que relatan, cunha linguaxe accesible e nun formato de pregunta-resposta, como funciona o noso principal mecanismo de defensa. Pero González vai máis alá e tamén aborda, con rigurosidade científica, outras moitas preguntas: Que son as vacinas?, Que sabemos do coronavirus?, Como afrontaremos outras pandemias? Para obter a resposta só hai que mergullarse nas súas páxinas.

—Como xurdiu a idea de escribir Inmuno Power? A pandemia serviu como fonte de inspiración?

Publicidade

—Foron un cúmulo de circunstancias e, por suposto, tamén influíu a pandemia. Coincidiu nun ano no que eu estaba dedicando máis tempo á divulgación, que é algo que levo facendo dende hai anos en institutos e colexios. Así é que contactei coa editorial, La Esfera de los Libros, e estivemos pensando como facelo. Eu non quería que fose un libro sobre a pandemia. O meu obxectivo era ensinar á xente que é o sistema inmunitario e cal é a súa importancia. É dicir, eu quería que fose unha obra útil. Por iso Inmuno Power está dividido en capítulos que se poden ler de maneira independente. Ademais, eu quería un libro que chegara a todos os públicos; que calquera persoa puidese entender de forma fácil.

—A palabra Inmunoloxía está moi presente na vida cotiá grazas á crise sanitaria. Que sabemos dela? 

—No que respecta á Inmunoloxía, estamos a falar dunha ciencia moi nova, aínda que din que xorde a partir da vacina contra a varíola de Edward Jenner. Ponse ese punto de partida porque é cando se comeza a facer un estudo sistemático da vacinación. Mais en realidade, se comparamos a Inmunoloxía con outras ciencias, é moi recente. Entrou máis tarde nos plans de estudo, como especialidade nos hospitais… Aínda falta moito coñecemento do sistema inmunitario, que é comparado co nervioso pola súa complexidade. A pesar disto, creo que todo se pode ensinar en distintos niveis e iso é un pouco o que intentei plasmar neste libro.

“A información excesiva produce infodemia: debemos transmitila só cando haxa realmente cambios significativos”

—A ciencia ten cada día máis presenza mediática. Máis cantidade significa, tamén, unha mellor calidade?

—Se temos información en exceso prodúcese unha infodemia. Ou o que é o mesmo: unha pandemia de información. Isto provoca que a xente estea moi cansa de escoitar, todos os días, datos de positivos, hospitalizacións, variantes… O noso cerebro quere desconectar, pasar páxina e volver á normalidade. Eu creo que debemos transmitir a información máis importante e só cando haxa realmente cambios significativos. Ademais, é necesario que o fagamos con moita honestidade. Dicir o que sabemos pero tamén o que non sabemos aínda.

—As noticias falsas tamén forman parte desa gran cantidade de información que se consome a diario. Como enfrontan, desde a comunidade científica, os movementos antivacinas ou o negacionismo?

—Hai moitos aspectos dos que se podería falar. Hai xente que só busca momentos de pandemia e crise para vender produtos que non están testados nin teñen aval científico e que, polo tanto, só buscan un beneficio económico e persoal. Hai outro grupo de persoas que son os antivacinas. Aí mestúrase a xente que verdadeiramente é negacionista da pandemia, que non cre que as vacinas sexan eficaces e que pensa que as farmacéuticas queren facer diñeiro. Logo hai xente que, non sendo antivacinas, si ten dúbidas. É dicir, se a vacina contra o coronavirus é eficaz, se a enfermidade neles non vai ser tan grave… E logo está toda esa xente indecisa que, ao final, acaba por non vacinarse. As redes sociais fan que todos as falsidades e mitos que se difunden tamén se amplifiquen pero é importante recordar que son grupos minoritarios en España.

“A investigación necesita financiamento estable: non podemos facer proxectos cada tres anos e despois, todo o mundo á rúa”

—Tamén é importante que a comunidade científica alce a voz. No seu libro reclama máis investimento na área de Inmunoloxía.

—O que necesitan os grupos de investigación é un financiamento estable. Non pode ser que teñamos que estar pedindo proxectos cada dous ou tres anos e cando finalizan, todo o mundo á rúa. Eu teño a vantaxe de ser catedrática de universidade, de ser funcionaria, pero a meirande parte do meu grupo acaba o proxecto e finaliza a súa contratación. Isto obríganos a estar continuamente volvendo a empezar, buscando persoal, empezando novas liñas… Hai persoas que, incluso traballando en centros bos, cansan e desisten da investigación. Outra petición é un Centro Nacional de Inmunoloxía porque cremos que agora se evidenciou máis ca nunca a necesidade de coordinar esforzos nesta área. Todos estes estudos de se as vacinas funcionan ou non, de canto tempo, o estudar a memoria inmunitaria, desenvolver distintas técnicas de diagnose… Todo isto podería estar centralizado nun centro nacional.

Portada do libro ‘Inmuno Power’, de África Gonzalez

—Vostede, en Inmuno Power, compara o sistema inmunitario cun exército. Pero non todos os exércitos funcionan igual. Cales son os factores que inflúen na nosa resposta ante as enfermidades?

