Venres 19 Abril 2024

Aeromedia: drones con alma galega

A traxectoria empresarial de Aeromedia en apenas cinco anos de vida é un bo anticipo das posibilidades de crecemento do sector dos drones no futuro. A compañía nada na Coruña en 2012 conta actualmente cun total de 19 franquiciados en distintos puntos de España. Neste mesmo ano a sede de Aeromedia en Oleiros espera alcanzar unha facturación de 1,5 millóns de euros, o que supón triplicar a cifra alcanzada o ano pasado.

Aeromedia2Carlos de la Rocha, socio fundador da compañía xunto a Aquilino Abeal, explica que  a decisión de embarcarse nesta aventura xurdiu ao combinar a súa visión empresarial cos coñecementos de Abeal no mundo do aeromodelismo. A empresa dedicouse inicialmente case en exclusiva aos proxectos audiovisuais pero pronto foi evolucionando e actualmente ten outras catro liñas de negocio: sector de emerxencias, inspeccións industriais, agroforestal e de formación.

Publicidade

No campo audiovisual Aeromedia conta cunha ampla experiencia na realización de películas, reportaxes publicitarias, retransmisións en directo, eventos deportivos, concertos, vídeos corporativos, etc. A empresa ofrece unha gran variedade de aparellos e de equipos audiovisuais, cos que é posible realizar os planos máis complicados.

As cinco ramas teñen ingresos equilibrados pero a inspección no sector industrial é a que presenta maiores posibilidades de crecemento e é unha das razóns que explica a expansión a través de franquías, xa que as empresas que solicitan este servizo queren ter unha base de drones máis próxima ás distintas localizacións das súas fábricas. Estes aparellos supuxeron unha gran revolución nun sector onde antes as inspeccións resultaban moito máis caras e perigosas, xa que en ocasións requirían o uso de helicópteros.

“Temos perfís moi diversos de franquiciados xa que buscamos tanto habilidades tecnolóxicas como comerciais. Nós achegámoslles unha formación inicial, habilitámolos como pilotos de drones, achegamos equipo inicial e tamén temos aparellos que se usan para ocasións puntuais e que non son rendibles para ter un en cada estación”, indica De la Rocha.

“Nas franquías buscamos tanto habilidades tecnolóxicas como comerciais”

Aínda que a gran maioría dos aparellos que utiliza Aeromedia son adquiridos comercialmente, si que realizan desenvolvementos para traballos que requiren características especiais nos aparellos. “Sempre tentamos participar en convocatorias para proxectos de I+D, tanto nacionais como autonómicos, porque non temos capacidade para desenvolver por nós mesmos unha aplicación. Nestes momentos estamos a participar nun proxecto no que participan empresas de seguridade e de telefonía”, explica o director de proxectos de Aeromedia.

De la Rocha destaca tamén as posibilidades de desenvolvemento que presenta o polo de drones de Rozas, impulsado pola Xunta, xa que pode permitir involucrar ás pemes galegas nun sector de gran futuro. A compañía ten participado en varios programas co apoio da Consellería de Industria.

Aeromedia conta agora con 16 traballadores e espera contar con 25 a finais deste ano. As posibilidades de seguir crecendo no futuro son grandes, xa que “hai mercados que ata agora non estaban maduros e agora comezan a estalo”, indica De la Rocha.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

As análises da Xunta revelan a presenza de ata un 10% de aditivos químicos nos granulados

Un informe da UVigo comproba que os compostos das bólas plásticas non teñen "toxicidade relevante" nun modelo moi usado no medio mariño

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas