Xoves 28 Marzo 2024

Enxeñeiros de Vigo crean PictoTalk, un 'whatsapp' para o autismo

Para nenos dentro do espectro autista, pero non só para eles. Para as persoas que non poden falar, ler ou escribir, a comunicación con sistemas de mensaxería instantánea como o Whatsapp ou o Telegram non é posible. Polas súas necesidades específicas, precisan dun sistema de comunicación que permita o emprego de pictogramas no lugar de texto e nisto é no que se basea a aplicación para dispositivos Android PictoTalk,desenvolvida por Accegal, un proxecto de colaboración entre profesorado de centros públicos e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles.

Sergio Álvarez, Enrique Costa e Fátima García, os pais da aplicación
Sergio Álvarez, Enrique Costa e Fátima García, os pais da aplicación

O enxeñeiro Sergio Álvarez traballou durante un ano no deseño desta aplicación ata convertela no seu proxecto fin de carreira da man do profesor Enrique Costa e a mestra e pedagoga Fátima García. Dende o mes de xullo, cando comezou a estar dispoñible na páxina de Accegal e en GooglePlay, a app ten xa máis de 600 usuarios. Trátase dunha aplicación de mensaxería instantánea para usuarios sen lectoescritura aos que lles permite a comunicación a través de pictogramas que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Para os investigadores que forman parte de Accegal esta nova aplicación é un salto cualitativo na súa traxectoria. Se ben ata agora puxeran a disposición dos usuarios aplicacións que requirían que os usuarios estivesen no mesmo lugar, PictoTalk é un sistema de mensaxería que, empregando Internet, permite a comunicación a distancia. A aplicación é altamente configurable e permite a cada usuario contar cunha selección de pictogramas adaptada ás súas necesidades, que se poden descargar e aos que se poden unir fotografías de obxectos reais que axuden á comunicación. A app está dispoñible en español, inglés, alemán, francés e italiano.

Nenos dentro do espectro autista non poden expresarse verbalmente pero si con pictogramas

O profesor Enrique Costa explica que a liña de traballo de Accegal céntrase no desenvolvemento de aplicacións en dispositivos móbiles para persoas con diferentes tipos de capacidades. “Comezamos traballando con comunicadores, que permitían que unha persoa con diversidade funcional se puidese comunicarse co resto pero sempre estando na mesma estancia, desta volta damos un paso máis, permitindo a comunicación a distancia”, destaca Costa. Fátima García achega a este equipo de traballo a vertente educativa, como mestra e, actualmente, responsable da Formación do Profesorado en Galicia. Engade que as persoas con dificultades de comunicación, como por exemplo algúns nenos dentro do espectro autista, que non poden expresarse verbalmente, teñen unha alternativa nos pictogramas.

Dende xullo, a aplicación ten xa 750 usuarios
Dende xullo, a aplicación ten xa 750 usuarios

Neste último proxecto a idea de García e de Costa foi estender un dos seus comunicadores pictográficos, PictoDroid Lite, de xeito que os usuarios se puidesen comunicar con calquera persoa en calquera parte do mundo. Os docentes involucran no proxecto a Sergio Álvarez, que desenvolveu PictoTalk como proxecto fin de carreira. O enxeñeiro lembra que traballou neste proxecto durante un ano, ata presentalo publicamente en xullo, co obxectivo de achegalo o máis posible a algo coñecido como o Whatsapp, pero adaptado a usuarios de taboleiros de comunicación. De feito, os investigadores fan fincapé nas diferenzas entre ambos sistemas xa que mentres un emprega emoticonos o outro usa pictogramas. Fátima García puntualiza que “a pesar de que semellan ter a mesma función, os emoticonos representan fundamentalmente emocións mentres os pictogramas teñen unha función máis comunicativa moito máis complexa“. Como apuntan os docentes “representan todo tipo de conceptos semánticos da lingua oral e escrita”. De feito, os pictogramas na comunicación aumentativa teñen a función de substituír a linguaxe e permiten representar conceptos como o faría unha palabra.
Como exemplo, a docente pon o concepto de ‘contento’ que se pode representar cun emoticono fronte a conceptos como ‘ter’ ou ‘estar’ que só se poderían transmitirse cun pictograma. Así, os usuarios poden construír frases como ‘non quero ir ao colexio mañá’, que con emoticonos sería imposible de facer. Para apoiar esta función comunicativa, a app permite tamén comunicarse escribindo e ofrece a posibilidade de reproducir en voz as mensaxes recibidas, tanto pictográficas como textuais.

Publicidade

Accegal naceu no 2011 e une educación e enxeñería para persoas con diversidade funcional

Dende mediados do mes de xullo, PictoTalk acumula xa máis de 750 usuarios no servidor, que para os investigadores “son moitas para o tipo de aplicación que é”. Con todo, é unha das únicas aplicacións deste tipo que existen no mundo, polo que agardan que seguirá a crecer a súa implantación. Entre os usuarios rexistrados ata agora, a maioría son españois pero tamén hai contas de Arxentina e EEUU.
Accegal naceu en 2011 como un proxecto no que enxeñaría e educación se dan a man co obxectivo de mellorar as condicións de vida das persoas con diversidade funcional a través de sistemas de comunicación aumentativa e estimulación cognitiva. Neste proxecto sen ánimo de lucro e sen financiamento adicional, os estudantes de Telecomunicación son os encargados de desenvolver as app como parte do seu proxecto fin de carreira. Lembra Enrique Costa que cando comezaron a traballar “case non había comunicadores para persoas non verbais e o pouco que había era e inglés”. Neste tempo desenvolveron 10 aplicacións dando aos estudantes a oportunidade de poñer en valor o aprendido durante a carreira e achegando sabia nova a este proxecto. De feito, Sergio Álvarez valora moi positivamente o seu paso por Accegal e considera que foi unha etapa “moi boa tanto a nivel formativo como persoal, porque buscaba un reto e foi o que me atopei”, conclúe xusto cando comeza un novo reto, buscar unha saída laboral lonxe da súa casa, en Londres.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Canto custa o teu terreo? Esta aplicación dáche a resposta

A Dirección Xeral do Catrastro lanza unha ferramenta que permite consultar información de todos os teus inmobles urbanos e rústicos

O que sabemos do papel da microbiota no autismo e como pode mellorar os tratamentos

Recentes achados revelan que a presenza ou ausencia de determinadas bacterias inflúen nos síntomas que sofren os nenos con TEA

Un estudo sobre os xenes que causan o autismo abre novas rutas para a prevención

A neurocientífica Gaia Novarino logrou que ratos coa mutación desenvolveran dificultades motoras e sociais despois do nacemento