Un milleiro de estudantes galegos presentan os seus propios robots

Despois de meses de traballo no deseño, construción e verificación, hoxe era o día de poñer a proba os robots. Preto de mil alumnos e alumnas das catro provincias déronse cita este venres no campus de Vigo para presentar en sociedade as súas creacións tecnolóxicas na cuarta edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial, organizada en colaboración co estudantado do Institute of Electrical and Electronics Engineers e de International Society of Automation.

Os estudantes deseñaron diversos tipos de aparellos. Foto: Duvi.
Os estudantes deseñaron diversos tipos de aparellos. Foto: Duvi.

Trátase dunha iniciativa que ten como finalidade achegar a Universidade ao alumnado do ensino secundario e fomentar o interese dos rapaces e rapazas polas disciplinas tecnolóxicas e a enxeñaría en particular. Segundo explica Juan E. Pardo, director da Escola, a idea é “estimular aos rapaces e rapazas para que se manexen coas novas tecnoloxías, a robótica e as disciplinas Steam”, aquelas relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte e as matemáticas. Ademais, apunta, “supón unha experiencia de intercambio do traballado nos seus respectivos centros, algo que é moi positivo para todos”. Dende a posta en marcha desta competición en 2015, a aceptación non fixo máis ca crecer, e este ano é o de maior participación, con 183 equipos. A competición artéllase en dúas categorías: Wall-E, dirixida a estudantado de ensino secundario e Bacharelato, e R2D2, orientada a ciclos superiores e estudos universitarios. En total, tomaron parte no concurso 174 equipos en Wall-E e nove en R2D2, cada un deles co seu propio robot, deseñado, construído e programado por elas e eles mesmos.

Publicidade

Ao longo da mañá deste venres, cada equipo tivo que poñer a proba as súas creacións e algúns grupos mesmo tiveron que realizar axustes “a pé de pista” con ordenadores portátiles, desparafusadores e mesmo cinta adhesiva para arranxos de última hora. Despois chegou o momento de competir, primeiro seguindo unha liña e evitando obstáculos e logo nunha proba de sumo entre robots. Finalmente, e tras varias clasificatorias, na categoría Wall-E, o equipo Tecnoval 2 do IES de Valadares foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; ElectroTeam do CPR Liceo la Paz impúxose entre os equipos de 3º e 4º da ESO e o Brión 1 do IES de Brión nos de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo JAN do Colegio de Fomento Montecastelo. Ademais, o xurado outorgou galardóns á orixinalidade, na categoría Wall-E para o IES San Rosendo Amolou 4 e na de R2D2 para Las leyendas da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.

A Escola de Enxeñaría Industrial acolleu a centos de estudantes. Foto: Duvi.
A Escola de Enxeñaría Industrial acolleu a centos de estudantes. Foto: Duvi.

A mañá transcorreu entre os nervios da competición, a ilusión da estrea e o bulebule entre grupos compartindo experiencias. Para os estudantes do IES Auga da Laxe, de Gondomar, esta era a súa primeira participación. “Levamos dende o comezo do segundo trimestre traballando no robot, que está cuberto con algodón para absorber os ultrasóns e evitar que os outros robots o detecten”, mellorando así as súas competencias na proba de Sumo. Os seus membros amosábanse entusiasmados con esta iniciativa e interesados no eido da robótica e a tecnoloxías, pero tamén con ganas de testar as competencias do seu autómata.

Publicidade

Outro dos equipos, do Instituto San Rosendo de Mondoñedo, apostou por darlle forma redondeada ao seu robot e por iso elixiron caracterizalo como a mascota virutal Pou “e como somos dunha zona agrícola quixemos poñerlle algo moi típico, unha gorra de Biona”. Tamén lle instalaron unha goma na parte dianteira, “para defenderse no sumo”. Sobre esta experiencia, recoñecían estar felices pola alta participación, “pero é algo que tamén nos pon nerviosos xa que hai máis competencia e está todo o mundo mirándonos”.

Cada un dos equipos está coordinado por docentes do seu instituto, que coinciden en valorar moi positivamente esta iniciativa. É o caso do IES Ortigueira, que acudía por primeira vez ao concurso e facíao con dous grupos. Unhas das súas profesoras explicaba “que en principio estaban moi perdidos, pero cando comezaron a organizarse xa se foron emocionando e poñéndolle ganas, mesmo competindo entre os dous equipos e, en función dos resultados, corrixindo erros e reprogramando”. Destaca que o feito de ter materias de robótica dende primeiro da ESO permítelles irse familiarizando con este eido, “é unha disciplina con moito tirón e, a través dela, van traballando tamén matemáticas, electrónica, etc. e fano dende a perspectiva dun xogo”. A docente fai fincapé tamén na importancia de implicar nestas disciplinas ás nenas, e para iso contan no seu centro cun proxecto que se chama Girls and Steam e, “de feito nos noso equipos as rapazas son maioría”, algo que sucedía en boa parte dos institutos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios