A xornada porá sobre a mesa algúns dos debates e perspectivas máis interesantes sobre intelixencia artificial. Foto: CiTIUS.

A xornada porá sobre a mesa algúns dos debates e perspectivas máis interesantes sobre intelixencia artificial. Foto: CiTIUS.

Encontro divulgativo sobre intelixencia artificial no CiTIUS

O centro celebra unha xornada de portas abertas ao público onde se abordarán diversos aspectos dunha disciplina con grande potencial

A intelixencia artificial (IA) é unha disciplina que promete dar moito que falar nos vindeiros anos. Saúde,  automoción, finanzas, emprego, publicidade, industria ou internet son só algúns dos eidos nos que a IA promete mudar moito o panorama. Neste contexto, o CiTIUS promove este 10 de xullo a xornada ‘O futuro da Intelixencia Artificial, a debate’, na que especialistas de universidades, empresas e outras institucións discutirán sobre o impacto e os límites da Intelixencia Artificial no marco dun encontro monográfico e divulgativo que durará todo o día.

A mesa redonda da mañá abordará a perspectiva empresarial; pola tarde, falarán científicos expertos na materia

Os debates terán lugar no salón de actos do CiTIUS ao redor de dúas mesas redondas: tras unha sesión de mañá con representantes do sector empresarial, que porán o foco nas aplicacións industriais, a quenda de tarde reunirá a científicos expertos na materia. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.

A capacidade das máquinas para resolver problemas da súa contorna de forma razoada e autónoma, imitando o comportamento dos seres humanos, abre un interesante e necesario debate sobre o marco legal apropiado para o seu desenvolvemento e funcionamento, así como os seus límites tecnolóxicos e éticos. Os seus evidentes beneficios son incuestionables: coches autónomos, cirurxías robóticas ou dispositivos que recoñecen e interpretan voces e imaxes teñen demostrado xa a súa utilidade. Con todo, outras visións menos optimistas temen que a Intelixencia Artificial, capaz de “pensar” e aprender por si mesma, acabe por substituír o labor do ser humano e escape ao seu control, en lugar de converterse nunha ferramenta de colaboración que aumente as súas capacidades.

A proliferación das técnicas de intelixencia artificial é tal que o desenvolvemento desta área xa entrou na axenda política das altas institucións comunitarias. Recentemente , a Unión Europea incluía no seu novo Programa Marco de investigación e Innovación para o período 2021-2027, ‘Horizon Europe’ un programa complementario centrado nas TIC, o ‘Dixital Europe Programme’, onde a Intelixencia Artificial ocupará unha das cinco áreas destacadas ao ser considerada como unha das tecnoloxías máis prometedoras para facer fronte aos desafíos sociais e contribuír ao crecemento económico nos próximos anos.

Programa da xornada:

10.00: Presentación, a cargo de Paulo Félix, director do CiTIUS.

10.10: Mesa redonda, Impacto socioeconómico da intelixencia artificial: ata onde somos quen de ver? Modera, Antonio Bahamonde, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidad de Oviedo. Con Isabel Fernández (Accenture Applied Intelligence), Adrián Canedo (SITUM) e Lorena Jaume-Palasí (AlgorithmWatch).

16.00: Mesa redonda, Ten límites a intelixencia artificial? Hai que poñerllos? Modera: Senén Barro, investigador do CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela) Con Enric Trillas Ruiz, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e presidente honorífico do European Centre for Soft Computing (ECSC); Óscar Cordón García, catedrático da Universidade de Granada (URG) e vicepresidente da Delegación para a Universidade Dixital da UGR; Ramón López de Mántaras, director do Institut d’Investigació en Intel·ligència  Artificial (IIIA-CSIC).

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.