Santiago de Compostela acolleu a presentación dun dos preto de 30 pilotos 5G que se están a desenvolver en Galicia. Trátase dunha solución innovadora que permite realizar visitas virtuais á Praza do Obradoiro desde calquera lugar do mundo en tempo real, o que poderá aplicarse no ámbito turístico. É posible grazas á instalación de cámaras 360º, situadas nun lugar destacado dese punto clave da cidade, que retransmiten imaxes de moi alta resolución da praza e da fachada da catedral ás que, ademais, se aplican técnicas de realidade virtual.
Calquera persoa con cobertura 5G poderá visualizar desde a súa tablet ou dispositivo
móbil as imaxes 360º en tempo real e con realidade aumentada, de xeito que terán a
sensación de trasladarse á mesma Praza do Obradoiro. Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar o turismo á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía.
Galicia e o 5G
O Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedeu dúas subvencións ás propostas presentadas por Orange e Telefónica de realizar pilotos 5G en Galicia que, xunto ás que se promoveron desde o Nodo do Plan Galicia 5G, sumando preto de 30 casos de uso desta tecnoloxía en Galicia cun importe de 23 millóns de euros e no que participan arredor de 40 entidades.
A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final.
Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados a ámbitos como a atención sanitaria,
a educación, a xestión de incendios, a industria, a automoción no audiovisual ou o
turismo, entre outros. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, comenta que o seguinte paso será a avaliación destes 30
casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos
públicos e dos diferentes sectores produtivos.
“Esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra”
Por outra banda, a directora da Amtega sinalou que a Xunta vén de lanzar un acordo
marco de 30 millóns para incorporar o uso das tecnoloxías disruptivas ao sector
público, incluíndo unha fase inicial de pilotaxe e avaliación e unha fase posterior de
implantación e despregamento. O compromiso é que a tecnoloxía que se incorpore
debe pasar, previamente, unha fase de avaliación que garanta non só a súa utilidade
senón a súa sustentabilidade futura.
Aposta pola tecnoloxía
A directora da Amtega destacou tamén que na comunidade se conformou un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas
iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que formemos o territorio escollido para
a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foran das
primeiras cidades de España en contar con redes 5G.
A responsable autonómica recalcou que a Administración autonómica fixo unha forte
aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G “porque é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.