Venres 19 Abril 2024

A adicción á cocaína fai que o cerebro ‘avellente’ máis rápido

Un estudo alemán demostra que o consumo desta substancia produce cambios químicos nas neuronas relacionados coa idade avanzada

O noso cerebro experimenta unha longa lista de cambios a medida que envellecemos. Agora, un novo estudo liderado pola Universidade de Heidelberg, en Alemaña, revela que eses cambios poden producirse a un ritmo máis acelerado nas persoas con adicción á cocaína.

A cocaína é unha das substancias máis perigosas. Interfere nas vías de recompensa do cerebro, obrigando ás neuronas a seguir emitindo sinais pracenteiros ata que desaparece o efecto da droga. Segundo as estimacións recollidas polo portal de noticias ScienceAlert, 1 de cada 5 persoas que consomen cocaína acaba desenvolvendo unha adicción. Con todo, os investigadores aínda están a tratar de entender como unha substancia que interfere nas unións entre neuronas pode derivar nunha adicción.

Publicidade

Unha de cada cinco persoas que consomen cocaína acaba desenvolvendo unha adicción

Unha das posibilidades son as modificación do ADN das neuronas, que alteran a forma en que os xenes se activan e desactivan. Os investigadores alemáns analizaron estes patróns de cambio epixenético nunha rexión do cerebro chamada área 9 de Brodmann. Situada no córtex prefontal, pénsase que esta zona é importante para a autoconciencia e o control inhibitorio; dous aspectos que se confunden nas adiccións.

Estudos en ratos

Gran parte do que sabemos sobre os efectos da cocaína nas neuronas procede de estudos feitos en ratos. Poucas investigacións estudaron os efectos duradeiros da cocaína no tecido cerebral humano, aínda que dous artigos xa detectaron rexións do ADN que mostran unha metilación excesiva nos cerebros de persoas con adicción á cocaína.

Este novo estudo da Universidade de Heidelberg sobre tecidos cerebrais humanos recuperados post mortem volveu constatar que os consumidores de cocaína tiñan seccións de ADN nas que se produciran cambios químicos asociados coa idade e con enfermidades relacionadas con ela. Para chegar a estes resultados, os investigadores compararon os niveis de metilación do ADN en mostras de tecido cerebral de 21 persoas que padecían trastorno por consumo de cocaína e outras 21 que non.

“Detectamos unha tendencia cara a un maior envellecemento biolóxico do cerebro en individuos con adicción”

STEPHANIE WITT, primeira autora do estudo

A metilación do ADN considérase un dos distintivos moleculares do envellecemento. Normalmente, a presenza de máis grupos metilo reduce a actividade dos xenes próximos porque a maquinaria celular xa non pode acceder ás instrucións xenéticas que conteñen. Sabendo como se adhiren os grupos metilo ao ADN ao longo do tempo, a metilación do ADN pode utilizarse como un “reloxo epixenético” para saber se os tecidos envellecen máis rápido ou máis amodo en comparación coa idade cronolóxica prevista.

“Detectamos unha tendencia cara a un maior envellecemento biolóxico do cerebro en individuos con adicción á cocaína en comparación con individuos sen ela”, afirma Stephanie Witt, autora principal do estudo e bióloga molecular. “Isto podería deberse a procesos patolóxicos relacionados coa cocaína no cerebro, como a inflamación ou a morte celular”, engade.

Os investigadores cren que estas alteracións moleculares poden contribuír a que se produzan cambios funcionais e estruturais de alto nivel observados nos cerebros das persoas con adicción á cocaína e, á súa vez, aos aspectos condutuais da adicción. Entre as secuencias que mostraron os cambios máis fortes na metilación do ADN había dous xenes que, segundo investigacións anteriores, regulan aspectos conductuais da inxesta de cocaína en roedores.

Máis investigación

Con todo, os investigadores recoñecen que o seu estudo foi pequeno e que se require máis investigación, quizá para ver que cambios moleculares acumula o cerebro co tempo e o consumo continuado de drogas. “Como a estimación da idade biolóxica é un concepto moi recente na investigación da adicción e está influída por moitos factores, necesítanse máis estudos para investigar este fenómeno, con mostras de maior tamaño que as que se puideron obter aquí”, afirma Witt.

“Estudos máis amplos tamén axudarían a entender os efectos doutras afeccións, como os trastornos do estado de ánimo, que tan a miúdo acompañan ás adiccións. Moitos dos doantes falecidos neste estudo sufrían depresión grave, o que tamén pode alterar a súa función cerebral”, expón a autora principal do estudo.

Os investigadores tiveron en conta se os doantes eran adictos cando morreron ou se estiveran tomando medicamentos para tratar a depresión ou outros trastornos, aínda que o estudo era demasiado pequeno para facer axustes neste sentido. Os investigadores conclúen que investigar varias rexións cerebrais permite comprender mellor o papel da metilación do ADN na adicción á cocaína.


Referencia: DNA methylation in cocaine use disorder–An epigenome-wide approach in the human prefrontal cortex (Publicado en Frontiers in Psychiatry)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Debemos alarmarnos polo aumento de casos de tosferina?

En 2023, o número de casos desta enfermidade altamente contaxiosa aumentou en máis de nove veces con respecto ao ano anterior