—Hai moitos factores que inflúen sobre o sistema inmunitario. Un dos máis importantes, que se está vendo na pandemia, é a idade. É dicir, a idade avanzada fai que o sistema inmunitario non funcione adecuadamente, que estas persoas teñan menos células novas e as que teñen estean avellentadas. Como se fose un exército de soldados moi maiores, con moita experiencia sobre como atacar e dirixir, pero que corren menos e actúan menos. Outro factor é o sexo. As mulleres producimos máis anticorpos que os homes. Ao ter dobre cromosoma X hai algúns xenes que se atopan aí e temos certas vantaxes respecto a eles.

—De aí que as mulleres adoiten ter unha maior esperanza de vida?

—As mulleres tenden a ter menos infeccións respiratorias que os homes, e menos graves. Isto é o que se está a ver co coronavirus. Inféctanse de maneira parecida, pero hai máis mortalidade nos homes. Pero o sexo e a idade non son os únicos factores, tamén está a xenética. Somos moi diferentes uns doutros. Isto fai que uns resistan mellor e outros peor. Por exemplo, podo resistir moi ben fronte ao sarampelo e mal fronte a varicela. Tamén inflúen as características do virus: que tipo de cepa, a carga viral… E logo toda unha serie de factores da nosa vida histórica como as vacinas que recibimos, as infeccións que tivemos, os fármacos que estou tomando… Tamén hai outros aspectos que podemos modificar para fortalecer o sistema inmunitario, ao que dedico un capítulo do libro, como a nutrición, o deporte moderado ou evitar o estrés.

“Para enfrontar a ansiedade pandémica, é necesario vivir con certa normalidade e entender que este virus veu para quedar”

—Como enfrontamos a ansiedade e o estrés se hai quen di que estamos fronte a outra pandemia, a de saúde mental? Como se resinte o noso sistema inmunitario?

—Creo que hai varios aspectos que son moi importantes. Intentar volver á normalidade a nivel mental. Non importa que levemos máscara pero debemos seguir tendo relacións sociais. E se non podemos vernos fisicamente, pois facelo a través das novas tecnoloxías. O deporte tamén pode axudar moito e non fai falla saír da casa. Tamén unha nutrición adecuada ao gasto que facemos. Pero, dende logo, vivir con certa normalidade e entender que este virus veu para quedar aquí. Buscar elementos que nos fagan felices, sexa ver unha película ou quedar con amigos.

—Para recuperar esa “normalidade” tamén é moi importante o proceso de vacinación. Comeza a circular que certas vacinas, como Pfizer e Moderna, perden efectividade co paso duns poucos meses. É certo?

—Están saíndo datos contraditorios. Hai un traballo feito en miles de persoas en residencias de Inglaterra que demostran que a eficacia de Pfizer e AstraZeneca é moi semellante e que, realmente, as vacinas seguen a ser eficaces. O estudo realizouse de decembro a maio e non detectan esa diminución da que se fala. Hai outro artigo sobre Israel, no que se alertaba dunha redución da efectividade das vacinas. Resultou ser que os datos estaban mal analizados. Vese que, aínda que baixa un pouco a protección, faino dun 93% a un 82%. É dicir, non baixa tanto como se está dicindo. Si que é certo que os niveis de anticorpos decaen, pero é normal. Despois de ter unha infección, os niveis de anticorpos baixan pero o sistema inmunitario xera células de memoria que se lembran. Se o virus volve chegar póñense en marcha e producen anticorpos de novo.

“Polos datos que temos, eu non creo que vaiamos ter que administrar unha terceira dose de maneira sistemática”

—Farase realidade esa terceira dose da que xa se está comezando a falar?

—Si é certo que se deron casos nos que dúas doses non son suficientes, e si o é dando unha terceira. Podería darse o caso, por exemplo, en persoas moi maiores. Ou mesmo unha persoa que tivo un cancro con tratamento quimioterápico. Puxéronlle unha vacina cando lle tocaba pero, ao mellor, hai que facerlle un estudo personalizado e valorar o seu caso. Pode que a esa persoa haxa que volverlle aplicar unha pauta completa. É dicir, eu non creo que a terceira dose a vaiamos ter que administrar de maneira sistemática. Polo menos, non segundo os datos que temos.

—Parece que seguimos lonxe de superar esta pandemia…

—A revista Nature recolleu as voces dalgúns expertos que analizaron diferentes escenarios. Hai quen di que o coronavirus pode quedar nun futuro como un catarro común pero non a curto prazo. Isto acontecería porque conforme vaiamos adquirindo maior inmunidade ao longo de todo o planeta, aínda que cheguen novas variantes, o sistema inmunitario aprendeu a mellorar, porque nós tamén somos capaces de cambiar un pouco. Outro escenario sería a aparición dunha variante moito máis letal. O único que sabemos con certeza é que este virus chegou para quedar con nós.

—No seu libro tamén dedica un apartado á prevención de próximas pandemias. Que aprendemos desta crise sanitaria que nos poida servir para o futuro?

—Gustaríame que aprenderamos que vivimos nun mundo globalizado e que o que pasa nun país pode chegar ao noso. Gustaríame que a Organización Mundial da Saúde tivera máis poder para centralizar a vacinación, que fose ela quen fixese a distribución e que os países o aceptasen. O que si é certo é que tivemos unha actitude, como sociedade en xeral, exemplar. Ninguén nos diría, hai un tempo, que teriamos que usar a máscara na rúa. En España tamén se fixo unha vacinación masiva e houbo poucas persoas negacionistas. E, despois, creo que aprendemos moito de nós mesmos, sobre todo durante o confinamento. Ver o pouco que necesitamos para vivir e o importante que son os afectos, o cariño da xente.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias