Mércores 24 Abril 2024

A escudería UVigo Motorsport ultima o seu monopraza UM17

Despois de traballar durante meses no deseño, a escudaría universitaria UVigo Motorsport está mans á obra na construción do seu novo monopraza, bautizado como UM17. Nesta segunda fase de traballo o estudantado das escolas de Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Minas e Enerxía traballa cunha planificación moi axustada para chegar co seu monopraza acabado e testado ás citas deportivas nas que participarán este verán: a xermana de Hockenheim, do 8 ao 13 de agosto, e a española de Montmeló do 23 ao 27 do mesmo mes. Pedro Cuesta, responsable de Marketing e Comunicación do equipo, adianta que este ano presentan un vehículo novo no que hai moitos cambios, aínda que ningún tan drástico ou substanciais como os que houbo no UM16 con respecto ao UM15.

O equipo UVigo Motorsport na pranta de GKN, patrocinadora do proxecto.
O equipo UVigo Motorsport na pranta de GKN, patrocinadora do proxecto.

O equipo vigués compite na categoría clase 1, que establece a obrigatoriedade de non repetir nin reempregar o exemplar usado en anos anteriores, debendo deseñar e competir cun modelo totalmente renovado. Para esta tempada contan con cambios substanciais a nivel visual, fabricando un chasis híbrido no que combinan un monocasco en fibra de carbono e un chasis de aceiro tubular, o que lles permite ter maior accesibilidade á hora de traballar no motor e tamén conseguir unha mellor refrixeración. Ademais conseguiron incrementar a fiabilidade do vehículo grazas á substitución do motor Aprilia SXV polo Kawasaki ER9-F de 650cc. Con estes cambios, o equipo espera poder superar os resultados acadados na temporada pasada xa que, segundo indican, o Kawasaki lle outorgará maior robustez, potencia e fiabilidade.

Publicidade

O circuíto de Montmeló, que acollerá a competición de Formula Student Spain, e o alemán de Hockenheim, onde se disputará a Formula Student Germany son as probas nas que participará o equipo vigués e nas que demostrarán o traballo de todo o ano. A cita xermana é a máis esixente de todas e nela enfrontaranse aos competidores máis fortes a nivel internacional. “Como en todos os circuítos europeos para poder correr en Hockenheim hai que superar un exame de acceso cronometrado. Este ano presentáronse 200 solicitudes e só lograron pasar á competición os 65 equipos que o fixeron en menos tempo, entre os que estamos nós”, confirma Pedro Cuesta, satisfeito por conseguir participar no mítico circuíto.

O novo bólido substitúe o motor Aprilia e montará un Kawasaki

A carreira española tamén é unha das competicións con máis renome e, ademais, é a que clausura a tempada, polo que os vigueses acudirán a ela co monopraza xa testado e mellorado. O equipo confía neste encontro e o responsable de Marketing confesa que o obxectivo nesta carreira “é brillar, xa que contaremos cunha rodaxe previa do monopraza que nos permitirá chegar á cita coas miras postas en facer unha moi boa clasificación e un bo papel. Non obstante a proba endurance, a máis dura e na que debemos acabar 22 km, non foi acabada por ningún equipo español na edición anterior”.

Desde o equipo, subliñan tamén que todo este traballo non sería posible sen os patrocinadores que, de maneira desinteresada, colaboran con UVigo MotorSport para que poidan levar a cabo o proxecto. Moitos deles repiten ano tras ano, como por exemplo a propia universidade, Consello Social, Concello de Vigo e Zona Franca, ademais de empresas privadas como Bosch, Grupo Copo, GKN, Castro Composites, Maresa, Láser Galicia e Marcotran.

Formula Student 4

Entre desprazamentos e custos de fabricación do monopraza, o presuposto ascende a 61.000 euros “sendo dos máis modestos da competición”, puntualiza Pedro Cuesta. Equipos como os alemáns contan con orzamentos moito máis grandes. “Por suposto a todo isto non lle sumamos todas as horas de traballo que lle dedicamos nós para chegar a tempo ás citas deportivas”, recalca o estudante vigués.

A Formula Student é unha competición interuniversitaria que ten como obxectivo simular unha situación real na que os equipos, formados por estudantado universitario de todo o mundo, desenvolven un prototipo de monopraza para unha posible empresa de competición. Nestes encontros promóvese a excelencia en enxeñaría a través dunha competición na que as e os participantes, constrúen, desenvolven e compiten cun monopraza. Nestes eventos hai diferentes disciplinas de competición, onde se atopan, por exemplo, as categorías de coche eléctrico; de combustión, na que compiten os vigueses; híbrido ou autónomo. Os equipos deben presentar un exemplar que cumpra diferentes prestacións tanto en aceleración, freada e estabilidade, como tamén, e sobre todo, en fiabilidade. Outras cuestións que se valoran na proba son a estética, o confort e o custo de fabricación, ao que lle hai que engadir que o mantemento do vehículo presentado ten que ser baixo.

O UVigo Motorsport é o único participante galego nas competicións Formula Student de entre os 22 equipos universitarios españois, polo que segundo o responsable de Marketing, “é todo un orgullo representar a Galicia nestas competicións, demostrando así que na comunidade hai unha forte paixón pola automoción e un conglomerado de empresas que lles brinda o seu apoio. Non só nos medimos nós como equipo e como enxeñeiros, senón que tamén, dalgunha maneira, se mide a potencia industrial de Galicia, que é fundamental para nós e para o devir do proxecto”, resalta Cuesta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos