Venres 19 Abril 2024

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero

Os ecosistemas son sistemas naturais formados polo conxunto de seres vivos que habitan nun lugar e que están sometidos ás influencias do medio no que habitan. Nun escenario de cambio climático, como é o actual, a súa vulnerabilidade aumenta. Máis aínda cando se trata de lugares nos que a presión derivada da actividade humana é crecente. Este é o caso das Rías Baixas, un sistema socioecolóxico no que a acuicultura e as actividades portuarias e pesqueiras supoñen unha parte importante do sustento da poboación.

A acidificación das súas costas e as consecuencias que esta aparella están provocando que aparezan proxectos que abordan a cuestión desde múltiples puntos de vista para lograr poñerlle freo e manter un equilibrio necesario entre a natureza e a actividade humana.

Publicidade

A acidificación costeira

Cristina Sobrino, do Grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo), é a investigadora principal do proxecto ACID, que busca precisamente atallar este problema a través dun enfoque integral e innovador. A investigadora sinala que o principal problema para facelo é o descoñecemento que hai arredor da acidificación nas zonas costeiras: “Comeza a haber algúns estudos ao respecto, mais aínda non coñecemos moito. Todo o mundo escoitou falar algunha vez da acidificación oceánica: aumenta o dióxido de carbono (CO2) na atmosfera, vai ao océano e alí cambia o pH, afectando ás especies que utilicen o CO2 de maneira directa ou indirecta. Con todo, o certo é que, na costa, esta situación muda por moitos outros factores, por exemplo, a entrada de auga doce ou os cambios nas actividades biolóxicas de bacterias ou do fitoplancto. Agora mesmo sabemos que están ocorrendo moitas cousas, mais aínda non temos ningunha certeza sobre cales son as variables que máis afectan”.

Para elaborar este estudo, o equipo decidiu analizar tanto a ría de Vigo como a de Muros e Noia, esta segunda co obxectivo de servir como un elemento comparativo para os resultados obtidos na análise da primeira.

“Sabemos que a abundancia de poboación nunha determinada zona está directamente relacionada co seu impacto. Evidentemente tamén hai un maior efecto relacionado coa taxa de consumo e riqueza de cada unha desas poboacións, mais ao final a variable que máis determina é o aumento da poboación. A ría de Muros e Noia é moi similar á de Vigo en canto a morfoloxía e tamén ten ese compoñente de explotación dos recursos mariños. Non obstante, está moito menos impactada polo efecto humano”, explica Sobrino.

O proxecto ACID

O proxecto liderado por Sobrino, encargada de determinar os impactos do CO2 na estrutura e produción da comunidade microbiana planctónica, tamén conta co liderado doutras dúas investigadoras do CIM: Inés Álvarez, do Environmental Physics Laboratory, e Elena Ojea, do grupo Future Oceans Lab. ACID foi seleccionado na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. Cun orzamento de preto de 200.000 euros, terá vixencia ata o ano 2025.

“O proxecto está dividido en catro obxectivos. O primeiro deles está enfocado na parte biolóxica, que lidero eu e que inclúe toda a parte de mostraxe de campo en ambas rías. O segundo é o que lidera Inés Álvarez, que se encarga de ver o efecto que se produce tras cambios na intensidade do afloramento utilizando un modelo de simulación. Así, poden ver o impacto na fertilización da ría e na concentración de CO2 nesta. Agora, a elevada productividade nas rías débese a que hai un afloramento de auga profunda moi rica en nutrientes que fertiliza as rías, fai que o fitoplancto medre e isto xera unha cadea trófica moi produtiva. Hai varios traballos científicos que indican que a intensidade do afloramento pode verse afectada polo cambio climático e os efectos na temperatura e nos ventos. O terceiro obxectivo é o que lidera Elena Ojea, quen utiliza modelos para predicir como estes cambios que vemos, utilizando datos poboacionais e análises das mostras que recollemos, poden afectar a economía da zona para intentar facer ferramentas que estimen cal podería ser a forma de mitigalo. Se conseguimos sacar tamén ferramentas de adaptación a novos escenarios de cambio global sería un avance extraordinario. O cuarto obxectivo sería intentar trasladar toda esta información á sociedade”, relata Sobrino.

Neste sentido, a investigadora salienta a importancia da colaboración e dos proxectos multidisciplinares, de maneira que a colaboración entre distintas áreas de traballo e a investigación tanto dentro como fóra dos laboratorios se unan para lograr entender a situación a unha maior escala.

Implicación da sociedade

A idea detrás dese cuarto obxectivo do proxecto é transferir os coñecementos adquiridos a persoal, empresas ou entidades gobernamentais, de maneira que se poidan identificar localizacións críticas e compoñentes do ecosistema costeiro con maior risco socioecolóxico e, a partir de aí, propoñer estratexias de xestión para mitigar estes resultados.

“Fixemos unha primeira reunión á que asistiron principalmente persoal técnico de diferentes confrarías, grupos de traballo relacionados co mar e xente en xeral que tiña interese en entender o proxecto e coñecer como lles podería afectar. Queriamos transmitirlles que o seu feedback era moi importante para nós, porque moitas veces a interacción é baixa e non entendemos moitas das cousas que precisan. Por exemplo, despois desa reunión fixéronme propostas sobre novos sitios nos que recoller mostras, lugares nos que tiveran problemas de mortalidade de bivalvos. Como non sabemos como a acidificación pode afectar a iso, ampliamos a rede para incluír algúns destes lugares”, explica Sobrino.

Ademais, ACID inclúe por primeira vez na súa investigación a perspectiva de xénero no que respecta á avaliación de riscos e ameazas derivadas do cambio climático e da acidificación dos ecosistemas costeiros. Esta variable é de gran importancia, tendo en conta que case un 40% do sector pesqueiro está composto por traballadoras, especialmente nas pesqueiras de moluscos intermareais.

“Utilizamos as bases de datos para coñecer que porcentaxe da poboación da zona de Vigo son mulleres ou homes e que porcentaxe destas mulleres ou homes traballan na explotación de recursos mariños. Coñecendo isto e tendo os datos que recollemos e que obtemos dos nosos modelos imos ser quen de estimar como estes traballos se poden ver afectados pola acidificación e como vai ser este efecto tanto en homes como en mulleres”, manifesta a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas