Venres 29 Marzo 2024

A Coruña acolle a Reunión Galega de Mozos Investigadores no Estranxeiro

Vinte científicos novos participarán nas ponencias, nun evento que tamén denuncia a precariedade da carreira investigadora en Galicia

O museo Domus da Coruña acolle este luns, 28 de decembro, a XI Reunión de Mozos Investigadores no Estranxeiro, organizada polo Instituto de Investigación Biomédica da Coruña ( INIBIC), baixo a coordinación da científica María Mayán, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses.

No evento participarán 20 novos talentos galegos procedentes de prestixiosas universidades como a de Cambridge ou o Wellcome Sanger Institute (Reino Unido), Stanford University (EUA) ou do European Molecular Biology Laboratory ( MBL) en Alemaña, entre outros. Ademais, haberá dous relatorios a cargo de recoñecida investigadora en cancro Marisol Soengas e María D. Mayán (investigadora xefe de grupo do INIBIC) sobre “Ciencia e Muller” e “a ciencia como motor do progreso”.

Publicidade

A xornada comezará ás 9.30 h da mañá. Na inauguración estará presente a Mariano Esteban, científico que actualmente desenvolve un dos prototipos de vacina fronte ao SARS-COV-2 no Centro Nacional de Biotecnoloxía en Madrid.

Ademais, no decurso da xornada, farase entrega da segunda edición do premio Ángeles Alvariño á mellor traxectoria profesional, que será outorgado polo Concello da Coruña. O premio ao traballo con maior impacto social será entregado por Hijos de Rivera e o premio á mellor traxectoria profesional “científica nova” pola AMIT-Coruña.

A xornada poderá seguirse a través da canle de Youtube dos Museos Científicos Coruñeses

Aproveitando as datas, en que moitos investigadores e investigadoras retornan a Galicia para festexar o Nadal, a reunión pretende servir de punto de encontro para coñecer as respectivas investigacións que están a levar a cabo en centros internacionais de recoñecido prestixio.

Na xornada, presentarán os seus traballos máis dunha vintena de científicos, que investigan en eidos de estudo tan diversos como a medicina personalizada, a contaminación por plásticos, ou as ondas gravitacionais, entre outros.

Ademais, esta reunión pretende poñer en valor o talento galego que se atopa repartido polo estranxeiro despois de formarse en Galicia, e para o apenas existe existe un plan de retorno. “Aínda que a mobilidade e formación en centros estranxeiros é recomendable na carreira investigadora, a imposibilidade de retornar fai que os investigadores acaben desenvolvendo a súa profesión no estranxeiro e consolidando alí as súas carreiras, contribuíndo ao desenvolvemento da economía fóra das nosas fronteiras, ante a ausencia de oportunidades en Galicia”, explican dende a organización deste encontro.

Aquí podes consultar o programa do encontro

Un dos grandes temas de debate será a captación de talento. “As políticas galegas están a descoidar aos seus científicos, facendo que retornar sexa unha opción moi pouco atractiva para quen está desenvolvendo carreiras exitosas noutros países, onde as oportunidades e condicións laborais son moito mellores”, afirman os responsables do evento, que poñen como exemplo aos investigadores hospitalarios do INIBIC, IDIS, e o Instituto de Investigación Galicia Sur: “na súa gran maioría traballadores temporais, seguen demandando que se regularice a súa situación e que se lles ofreza maior estabilidade e condicións laborais para desenvolver o seu traballo de xeito máis eficiente e competitivo para o beneficio último dos galegos e galegas”.

No relatorio “a ciencia como motor do progreso” presentaranse ademais datos que poñen de manifesto como o investimento en ciencia e a captación real de talento supoñen un retorno económico a medio prazo, exercendo un impacto positivo en obtención de recursos e xeración de postos de traballo.

Por último e con motivo da X Edición desta xornada, o comité científico concederá varias mencións especiais a profesionais relevantes que están axudando a promover a I+D+i no noso país e comprometidos coa promoción da visibilización e liderado feminino, á promoción da ciencia, á promoción da igualdade de oportunidades en ciencia, á promoción do talento científico, e ao xornalismo e divulgación científica. Estes galardóns serán outorgados por Woman CEO, Executivas Galicia, Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, MUNCYT A Coruña e a Universidade da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana